Cargando....
Concello de Lugo
01/06/20
NOVAS
Escoita esta páxina

A Concellería de Infraestruturas acomete obras en distintos puntos da cidade por importe de 190.000 euros


# Mércores, 19/09/2012


Imaxe Asociada Imaxe Asociada
Ampliáronse as beirarrúas que dan acceso aos colexios das Gándaras e Illa Verde, renovaranse as canalizacións e o firme das rúas Río Oribio e Xoán Rico Pérez e remodelarase o entorno da Fonte da Pinguela e a Porta Miñá

Luís Álvarez informou dos asuntos acordados na XGL destacando a construción dunha nova nave no parque empresarial das Gándaras


A Concellería de Infraestruturas, que dirixe a nacionalista Paz Abraira, acomete nestes momentos obras en distintos puntos da cidade por un importe total de 190.000 euros, segundo deu conta hoxe na rolda de prensa logo da Xunta de Goberno Local. Estas actuacións forman parte do Orzamento da Concellería de Infraestruturas e Axenda 21 para o ano 2012.

Unha das obras é a mellora da rúa Río Oribio, situada no Barrio Feijóo, perpendicular á rúa Otero Pedrayo. Os traballos iniciaranse ao longo deste mes de setembro e consistirán na renovación do firme e os servizos e canalizacións desta rúa. O Orzamento da obra é de 33.000 euros.

Tamén se renovará o asfaltado na Rúa Xoán Rico Pérez, que presenta un pavimento moi deteriorado pola acusada pendente que ten e por tratarse dunha vía que permite a conexión entre a Estrada do Rato e a Rolda de Fontiñas. A empresa encargada da obra será a lucense ASOGAL. O orzamento de licitación ascende a preto de 50.000 euros sendo o prazo de execución de 1 mes.

Están sendo tamén acometidas obras nas rúas Roi Xordo e Calzada das Gándaras para mellorar a seguridade nos accesos a dous colexios públicos da cidade, o Illa Verde e o colexio das Gándaras. Estas actuacións, demandadas dende fai tempo polas ANPAS e a comunidade educativa destes centros, consistiron na ampliación das beirarrúas para mellorar a seguridade dos nenos e nenas. O Orzamento no caso da rúa Roi Xordo foi de 10.000 euros e no caso da Calzada das Gándaras de 21.000 euros.

Finalmente, Paz Abraira informou de que nas vindeiras semanas iniciarase a obra de urbanización e mellora da contorna da Fonte da Pinguela. Este espazo, situado na confluencia das rúas Tinería e Travesía do Miño á altura da Porta Miñá, será integramente remodelado grazas á execución dun dobre proxecto: as obras de restauración da fonte serán acometidas pola Xunta de Galiza mentres que o Concello encargarase de remodelar a contorna da fonte mellorando a accesibilidade da zona. A actuación conta co financiamento do Plan Urban, contempla un orzamento de 76.500 euros e un prazo de realización de 6 meses.


Asuntos Xunta Goberno Local

O Concelleiro de Urbanismo, Luís Álvarez, salientou que os asuntos acordados na Xunta de Goberno Local foron unicamente de índole urbanística, en concreto concesións de licenzas de obras. Entre elas destacou a solicitude de licenza para a construción dunha nova nave no parque empresarial de As Gándaras e do que destacou “cousa que como saben sempre comentamos porque é unha dobre boa noticia pola creación dunha nova infraestrutura e porque está nun parque empresarial modélico.”

Rematan as obras no tramo peonil da Ronda da Muralla

A Concelleira de Infraestruturas tamén informou de que no día de onte remataron os traballos de instalación do mobiliario no tramo peonil da Ronda da Muralla. Paz Abraira dixo que dende este momento os pais dos alumnos dos dous colexios privados que hai na zona non teñen autorización para entrar cos seus vehículos a este espazo, que pasa a ser peonil “e do que xa poden disfrutar todos os lugueses e luguesas”, dixo Paz Abraira.

Apagón do alumeado público en solidariedade cos traballadores de Alcoa

Doutra banda, a concelleira nacionalista tamén anunciou que o Concello de Lugo tomou a decisión de apoiar o apagón que terá lugar mañá en demanda dunha tarifa eléctrica especial para a factoría de Alcoa en San Cibrao para evitar que esta industria se marche da comarca da Mariña. Paz Abraira explicou que en solidariedade cos traballadores e traballadoras de Alcoa e con toda a comarca da Mariña, o Concello de Lugo apagará de xeito simbólico as luces do seu alumeado público da Praza Maior de 21:30 a 21:45 horas e animou a todos os cidadáns a facer o mesmo nas súas casas porque, dixo, “o que lle pase a Alcoa aféctanos a todos porque é un dos piares da economía da provincia de Lugo”.


Coñeza o estado das obras en marcha.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova