Cargando....
Concello de Lugo
22/09/19
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo súmase á Semana Europea da Mobilidade que trata de favorecer o uso de medios de locomoción alternativos ós vehículos particulares


# Luns, 17/09/2012
O Alcalde presentou as actividades que se van desenvolver ata o vindeiro domingo

Imaxe Asociada Imaxe Asociada

O sábado, con motivo do Día sen coches, os buses urbanos de Lugo serán gratuítos e non se poderá aparcar en superficie no Casco histórico

O Concello contribúe á seguridade dos peóns coa creación de dúas zonas 30 en Augas Férreas e no Barrio Feijóo



O Alcalde, José López Orozco, presentou hoxe os actos da Semana Europea da Mobilidade, que pretende concienciar ós veciños da necesidade de facer un uso racional do coche para favorecer a seguridade dos peóns e apoiar que as cidades sexan un lugar de convivencia.

O Concello de Lugo súmase un ano máis á Semana Europea da Mobilidade coa organización de numerosas actividades que teñen o obxectivo de favorecer o uso do transporte público e doutros medios de locomoción como a bicicleta, e racionalizar o uso dos vehículos particulares, co fin de evitar ruídos e diminuír a contaminación e o abuso no consumo enerxético.

López Orozco anunciou que, durante toda a semana haberá diferentes actividades, como circuítos de bicicletas e patíns, charlas nos centros cívicos, sendeirismo, entre outras, que organizan as Concellerías de Educación, Benestar Social, Servizos Sociais, Servizos Xerais e Deportes.

O Concello tamén trata de favorecer a mobilidade dos peóns co novo plan de sinalización que inclúe como principais novidades dúas zonas 30, en Augas Férreas e no Barrio Feijóo.

Ademais, o Alcalde ditou un bando no que anima ós veciños a absterse de usar os vehículos particulares o sábado, día 22, cando se celebra o Día sen coches, entre as 10.00 e as 22.00.

Esta invitación compleméntase cunha serie de medidas como a posibilidade de facer uso gratuitamente do transporte público urbano colectivo durante esa xornada. Ademais, delimítase como zona de restrición ó tráfico a que comprende todas as rúas sitas no interior do recinto amurallado. Por ese motivo, só se permitirá o acceso de vehículos para a entrada e saída dos aparcadoiros subterráneos, a través das rúas do Teatro (aparcadoiro de Santo Domingo), Montevideo, Bolaño Rivadeneira e a praza do Ferrol (aparcadoiro da praza do Ferrol) e non se permitirá ese día o estacionamento en superficie no interior do recinto amurallado.

E o domingo, día 23, o Día da Bicicleta, haberá unha marcha ciclista a partir das 12.00 polo que se vai cortar o tráfico no seu itinerario: Praza Maior, Rúa da Raíña, Rúa San Marcos, Rúa Amor Meilán, Rúa Nova, Rúa Montevideo, Rúa Quiroga Ballesteros, Praza de Santo Domingo, Praza Maior, Rúa Bispo Aguirre, Ronda Muralla, Rúa do Conde, Rúa Río Sil, Avenida Infanta Elena e Centro Comercial As Termas.

Programación

O calendario de actividades da Semana da Mobilidade tivo un preámbulo onte, co recorrido sendeirista Lucus a Pé.

Dende hoxe ata o mércores, inclusive, o Parque Infantil de Tráfico instalará un circuíto de bicicletas o na praza de Anxo Fernández Gómez, de 17.00 a 19.30 horas.

O mércores, día 19, tamén comezan as charlas que impartirá a Policía Local nos Centros de convivencia. Ese día terán lugar no Uxío Novoneyra e no Maruja Mallo, entre as 17.30 e as 18.30 horas.

O xoves, día 20, haberá unha actividade na que participarán alumnos do colexio Illa Verde. Trátase do chamado programa Pequeaxentes, no que os nenos encargaranse de repartir adhesivos en cores verde e vermella para premiar ou censurar a quen non cumpra coas normas de circulación. Esta actividade desenvolverase pola mañá, en horario escolar. Xa pola tarde, de 16.00 a 20.00 horas está programada unha rota de sendeirismo na parroquia de Coeses; entre as 17.30 e as 18.30 horas haberá charlas sobre seguridade vial e mobilidade nos Centros de convivencia Díaz Castro e Trapero Pardo e entre as 20.00 e as 21.00 horas instalarase un circuíto de patíns na praza de Anxo Fernández Gómez.

Para o venres, día 21, están programadas unha nova rota de sendeirismo, que terá lugar de 16.00 a 20.00 horas polo paseo do Miño-Ombreiro e un circuíto de patíns na praza Anxo Fernández Gómez entre as 20.00 e as 21.00 horas.

O sábado, cando se celebra o Día sen Coches, desenvolveranse no Casco histórico a actividade chamada “A cidade sen o meu coche”, que supón restricións no tráfico e estacionamento de vehículos no Centro da cidade e, ademais, será gratis o transporte público.

E o domingo, Día da Bicicleta, haberá unha marcha ciclista. Os participantes concentraranse ás 11.30 na Praza Maior para percorrer a cidade en bici. Os actos rematarán ás 13.00 horas no Centro Comercial As Termas. Ademais, durante toda a xornada habilitaranse para circular en bicicleta o parque da Milagrosa e un treito da Avenida Infanta Elena.

Zonas 30 e peonalización

O Alcalde tamén anunciou, con motivo da Semana Europea da Mobilidade, varias medidas que pon en marcha o Concello para favorecer a mobilidade dos peóns en detrimento dos vehículos, que se inclúen no Plan de sinalización e seguridade viaria.

Entre elas figura a creación de dúas zonas 30 para limitar a velocidade e diminuír a circulación de vehículos en Augas Férreas e no Barrio Feijóo, así como a peonalización de varias rúas e a utilización dun novo tipo de pintura mesturado con áridos nos pasos de peóns para facelos antideslizantes e darlle máis seguridade ós peóns.

Neste plan tamén se inclúen partidas para darlle máis eficacia á peonalización de distintas rúas e evitar a circulación de vehículos particulares. Concretamente trátase do vial de Leiras Pulpeiro, a Transversal de Rof Carballo, a Transversal de Venancio Senra, a rúa Xosé Ferro Coengo, e Soto Freire.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova