Cargando....
Concello de Lugo
20/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Antón Bao propón un referendo para que os cidadáns de Lugo decidan onde queren que sexan as festas do San Froilán


# Luns, 01/10/2012


Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada

Diante do auto xudicial que obriga a reducir os niveis de ruído do feiral, o tenente alcalde nacionalista anuncia que se adoptarán “todas as medidas para que se cumpra” pero propón facer unha consulta popular na que todos os lugueses e luguesas se pronuncien sobre as súas festas

Presentada outra das novidades das festas deste ano: unha obra de teatro que se estreará o día 11 na praza de Santa María sobre a vida de San Froilán



O tenente alcalde e responsable de Cultura, o nacionalista Antón Bao, propuxo hoxe a celebración dun referendo popular en relación ás festas do San Froilán. O tenente alcalde fixo esta proposta logo de que un auto xudicial do Xulgado Contencioso Administrativo número 1 de Lugo cuestione a situación do feiral no centro da cidade. “Diante deste auto xudicial, eu son partidario de darlle a voz aos cidadáns de Lugo para que se pronuncien sobre onde queren que se ubique a festa, se queren que se faga onde se fixo toda a vida ou noutro lugar alonxado do centro da cidade”, indicou Bao.

O responsable de Cultura anunciou que o Concello “acatará e cumprirá o auto xudicial, como non pode ser doutro xeito e como é a nosa obriga” e adoptará todas as medidas necesarias para reducir o nivel de ruído do feiral entre as 10 e as 12 da noite, como ordena o auto. “Hoxe mesmo asinarei o decreto ordenando a todos os servizos municipais que tomen as medidas necesarias para que o ruído do feiral, no que respecta ás competencias municipais, se manteña por debaixo dos 45 decibelios”, dixo Bao.

Pero o tenente alcalde tamén indicou que “o San Froilán non son as festas do Concello, nin as festas do Bloque, do Partido Socialista ou do Partido Popular, son as festas de todos os lugueses e luguesas, por iso eu penso que habería que facer unha consulta popular” para saber se os cidadáns prefiren que as festas se sigan facendo no centro, pese ás posibles molestias que isto poida ocasionar ou nun lugar que non estea habitado, como podería ser neste momento San Fiz ou o polígono industrial das Gándaras.

Antón Bao fixo esta proposta esta mañá durante a presentación de diversas actividades do programa das festas deste ano, que incluirá algunhas novidades, como a estrea dunha obra de teatro sobre a vida de San Froilán, que terá lugar o día 11 ás 9 da noite na Praza de Santa María. Ademais, o día 6 haberá un encontro de culturas da península con grupos de Portugal, Zamora e Galiza; o día 7, Domingo das Mozas, 15 grupos de música tradicional chegados de distintos puntos de Galiza actuarán polas rúas da cidade; e o día 12 celebrarase un ano máis o Mercado Medieval.

Estrea da obra ‘De Froilán a San Froilán’

A peza teatral sobre a vida do patrón da cidade leva por título De Froilán a San Froilán e foi escrita por Ignacio Rodríguez Eguíbar, que esta mañá explicou que pese a ser o patrón de Lugo, a vida e a historia de San Froilán é moi pouco coñecida na cidade. Na representación, que levarán a cabo membros da Asociación de Antigos Alumnos da Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón, colaboran o Orfeón Lucense, o Orfeón Xoán Montes e outros colectivos lucenses. Eguíbar pediu “indulxencia” ao público porque “o 90% dos actores non se subira antes a un escenario”.

Na presentación realizada esta mañá no Concello estiveron presentes tamén Bruno Villamor, de Cántigas e Frores, que detallou o programa da X edición do Festival de Cultura Tradicional, que achegará o sábado 6 na Praza de Santa María actuacións de folclore de Portugal, a cargo da Ronda Típica de Meadela, de Viana do Castelo; Zamora, a cargo do Grupo de Coros e Danzas Dona Urraca; e Galiza, a cargo do grupo de baile, grupo de cantareiras, coro galego e banda de gaitas de Cántigas e Frores.

Mostra de Música Tradicional do Domingo das Mozas

Ao día seguinte, o Domingo das Mozas, terá lugar a 14 edición da Mostra de Música Tradicional organizada pola Asociación de Gaiteiros Galegos, que traerá a Lugo actuacións de 15 grupos de distintos puntos de Galiza: Charanga Alvariza (Cacheiras), CaraPaus (Compostela), Faíscas de Solobeira (Cambados), Os Viqueiras (Ordes), Picuíña (Marín), Os Terribles de Donas (Gondomar), Os Chichisos (Pontevedra), Millo Verde (Cambre), Gomes Mouro (Ourense), Os Resesos (Ames), Caivanca (Lugo), Xarín (O Incio), Biouteiro (Vigo), Cantareiras de Alende (As Pontes). Tocarán polas rúas da cidade ás 11:30 da mañá e ás 17:30 horas da tarde

Finalmente, o día 12 terá lugar un ano máis o Mercado Medieval a partir das 11 e media da mañá nas rúas do entorno da Catedral. Jesús Cao, da Asociación de Antigos Alumnos de Artes, organizadores deste evento, explicou que un ano máis será un día adicado ao Camiño Primitivo con cantos de cego nas distintas rúas e prazas polas que pasa o Camiño de Santiago. Haberá ademais misa en latín, exhibicións de cetrería e pecharase este ano o mercado cunha queimada.


Toda a información sobre as festas do San Froilán en
www.sanfroilan.info




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova