Cargando....
Concello de Lugo
23/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

COMENZA O 8º CONCURSO DE TAPAS DE LUGO


# Venres, 14/09/2012
Antón Bao e o presidente da Apehl, Cheché Real, inauguraron de forma oficial a oitava edición do Concurso de Tapas de Lugo.

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada

O acto de apertura tivo lugar no restaurante Paprica por ser o establecemento gañador do certame a pasada edición.

Lucenses e foráneos teñen unha cita coa gastronomía de competición ata o día 30 de setembro, data de finalización da oitava edición do Concurso de Tapas de Lugo. Este evento, organizado pola Asociación de Empresarios da Hostalería conta co apoio da área de Turismo do Concello de Lugo que dirixe o nacionalista Antón Bao.

Dende hoxe e ao longo dos vindeiros 15 días, un total de 45 establecementos hostaleiros ofrecerán a súa proposta culinaria en horario de 13.00 a 15.30 e de 20.00 a 22.30 horas e a un prezo que oscilará entre 1 e 3 euros, sendo o público o que elixa cos seus votos a tapa gañadora do concurso, o premio Marqués de Cernadas e o premio tapa ecolóxica.

Por outra banda, o xurado profesional decidirá os gañadores da mellor tapa creativa, a mellor tapa tradicional, a que mellor maride con viño da DO Ribeira Sacra e a que mellor case con cervexa Estrella Galicia entre os 10 establecementos finalistas previamente escollidos polo xurado popular.

Premios para o público
A participación no concurso trae consigo a posibilidade de conseguir un gran número de premios entre os que destacan unha fin de semana en Londres para dúas persoas, 10 bonos para dúas persoas pola Ribeira Sacra que inclúen ruta en catamarán, visita a adegas e degustación de viño, estancias para dúas persoas en hoteis de toda a provincia e ceas en restaurantes de Lugo. O único requisito para entrar no sorteo destes agasallos é depositar en urna o cupón de votación debidamente cuberto, selado por seis locais diferentes e no que se indique a tapa e o establecemento aos cales vai dirixido o voto.

O público tamén poderá optar ao sorteo dun cruceiro polo Mediterráneo para dúas persoas depositando en urna o denominado pasaporte do concurso, que deberá estar selado polos 45 locais participantes e correctamente cuberto cos datos persoais de cada un.

Web propia e páxina en Facebook
A presente edición do Concurso de Tapas será recordada tamén pola ampla difusión que xa está tendo en internet e, en concreto, nas redes sociais, onde se fomentará a participación dos internautas, que poderán enviar as súas fotos e comentar as súas impresións na páxina de Facebook “8º Concurso de Tapas de Lugo”.

O certame dispón tamén dunha web propia, www.concursodetapasdelugo.com, na que os internautas poderán informarse de todos os detalles do certame: locais participantes e ubicación, propostas culinarias, como participar, premios que se sortearán etc.

www.concursodetapasdelugo.com

 




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova