Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Festival de Clown anima as rúas de Lugo nos días previos ao San Froilán


# Luns, 01/10/2012
Arrincan as actuacións das compañías máis punteiras do mundo do circo e dos malabares de Galiza, Brasil

Imaxe Asociada
A gala solidaria pecha o programa a noite do mércores no Auditorio Gustavo Freire e os cartos recadados irán destinados á organización do FestiClown Palestina 2013

O ambiente festivo xa se percibe na cidade e para animar os días previos ás festas de San Froilán, a Área de Cultura do Concello de Lugo organiza o Festival de Clown que presenta as propostas máis actuais en teatro, humor, circo e malabares de compañías de Galiza, Brasil e Madrid. A Praza Maior, Campo Castelo e as rúas do centro histórico servirán de escenario para a ducia de actividades que se programan para o martes 2 e o mércores 3 de outubro.

Á oferta cultural, hai que engadirlle o valor solidario que abrangue o festival ao programar unha Gala Solidaria para o mércores 3 de outubro cuxa recadación destinarase para organizar o Festiclown Palestina 2013. A gala celebrarase no Auditorio Municipal Gustavo Freire a partir das 21:00 horas e as entradas estarán á venda na billeteira do auditorio dende ás 19:30 horas ao prezo de 5 euros. Este carácter solidario tamén se reflicte nas actuacións da Sección á Gorra que se celebrarán na Praza do Campo Castelo.

O Festival de Clown está organizado en conxunto polas Concellerías de Cultura de Ourense e Lugo para abaratar os custos. Segundo destacou o edil nacionalista, Antón Bao na presentación deste festival “estas liñas de colaboración permiten aproveitar programacións e recursos en ámbalas dúas cidades e traer compañías de fóra a un mellor prezo.”

Este festival achegará a Lugo unha escolma de espectáculos que están a marcar o novo circo galego así como propostas de fóra de Galiza, con compañías de Brasil e Madrid. Ao longo destes dous días celebraranse máis dunha ducia de espectáculos en distintos puntos da cidade (Praza Maior, Praza de Campo Castelo, Vicerreitorado e outros espazos do casco histórico) a cargo das 5 compañías participantes: Os sete Magníficos máis un (Galiza), Peter Punk (Galiza), Cé Orquestra Pantasma (Galiza), Kanbahiota (Madrid) e Teatro do Anónimo (Brasil).

As actividades paralelas (como son a proxección de documentais ou o obradoiro formativo gratuíto) deixan entrever tamén a aposta polo achegamento a outros espazos, á intervención social dende a participación e a formación crítica, libre e participativa. Ábrese ademais un espazo para espectáculos “de gorra” onde as compañías participantes poden amosar o seu traballo na rúa libremente, pedindo unha contribución económica ao público presente que valorará deste xeito directo e claro. A programación do Festival de Clown permitirá coñecer ao público lucense as propostas máis vangardistas de clown e novo circo que hai actualmente.


Programación do Festival de Clown

Martes, 2 de outubro
12:00 horas............ “Policías Tolos” de Os sete magníficos máis un (Galiza) – Rúas do centro
17:00 horas............ Sección Á Gorra – Praza do Campo Castelo
18:00 horas ........... “Policías Tolos” de Os sete magníficos máis un (Galiza) – Rúas do centro
18:00 horas............ “A Chungatrona” de Peter Punk (Galiza) – Praza Maior
19:00 horas............ “Dous pallasos en máis apuros” de Os sete magníficos máis un (Galiza)- Praza Maior
20:00 horas............ Sección Á Gorra Espectáculo Solidario – Praza do Campo Castelo
20:00 horas ........... Proxección do documental “Caminando la risa” – Casa do Saber
21:00 horas .......... “In Conserto” de Teatro do Anónimo (Brasil) – Casa do Saber

Mércores, 3 de outubro
12:00 horas............ “Home Orquestra” de Cé Orquestra Pantasma (Galiza) – Rúas do centro
17:00 horas............ “Home Orquestra” de Cé Orquestra Pantasma (Galiza) – Rúas do centro
18:00 horas ........... Sección Á Gorra – Praza do Campo Castelo
19:00 horas ........... “Enamorado del aire” de Kanbahiota (Madrid) – Praza Maior
20:00 horas ........... “Peter Punk” de Peter Punk (Galiza) – Praza Maior
21:00 horas............ Gala Solidaria con Palestina – Auditorio Municipal Gustavo Freire

Dossier das compañías

A compañía OS SETE MAGNÍFICOS MÁIS UN (Galicia):
Con 10 espectáculos ás costas, esta compañía de clown naceu en 2001 ao abeiro do Festival Internacional de Clown de Galicia (Festiclown) e ven de celebrar os seus primeiros decenio sendo a súa compañía oficial. Con 8 espectáculos ás costas, esta compañía de clown naceu en 2001 ao abeiro do Festival Internacional de Clown de Galicia (Festiclown) e ven de celebrar os seus primeiros decenio sendo a súa compañía oficial. En 2012 achégannos o seu noveno espectáculo: “Dous Pallasos en Mais Apuros”, na exitosa liña que lles levou a facer mais de 120 funcións en menos de dous anos da súa anterior obra para público familiar así como o seu último espectáculo-contacontos “Historias e Brancaflor dirixido a público infantil.

Formada por un recoñecido grupo de novos e consolidados valores da escena galega seguen en marcha espectáculos coma "Dous pallasos en apuros", "O gordo e o calvo van ao médico", "Mañá será outro día" e “Historias de Brancaflor”.
Os Magníficos recuperan as vellas farsas de circo clásico e reinvéntanas trasladando ao respectable as máis grandes gargalladas sempre baixo o prisma da calidade e o bo facer teatral.

Espectáculo “Policías Tolos”
Policías tolos é un espectáculo de animación de rúa no que Fran Rei e Pedro Bradariz saen ao encontro casual das xentes, na procura da interacción co público, sdo efecto sorpresa. A tolemia, a improvisación características da compañía póñense ao servizo do humor e o sorriso dos/as viandantes.

Unha parella de policías nada convencional, montada nos seus sorprendentes vehículos, fai garda polas rúas de Ourense. Alto! Un novo corpo de seguridade cidadá, equipado con nariz vermella como única arma, disposto a manter a toda a cidadanía baixo control, ou mellor dito, baixo o seu particular desclowntrol: multas por exceso de velocidade a calquera viandante, infraccións polo aparcamento incorrecto de carriños de bebé... O novo corpo de policía chegou á vosa vila!!!

Espectáculo “Dous Pallasos en Máis Apuros”
Despois de máis de cen representacións do seu anterior espectáculo Dous Pallasos en Apuros (2009), Os Sete Magníficos máis Un presentan a súa nova produción clown Dous Pallasos en Máis Apuros.
Creado polo director e dramaturgo arxentino Walter Velázquez e pola propia compañía e dirixido por Iván Prado a partir de farsas clásicas do mundo do circo, con Dous Pallasos en Máis Apuros a compañía volve apostar pola recuperación e actualización de gags do pallaso tradicional.
Un espectáculo para público infantil e familiar no que a parella de clowns Pedro Brandariz e Fran Rei recrean números cómicos a través das ferramentas habituais de “Os Sete Magníficos máis Un”: a improvisación, a actitude de risco, a sinceridade do pallaso, a humildade do comediante e, sobre todo, a dignidade clown para saír das situacións máis complicadas.

Nesta ocasión, os nosos dous protagonistas transfórmanse en dous aloucados acróbatas dispostos a presentar o seu abraiante número de circo cheo de risco e emoción: O Vaso da Morte. Pero como adoita pasar nos espectáculos de “Os Sete Magníficos máis Un”, nada lles sae como desexan. Así, o que ía ser un exercicio acrobático propio dos mellores artistas circenses, convértese nunha sucesión de desastres, desencontros e accidentes, pasando do tradicional Más Difícil Todavía (Aínda Máis Difícil ao cómico Peor Imposible).

- Cía. TEATRO DO ANÓNIMO (Rio de Janeiro – Brasil):
Fundado en 1986 en Rio de Janeiro, o Teatro de Anônimo estrutura a súa práctica a través da montaxe e representación de espectáculos, da formación profesional dos seus membros, alén do perfeccionamento de técnicas e modelos auténticos de xestión e administración colectiva, baseada na solidariedade, creatividade e cooperación.

O Teatro de Anônimo busca no seu traballo, realizar unha parcería cidadá coa sociedade civil, extrapolando a idea de comunidade delimitada por un espazo físico, para alcanzar o concepto de comunidade que se liga por un sentimento de pertenza, necesidade de identidade, de troco no campo do traballo, do lecer, das afectividades, criando así territorios flutuantes que se movimentan de acordo coa necesidade de se manteren vivos e producindo singularidades e bens materiais.

- Espectáculo “In Conserto”
Un trío de pallasos disponse para dar un concerto público, pero acontecerán moitos imprevistos ata que consigan executar as súas pezas. En escena, o barítono Su Flor (Joao Carlos Artígos) e o seu ben-intencionado discípulo Clavo (Fábio Freitas) presentan a “Ópera Desastrada”.
Formada por un acordeón e dúas trompetas, esa pequena e desastrosa orquestra brindarlle ao público un bonito momento final.

O espectáculo “In Conserto” colecciona premios como “Nariz de Plata” e “Premio Especial Cirque du Soleil”, no festival Festiclown de Monte-Carlo (Mônaco - 2006); premios de mellor espectáculo, actor e maquillaxe no I Festival Nacional de Teatro de Campos/RJ (2006); e premio de mellor conxunto de actores no Festival Nacional de Teatro Insard de Azevedo (2007).


- Cía. KANBAHIOTA TROUP (Madrid)
Kanbahiota significa cabriola en brasileiro, e iso mesmo é o que ven facendo esta compañía dende o 2002. O circo, o teatro, a música e a danza son as ferramentas que empregamos para realizar os nosos espectáculos. A flexibilidade artística é unha das características de Kanbahiota Troup xa que somos capaces de amoldarnos a todo tipo de espazos e situacións para levar a cabo os nosos espectáculos.

Espectáculo “Enamorado del aire”
Como se fora un conto de dragóns, dous ananos rin, bailan e sobre todo, soñan con voar e permanecer no aire. Enanomorado del Aire móstranos a relación de amor e xogo entre eles e os seus dragóns coas súas torpezas, habilidades e destrezas polos aires. Un número cunha técnica circense áxil e dinámica e un contido poético e metafórico, onde se mestura o teatro, as técnicas de circo de acrobacia aérea e marionetas de dragóns para realizar un espectáculo para toda la familia.

- Cía. PETER PUNK (Galicia)
Peter Punk é un dos clowns e humoristas máis destacados e programados en Galicia nestes últimos anos. Gañador do certame intergaláctico do Festiclown 2008, con xiras por Brasil, Italia, Portugal, Palestina, participante nas máis importantes citas de clown do Estado (Cataluña, Baleares, Madrid, Euskadi, Andalucía…) e con Galicia enteira percorrida na procura da risa.

Con máis de 800 funcións Peter Punk é un dos clowns galegos de referencia, cun humor provocador e fresco sen igual. Neste momento conta con tres grandes espectáculos en distribución: o clásico Peter Punk, que levou á compañía ao seu nivel de recoñecemento actual, e dúas novas apostas que non fan senón confirmar a progresión deste artista: Peter Punk “A Chungatrona”, un só con novos números e co final mais incrible do momento e “Peter Punk e o Neno Imperdible”, un espectáculo con dous actores e músicos dirixido por Walter Velázquez, con música ao vivo interpretada con mais de cinco instrumentos, coreografías, cancións propias, unha orixinal escenografía e A Chungatrona como número final. Un espectáculo realmente incrible e completo. Os espectáculos de Peter Punk son diferentes e anovadores... manteñen a pureza do humor como liña de traballo.

- Espectáculo “Peter Punk I”
"Chungo, chungo que te cagas" é a frase máxica deste artista, coa que lle anunciará ao público as máis complicadas rutinas, nunha persoal versión do "máis difícil aínda" dos directores de circo clásico. Durante 60 trepidantes minutos, Isaac Rodríguez, ou Peter Punk (que tanto nos ten), amosaranos a súa destreza con bólas, mazas, aros... fará incribles figuras de globoflexia nun tempo récord, dará boa conta da súa habilidade sobre o monociclo e, como peche, porá en perigo a súa vida (e a de boa parte do respectable) nun final con fachos de lume. E todo isto sen esquecer o humor... Un espectáculo multidisciplinar e cheo de alicientes para facernos pasar un bo momento.

- Espectáculo “Peter Punk II: A Chungatrona”
Peter Punk preséntase nesta ocasión no seu novo e gran pequeno vehículo. Participando activamente co seu público -que fará parte imprescindible deste novo espectáculo- pedaleando coma un tolo, comendo globos e xogando coma un neno que se nega a crecer, PeterPunk presenta un final sorprendente no que coñeceremos o seu último xoguete, a Chungatrona! Unha máquina que fará as delicias de nenas e nenos de 0 anos a cadea perpetua.

- Cía. CÉ ORQUESTRA PANTASMA (Galiza)
Baixo Cé Orquestra Pantasma agóchase o vigués César Freiria, músico autodidacta e apaixonado dos instrumentos musicais. Comezou a súa andaina musical aos oito anos dentro da música tradicional e desde aquela non deixou de navegar polos variados estilos da musica popular, chegando a formar parte de grupos tan dispares entre si como A Roda ou banda de punk Oxtiax ke te Pariu.

Dende comezos do verán de 2008 e con máis de 150 concertos por ano, este músico leva percorrido toda a xeografía galega, paseándose polos mellores festivais e festas do país levando ás costas a súa proposta: Cé orquestra pantasma, un proxecto musical, unipersoal e versátil, grazas ao seu amplo e variado repertorio, no que se conxuga á perfección toda unha vida musical.

Apoiándose na recuperación da figura do home orquestra, Cé Orquestra Pantasma convértese na fórmula perfecta para escapar do mundo por uns intres, deixándose levar, entregándose por completo á música, á festa, porque iso é o que son os seus espectáculos, unha gran festa chea de forza, ritmo e fantasía na que o público, de todas as idades, deixa de ser espectador para converterse en protagonista.

Espectáculo “Home Orquestra”
Apoiándose na recuperación da figura do Home Orquestra, Cé Orquestra Pantasma convértese na fórmula perfecta para escapar do mundo por uns intres, deixándose levar, entregándose por completo á festa, porque iso é o que son os seus espectáculos, unha gran festa chea de forza, ritmo e fantasía na que o público deixa de ser espectador para converterse en protagonista.

Animación musical: O clásico home orquestra na súa versión para os máis pequenos, con divertidas melodías e cantigas infantís para que participen xogando, cantando e bailando todo o que lles pete…ata caer de cu!

Festas e romarías populares: Un repertorio cheo de cancións populares tanto de tradición oral como das gravacións sonoras, alternando con temas propios: a festa está garantida queiras ou non queiras!

Música nas rúas e prazas: Enche a túa vila de vida musical en plena rúa, nunha conexión directa cos veciños. Que todos gocen do home orquestra. Festivais: Música a pé de barra entre grupo e grupo para que non pare a festa, cun repertorio elixido dependendo do tipo de festival, incluíndo sempre temas propios. Levarás o ritmo no Corpo toda a noite. Festas de época: Poderás ver ó marabilloso home orquestra debidamente caracterizado facendo fermosos e divertidos pasarrúas e animando ás prazas en festas de época tipo medievais, reconquista de Vigo… Como para non perdelo! Locais concertos: Poemas musicais de poetas galegos, temas propios e unha chea de orixinais versións co ritmo axeitado para que o teu corpo non pare: déixate levar!! Música para os nosos maiores: Os grandes clásicos nunca morren, darlles un repasiño sempre será unha boa escusa para facer unha festa ben acompañados, cantando bailando ou como queiras! Home karaoke: Colle o libriño, escolle a peza e escacha a gorxa cantando ó teu ritmo acompañado/a polo home orquestra, botémoslle unha cantiga.

SECCIÓN “Á GORRA”:
Espazo aberto para actuación de compañías na rúa.


PROXECCIÓN Documental “Caminando la Risa”
Título: CAMINANDO LA RISA
FECHA DE PRODUCCIÓN: Decembro 2008
PAIS DE PRODUCCIÓN: Spain
DURACIÓN: 34´13”
IDIOMA: Español – Galego
FORMATO: DVD
SINOPSE: Un grupo de pallasos e pallasas viaxa a comunidades zapatistas do Norte de Chiapas (México) levando as maletas cargadas de risas, ilusión e toda a forza que poidan darlle ás comunidades para a súa loita digna. Neste documental nárrase o traballo do colectivo Pallasos en Rebeldía na viaxe que fixeron entre os meses de Decembro do 2007 e xaneiro do 2008.
FICHA TÉCNICA – CAMINANDO LA RISA
DIRECCIÓN: Anna Soldevila
PRODUCCIÓN: Pallasos en Rebeldía
PRODUCTORA: Culturactiva S.C.G.
GUIÓN: Anna Soldevila
MONTAXE: Anna Soldevila e Pallasos en Rebeldía
PATROCINA: Festival Internacional de Clown de Galicia, Festiclown.





Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova