Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

SAN FROILÁN GALEGO E EN FEMININO


# Sábado, 15/09/2012
Antón Bao anunciou unhas festas cheas de música galega nas que as mulleres terán un especial protagonismo

O grupo Leilía abrirá os concertos o día 4 e o domingo das mozas estará protagonizado por grupo femininos.

O concelleiro de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, o nacionalista Antón Bao, deu a coñecer os grupos galegos que serán protagonistas das festas do San Froilán 2012. Bao dixo que “ao igual que o ano pasado seguimos apostando por grupos galegos” e engadiu que “queremos que a música galega teña presenza no San Froilán pola súa calidade, pola súa variedade e tamén polas moitas felicitacións que recibimos pola programación da pasada edición”. Antón Bao sinalou que “é unha responsabilidade, por parte das administracións galegas, apostar polos músicos e polas formacións musicais do país que están a pasar, como moitos outros sectores, un mal momento por mor da crise económica”.

O xoves día 4 as festas abriranse cun concerto, na praza de Santa María, do grupo Leilía que esta a presentar o seu novo traballo Consentimento. O venres 5, día de San Froilán, actuará a Orquestra Folk Sondeseu, unha agrupación formada por máis de 50 músicos que recibiu o ano pasado o Premio da Crítica de Galicia na súa modalidade de Música. O domingo das mozas, 7 de outubro, o grupo Malvela ofrecerá un concerto na praza de Santa María presentando o seu novo traballo Raianas. Tamén o domingo das mozas actuará a cantautora galega Sés na praza do Campo Castelo presentado o seu traballo discográfico Admirando a Condición. O xoves 11 de outubro, na praza do Campo Castelo, actuará o cantautor Emilio Rúa que presentará o seu novo disco Interior. O venres 12 de outubro pecharanse as festas na praza do Campo Castelo co concerto da formación ferrolán Víctor Aneiros Blues Band que fará o seu concerto acompañado da cantante candiense Julie Guravich.

Ademais dos grupos galegos anunciados hoxe tamén terán presenza nas festas do San Froilán 2012 un importantísimo número de grupos locais. Outros moitos grupos galegos, que tamén actuará no San Froilán 2012, estarán integrados en festivais e eventos organizados por colectivos culturais dentro do programa das festas deste ano.

San Froilán en Feminino
Antón Bao sinalou que “quixemos dar este ano un especial protagonismo ás mulleres que fan música no noso país en diferentes estilos. Por iso todos os concertos que se celebrarán o domingo das mozas estarán protagonizados por mulleres”. Tamén será o grupo Leilía, integrado por mulleres, o que abran as festas na praza de Santa María o 4 de outubro. Tamén será grupos femininos os que participen nos concertos organizados, na tarde do domingo das mozas, dentro do festival organizado pola Asociación de Gaiteiros Galegos. Antón Bao lembrou que tamén este ano a pregoeira será Pilar García Negro e a ofrenda a Rosalía de Castro será a cargo da escritora Marica Campo.

Enlaces:

Leilía - http://leilia.net

Orquestra Folk Sondeseu - http://www.sondeseu.org

Malvela - http://www.malvela.com

Sés - http://www.mariaxosesilvar.com

Emilio Rúa - http://emiliorua.es

Víctor Aneiros Blues Band - http://www.victoraneiros.com

Toda a información sobre as festas do San Froilán en

www.sanfroilan.info

 




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova