Cargando....
Concello de Lugo
21/10/20
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo anunciou a resolución de axudas por valor de 57.500 euros a 10 novos comercios a través do Plan Urban


# Xoves, 20/09/2012
A Concelleira de Economía tamén informou de que xa está funcionando o sistema sonoro para persoas con diversidade funcional visual en 8 das paradas SAE

Imaxe Asociada

O Alcalde recollerá o próximo luns un galardón outorgado pola Secretaria General de Comercio Interior pola xestión do Plan Urban

A Concelleira de Economía, Emprendemento e Autónomos, Sonia Méndez, informou esta mañá de novas relacionadas co Plan Urban, que está a desenvolver o Concello de Lugo e que conta cun financiamento do 80% de fondos da Unión Europea.

Sonia Méndez informou da concesión das axudas da primeira convocatoria do Plan Urban para a creación de novos comercios. Desta maneira, son 10 novos comercios que se crearon no centro histórico de Lugo e aos que se lles concedeu un total de 57.500 euros. A Concelleira de Economía manifestou que “este tipo de axudas son importantes porque apoian a emprendedores aos que ademais se lles valorou a viabilidade do proxecto porque se trata de fomentar comercios con continuidade”. Estas subvencións dan prioridade aos negocios que se queiran instalar na Praza e no Mercado de Abastos e tamén aos que saian dos viveiros de empresas da cidade.

A responsable da área de Economía incidiu en que todas as solicitudes foran atendidas, agás unha que non aportou a documentación requirida, e que ningunha quedou excluída por falta de financiamento polo que, o presuposto non empregado pasa a formar parte da segunda convocatoria das axudas e ronda os 100.000 euros. A creación de emprego é outro dos requisitos esenciais e, desta maneira, o número de empresas que teñen concedido axuda é de 10 que crean 12 novos postos de traballo dos que 9 son mulleres.

Sistema sonoro no SAE
A Concelleira de Economía tamén informou que xa están en funcionamento o novo sistema sonoro nas paradas do transporte urbano SAE que están dentro da área do Plan Urban. Desta maneira, todas as persoas con problemas visuais poderán consultar o estado das liñas de autobús premendo un botón e escoitando a información que dá a través dun pequeno altofalante. A instalación fíxose en 8 paradas correspondentes coa Ronda da Muralla e rúas adxacentes. Trátase dun software cun sistema sintetizador de voz accesible ás persoas con diversidade funcional visual. Para o seu funcionamento haberá que premer un botón de onde sairá unha locución en galego coa información reflectida nos paneis.

Premio Nacional de Comercio Interior 2011
Sonia Méndez, tamén fixo público a concesión do Premio Nacional de Comercio Interior que outorga a Secretaría General de Comercio Interior ao Concello de Lugo pola súa xestión do Plan Urban e a dinamización que este plan supuxo no centro histórico de Lugo. O próximo luns o Alcalde recollerá o premio no Mercado de San Antón en Madrid. Neste sentido manifestou que “seguiremos traballando nesta senda e conseguir unha mellora da calidade de vida no centro histórico ademais de potenciar a creación de novos negocios e novos postos de traballo”.

www.lugo.es/urban

 




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova