Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

A Concellería de Infraestruturas destinará 72.000 euros para renovar o pavimento da rúa dos Clérigos, deteriorado polo tránsito de vehículos


# Mércores, 26/09/2012
A Xunta de Goberno tamén acordou revisar o canon da adxudicataria de limpeza viaria e de recollida do lixo pola suba do IVE e do IPC que lle suporá ó Concello 260.000 euros máis ó ano

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
A Concellería de Infraestruturas acometerá obras de renovación do pavimento na rúa dos Clérigos. O proxecto, aprobado hoxe en Xunta de Goberno, prevé a substitución do actual pavimento de adoquín por unha solución mixta de adoquín e granito naquelas zonas de máis tránsito rodado. Esta rúa do casco histórico presenta nestes momentos zonas moi deterioradas, co adoquín levantado, polo excesivo tránsito de vehículos.

A obra conta cun orzamento de 72.700 euros que serán financiados cos fondos destinados á rehabilitación do casco histórico segundo o convenio asinado entre Concello, Xunta e Goberno central, segundo explicou na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno o tenente alcalde, o nacionalista Antón Bao. O prazo de execución da obra é de tres meses.

Pola súa parte, o Concelleiro de Urbanismo, Luís Álvarez, informou de que a Xunta de Goberno acordou a revisión de prezos para aplicar o aumento do IVE decidido polo Goberno e a actualización do IPC coa adxudicataria da concesión de limpeza viaria, recollida de residuos e transporte para o seu tratamento. Como consecuencia da suba en dous puntos do tipo do IVE, que pasou a ser do 10%, e a actualización do IPC o Concello pagará á concesionaria 260.000 euros máis do que viña aboándolle.

A Xunta de Goberno acordou tamén a contratación dos servizos de coordinación e desenvolvemento de actividades na Casa da Xuventude e na Casa da Música. O contrato é para a prestación dos servizos de atención ó público nas dependencias, dinamización e xestión das actividades e desenvolvemento de actividades programadas nos espazos xuvenís, ademais de un máximo de 1.000 horas para obradoiros e maiores. O valor máximo do contrato para cada anualidade é de 64.660 euros, IVE incluído. O contrato será por dous anos, con posibilidade de prórroga ata un máximo de catro.

Eleccións galegas

Tamén deu conta de que a Xunta de Goberno Local autorizou a realización de servizos extraordinarios por persoal municipal con motivo das eleccións ó Parlamento galego, o día 21 de outubro. Esta medida afecta a distinto persoal municipal que debe colaborar para o desenvolvemento da xornada electoral tanto realizando as notificacións das mesas electorais, como en labores de informática e estadística ou na apertura e peche de instalacións municipais que funcionarán como colexios electorais.

Operación Pokemon

A preguntas dos xornalistas en relación á operación Pokemon, tanto Antón Bao como Luís Álvarez explicaron que o Goberno municipal de Lugo segue a traballar con normalidade. “No actual Goberno municipal non hai ningunha persoa detida ou imputada por este caso, polo tanto mantemos a calma e o traballo”, indicou Antón Bao, que anunciou que “se as houber, por parte do BNG tomaríanse as mesmas decisións e adoptaríanse as mesmas medidas que se tomaron en Ourense”.

En relación á detención hoxe dun concelleiro do BNG na cidade das Burgas, o tenente alcalde lucense reiterou que “en primeiro lugar débese manter a presunción de inocencia e en segundo lugar e en coherencia co que o BNG leva dicindo e facendo, en caso de ser imputado, de xeito inmediato e sen ningún tipo de dilación asumiranse por parte do noso compañeiro de Ourense as mesmas responsabilidades políticas que reclamamos no resto dos casos”. Bao tamén cualificou de “modos desproporcionados” os termos nos que se produciron todas as detencións deste caso.

Pola súa parte, o Concelleiro de Urbanismo e Voceiro socialista, Luís Álvarez, recoñeceu “a absoluta consternación do Grupo municipal socialista” polas noticias que publicou a prensa respecto desta investigación xudicial e dixo que “estamos avergonzados e lamentamos profundamente que se teñan producido as situacións que, polo que imos coñecendo, parece que se produciron”.

“En todo caso, nós imos defender os intereses do Concello facendo todo o que haxa que facer para garantir que, se nalgún momento houbo algún tipo de lesión ós intereses municipais, se clarexen e se tomen as medidas oportunas”, engadiu o Voceiro socialista e Concelleiro de Urbanismo.

Luís Álvarez tamén expresou “o máximo respecto a unha investigación xudicial, que está baixo o secreto do sumario” e destacou que a operación “non está a afectar ó funcionamento nin á gobernabilidade do Concello nin hai ningún tipo de situación excepcional máis aló da situación emocional na que nos atopamos polo que se vai coñecendo desta operación”.


Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova