Cargando....
Concello de Lugo
19/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

A Área de Cultura publica dous libros no San Froilán: un novo título da colección do San Froilán dos Devanceiros e un conto ilustrado para nenos


# Domingo, 30/09/2012
O mito de Barriga Verde e Manuel María é o tema do libro de José Luís Calvo que se presenta o luns, 8 de outubro

Imaxe Asociada Imaxe Asociada

Pepe Carreiro, creador de “Os Bolechas” asina o conto ilustrado da historia da feira dirixido aos máis pequenos

A colección do San Froilán dos devanceiros suma un novo título coa publicación de Barriga Verde, Manuel María e o San Froilán escrito por José Luís Calvo. Xa son nove os libros que conforman esta colección que recolle a historia das festas abordándoas dende distintos aspectos. Nesta ocasión réndese homenaxe ao mito de Barriga Verde que durante anos alumeou co seu espectáculo as vilas e as cidades galegas e contribuíu á difusión da cultura e a lingua galegas nos escuros anos da ditadura.

O poeta da Terra Chá, Manuel María, escribiu en 1968 unha peza teatral para bonecos sobre a gran aventura de José Silvent, Barriga Verde. Farsa para bonecos co nobre obxectivo de homenaxear e inmortalizar a barraca de Silvent. Non era a primeira vez que lle rendía tributo, pois en 1955 publicara un interesante artigo sobre este artista popular e ambulante que creou Barriga Verde e que se publica íntegro no apéndice do libro.

O Salón de Plenos da Casa Consistorial acollerá o luns 8 de outubro a súa presentación oficial.

Este ano, ademais desta publicación, a Área de Cultura presenta un conto ilustrado dirixido aos máis pequenos e que recolle a evolución da feira do San Froilán. O autor dos famosos debuxos “Os Bolechas”, Pepe Carreiro, asina este bonito conto titulado “Pequena historia da Feira de San Froilán”. Este libro revisa dun xeito ameno, apoiándose en divertidas ilustracións, a historia das festas dende a súa orixe ata os nosos días para que os lectores máis novos coñezan a tradición do San Froilán.

Colección San Froilán dos devanceiros

Os outros títulos da colección editada pola Concellería de Cultura son:

Nº 1: Emilia Pardo Bazán en Lugo (San Froilán, 1906), por Javier Serrano Alonso
Nº 2: A chegada a Lugo do primeiro tren (San Froilán, 1875), por Darío Xohán Cabana
Nº 3: O cinematógrafo nas festas de San Froilán de Lugo (1898-1930), por Fernando Arribas Arias
Nº 4: Cunqueiro e Don Hamlet en Lugo (San Froilán, 1959), por Darío Xohán Cabana
Nº 5: Pelúdez. O libro (1908-2008). Cen anos de sanfreiláns contados por el mesmo, por Antonio de Cora, Juan Ramón Somoza, Purificación de Cora, Xosé Trapero e Xosé de Cora
Nº 6: A festa máis fermosa do outono galaico (Os escritores falan do San Froilán), por J. Luís Calvo e Yago Rodríguez Yáñez
Nº 7: Lucus fulget. As festas literarias nos sanfroiláns finiseculares (1899-1901), por Javier Serrano Alonso
Nº 8: A publicidade das festas de San Froilán de Lugo: carteis e programas 1877-2011, por Teresa Pena Moreda e Fernando Arribas Arias

O currículo do autor de Barriga Verde, Manuel María e o San Froilán

JOSÉ LUÍS CALVO naceu o ano 1973 en Oviedo. Estudou Filoloxía Hispánica en Lugo, onde creou e dirixiu Evoé, Revista Cultural do Campus Lucense. Actualmente é profesor de Lingua Castelá e Literatura en Illescas (Toledo). Como poeta, publicou en castelán La hija imperfecta (2000), e en galego Definitivo territorio (2004), título reeditado no 2011 co engadido do poemario Adeus lique, e Cantos de docedume (2010). É tamén autor de ensaios sobre Lorenzo Varela, Antonio Gamoneda e Lois Pereiro. Nesta mesma colección publicou, no ano 2009 e en colaboración con Yago Rodríguez Yáñez, A festa máis fermosa do outono galaico (Os escritores falan do San Froilán).

Toda a información sobre as festas do San Froilán en
www.sanfroilan.info




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova