Cargando....
Concello de Lugo
20/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Parque Rosalía de Castro acollerá actividades gratuítas de ximnasia, xogos populares e cestería durante o San Froilán


# Mércores, 26/09/2012
Para evitar o deterioro desta zona verde emblemática de Lugo este ano non se instalarán postos de venda nas rúas Puro Cora e Pascual Veiga.

Imaxe Asociada Imaxe Asociada

A Banda Municipal, reforzada con 15 músicos máis, ofrecerá un concerto o Domingo das Mozas dende o quiosco da música do Parque Rosalía


O Parque Rosalía de Castro, a zona verde máis emblemática da cidade de Lugo, acollerá este ano distintas actividades durante o San Froilán co obxectivo de poñer en valor este espazo despois da súa recente remodelación. “Queremos que o Parque Rosalía luza como nunca neste San Froilán”, afirmou esta mañá o tenente alcalde, o nacionalista Antón Bao, na presentación destas actividades.

As actividades serán gratuítas e abertas á participación do público. Así, durante as festas e en horario de mañá e de tarde haberá no Parque Rosalía ximnasia para todas as idades a cargo de monitores da Asociación de Ximnasios de Lugo, que colabora nesta iniciativa; xogos populares, como un Torneo aberto de Billarda que se celebrará o día 6 pola tarde, organizado pola Asociación O Varal; e obradoiros de cestería, impartidos pola Asociación Corazóns Artesáns.

Outra das novidades será que a Banda Municipal volverá a actuar no Parque Rosalía. En concreto, dará un concerto o día 7, Domingo das Mozas, á unha e media da tarde, a continuación da tradicional Ofrenda a Rosalía, dende o quiosco da música do Parque, que levaba anos sen ser utilizado e acaba de ser rehabilitado. Antón Bao anunciou ademais que a Banda será reforzada para os concertos que dará no San Froilán (ademais deste concerto no Parque actuará tamén no templete da Praza Maior) con 15 músicos a maiores dos 20 cos que conta actualmente. O obxectivo é “que a Banda Municipal de Lugo soe con todo o seu esplendor, coma nos seus mellores tempos”, dixo o tenente alcalde nacionalista.

Recadados 304.000 euros polas atraccións e os postos de venda

Antón Bao tamén explicou que este ano, e co obxectivo de preservar o Parque Rosalía e eliminar a presión de barracas e postos de venda no seu entorno, remodelouse o feiral para eliminar os postos de venda que se colocaban nas rúas que rodean o Parque, en concreto en Puro Cora e en Pascual Veiga. Estes postos serán trasladados ao comezo de Rodríguez Mourelos.

O responsable de Cultura tamén deu o dato da recadación conseguida este ano pola adxudicación das parcelas destinadas a postos de venda e atraccións. Explicou que foron adxudicados 112 espazos, cos que 49 estarán ocupados por carruseis (quedaron desertos 6 que serán de novo sacados a concurso antes de que comecen as festas). En total, recadáronse 304.000 euros, unha cantidade similar á de anos anteriores a pesares de térense reducido o número de espazos para reducir o ruído e as molestias aos residentes e a afectación sobre o Parque Rosalía. En relación ás queixas dalgúns dos barraquistas, Bao dixo que “o Concello vixiará o cumprimento escrupuloso das bases e condicións da adxudicación”.

ACTIVIDADES NO PARQUE ROSALÍA DE CASTRO SAN FROILÁN 2012


XOVES 4 

16.00 h.
Actividade de cestería a cargo da Asociación Corazóns Artesáns no parque de Rosalía de Castro
 
 
VENRES 5
DÍA DE SAN FROILÁN 

10.00 h.
Actividade de cestería a cargo da Asociación Corazóns Artesáns no parque de Rosalía de Castro 

11.00 h.
Actividade aberta de Danza do Ventre co Ximnasio Sculture no parque de Rosalía de Castro. 

16.00 h.
Actividade de cestería a cargo da Asociación Corazóns Artesáns no parque de Rosalía de Castro

SÁBADO 6 

12.00 h.
Actividade aberta de Wu Shu - Defensa Persoal Danza do Ventre co Ximnasio Olympuss no parque de Rosalía de Castro. 

16.30 h.
Primeiro Aberto San Froilán de Billarda no parque de Rosalía de Castro. Organizan o C.S. Mádia Leva! de Lugo e Liga Nacional de Billarda (LNB).

DOMINGO 7
DOMINGO DAS MOZAS
DÍA DO TRAXE TRADICIONAL GALEGO
DÍA DE FERROL

13.30 h.
Concerto de música galega da Banda Municipal de Lugo no quiosco do parque de Rosalía de Castro.

MARTES 9 

11.00 h.
Actividade aberta de Bioximnasia para maiores co Ximnasio Di Som no Parque de Rosalía de Castro.

MÉRCORES 10

19.00 h.
Actividade aberta de Zumba Fitness co Ximnasio +Q FITNESS no Parque de Rosalía de Castro.

Toda a información sobre as festas do San Froilán en
www.sanfroilan.info

 




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova