Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Xurxo Lobato presenta en Lugo o seu tributo á vaca galega


# Domingo, 30/09/2012
A rúa da Raíña acolle a exposición do fotógrafo coruñés “O país das vacas” que combina fotos e textos para homenaxear ao bovino

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
Outras dúas exposicións organizadas pola Área de Cultura do Concello de Lugo abren as súas portas nos días previos do San Froilán

O ambiente festivo xa se percibe na cidade e para animar os días previos ás festas de San Froilán, a Área de Cultura do Concello de Lugo organiza tres exposicións de diferentes temáticas que encherán as rúas do centro e a Sala de Exposicións da Sala Uxío Novoneyra de interesantes imaxes cun vínculo en común: Galiza.

A primeira en abrir é a de Xurxo Lobato, que presenta en Lugo a súa mostra “No país das vacas” e situará os seus paneis expositivos na Rúa da Raíña. O Tenente-Alcalde responsable da Área de Cultura, Antón Bao acompañou ao fotógrafo coruñés na apertura da mostra que tivo lugar este sábado ás 12:00 horas na céntrica rúa de Lugo. Lobato explicou que “a razón desta exposición é render un tributo visual á vaca, explicar como vive, de que vive e quen vive dela, e pór en valor o sector gandeiro galego”.

Esta interesante exposición poderase contemplar do 29 de setembro ao 30 de outubro. A mostra componse de 132 fotografías acompañadas por textos de escritores e de persoeiros de referencia da cultura e da sociedade galega.

Imaxes e textos buscan fomentar a reflexión sobre o papel desempeñado pola vaca na cultura, na economía e na sociedade galega. Trátase dunha auténtica homenaxe ao animal que simboliza a nosa terra por excelencia. A exposición, patrocinada por Larsa, conta con 132 imaxes que foxen do bucólico para adoptar un carácter divulgativo que sitúa á vaca como referente do desenvolvemento rural.

Unha visión completa sobre o aproveitamento económico da especie, dende a tecnoloxía aplicada nas granxas, ata as vacas como obxecto de investigación nas universidades, que pasa pola a variedade de razas autóctonas, a industria láctea e a da carne, ou a gastronomía, e que se complementa cun tributo ao animal que é icona cultural galega. Así, aparecen na exposición de Lobato vacas de pasarela, pero tamén aquela vaca que Castelao cría merecente de estampar o papel moeda galego “como símbolo da nosa economía humanamente distribuída”.

A exposición, en módulos moi visuais, complétase coas reflexións que arredor da vaca fan recoñecidas personalidades galegas entre as que figuran:
Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente Real Academia Galega; 
Manuel Rivas, escritor; 
Ramón Villares, presidente Consello da Cultura Galega; 
Rosalía Mera, presidenta Fundación Paideia; 
Enrique Sáez, presidente Fundación Juana de Vega; 
Lourenzo Fernández Prieto, catedrático de Historia Contemporánea; 
Miguel Anxo Seixas, gandeiro e vicepresidente da Fundación Castelao; 
José Luis Gómez, columnista de El País; 
Felipe Senén, académico; 
Antón Losada, profesor Ciencia Política; 
Amancio Liñares, escritor; 
Xusto Sánchez Varela, gandeiro; 
Higinio Mougán, de AGACA; 
Xosé Turnes, director de Progando; 
Xosé A. Fraga, divulgador científico; 
José Armando Tellado, director xeral Larsa; 
Xesús Ferro e Pedro Benavente, co-autores do libro Vaca; 
José Ramón Justo Feijoo de Boaga; 
Luis Antonio Vázquez de tenreira galega; 
Flavio Morganti, restaurador; e Fátima Otero, crítica de arte.

A mostra itinerante xa pasou polo museo do Pobo Galego en Santiago, a Semana Verde de Galicia en Silleda e visitou cidades como Ourense, Vilagarcía de Arousa, Vigo, A Coruña, Pontevedra e agora chega a Lugo.

Outras exposicións no San Froilán
Tamén é Galiza a protagonista da segunda exposición que acollerá a cidade de Lugo durante o San Froilán. Neste caso trátase da mostra de “130 anos da Voz” que recolle en 60 portadas os momentos claves da historia galega e universal que se sucederon dende o 4 de xaneiro de 1882. Con esta exposición o diario La Voz de Galicia conmemora estas trece décadas de vida. A Praza de San Marcos acollerá do 1 ao 10 de outubro esta mostra.

Por último, o fotógrafo carballés Ricardo Cambón expón na Sala de Exposicións Uxío Novoneyra unha serie de 17 fotografías panorámicas pertencentes a súa obra “Festas de Galicia” e que son unha escolma deste traballo realizado en 2010 en máis de oitenta festas de interese turístico repartidas pola xeografía galega. A selección que presenta en Lugo abrangue festas como o Arde Lucus, a festa das Rapa das Bestas de Viveiro, o Entroido de Verín ou as Festas do Apóstolo de Santiago. Trátanse de imaxes moi espectaculares, tomadas en formato panorámico co fin de retratar o momento clave de cada unha das celebracións. Esta mostra poderase visitar do 3 ao 31 de outubro.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova