Cargando....
Concello de Lugo
20/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Un total de 20 magos chegados de Galiza, Brasil e varios puntos do Estado español actuarán durante as festas en distintos escenarios da cidade


# Mércores, 19/09/2012
O patio do Seminario Menor acollerá catro galas de maxia os días 7, 8, 9 e 12

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada

O cantante Zenet actuará o martes 10 na Praza de Santa María e o sábado 6 farao o grupo canario Los Gofiones


A maxia terá unha importante presenza este ano no San Froilán e contará cun escenario específico no patio do Seminario Menor que acollerá catro galas de maxia durante as festas. O tenente alcalde e responsable de Cultura, o nacionalista Antón Bao, que presentou esta mañá esta programación xunto ao lucense Mago Antón, destacou que “en Lugo hai moita afección á maxia por parte dos cidadáns e un bo número de magos e todo iso tiña que estar presente nas festas”.

En total serán 20 os magos chegados de Galiza, Brasil e varios lugares do Estado español os que actúen durante as festas en distintos puntos da cidade. O escenario principal será no patio do Seminario Menor, que acollerá 4 galas os días 7, 8, 9 e 12 de outubro, todas elas de balde. O domingo 7 terá lugar a Gala San Froilán, presentada polo Mago Cali (Vigo) e actuacións do Mago Rafa (Lugo), Javi Benítez (Sevilla), Luis Manuel (Granada) e Caíto (Madrid). Ao día seguinte será a Gala Magos de Lugo, presentada por David Méndez e na que actuarán os magos Toño, Tomás, Carlos e Manuel Lamas. O día 9 celebrarase a Gala Unipersonal a cargo Lipán JR, chegado de Brasil. Por último, o día 12 terá lugar a Gala Magos Galegos, presentada polo Mago Antón e na que actuarán Kiko Pastur, Román García, Martín Varela e o Mago Mimo Anllo.

Ademais destas catro galas, haberá maxia de rúa na Rúa da Raíña os días 7, 8 e 9 de outubro ás 12 da mañá e as 6 da tarde a cargo do Mago Caíto. Tamén estará instalado durante todas as festas o Mago Móbil, un camión que estará situado na baixada á Praza de Santa María e polo que irán pasando distintos magos a facer os seus espectáculos. Cunha capacidade para 60 persoas en cada pase, acollerá 7 funcións diarias ás 12, 13, 17, 18, 19, 20 e 21 horas.

O Mago Antón destacou esta mañá na presentación desta programación a presenza dos magos de Lugo e distintos magos galegos neste San Froilán e dixo que en total haberá máis de 70 actuacións de maxia durante as festas en distintos puntos da cidade.

Actuacións de Zenet e Los Gofiones

Antón Bao anunciou ademais dúas actuacións máis que se suman ao programa das festas: a do cantante Zenet, que actuará o mércores 10 en Santa María, e a do grupo canario Los Gofiones, que o fará o sábado 6. Zenet ofrecerá un espectáculo baseado na copla, o bolero e o jazz, aínda que tamén soarán tangos ou flamenco. Este artista malagueño comezou a súa carreira como actor con aparicións en películas como El camino de los ingleses, Camarón ou Morirás en Chafarinas e en series de televisión como El Comisario ou Hospital Central. Da pantalla deu o salto á música editando no ano 2008 o seu primeiro álbum, titulado Los Mares de China. En 2010 sacou o seu segundo disco, Todas las calles. Pola súa banda, Los Gofiones é un coro instrumental e vocal canario composto por máis de 30 persoas que interpretan temas tradicionais da música canaria.

Toda a información sobre as festas do San Froilán en www.sanfroilan.info




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova