Cargando....
Concello de Lugo
19/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Arrinca o San Froilán 2012, que traerá a Lugo 120 actuacións musicais distintas de todos os estilos en 9 días de festa


# Mércores, 03/10/2012
Os mellores grupos galegos do momento actuarán en Lugo do 4 ao 12 de outubro. Todos os concertos serán de balde.

Imaxe Asociada

Nancys Rubias, Siniestro Total, Bigott, Che Sudaka, La Casa Azul, António Zambujo, Vendetta, El Dúo Dinámico e os mellores grupos galegos do momento actuarán en Lugo do 4 ao 12 de outubro. Todos os concertos serán de balde.

O pregón a cargo de Pilar García Negro abre mañá as festas. Nesta primeira xornada haberá tamén desfile de gando autóctono polo centro da cidade, a chegada dos Pelúdez, unha sesión de fogos artificiais, cinco concertos (entre eles o de Leilía e o de Nancys Rubias) e unha verbena.

Mañá arrinca en Lugo o San Froilán 2012. Máis de 150 actividades, entre elas 120 actuacións musicais distintas, encherán de festa as rúas da capital lucense do 4 ao 12 de outubro. Pese á crise, que fixo que o orzamento se reducira en 200.000 euros, o San Froilán volverá a ser este ano “a mellor festa de Galiza”, segundo reza o seu lema.

No programa do San Froilán 2012 un ano máis hai de todo e para todos, desde concertos de grupos punteiros e de diferentes estilos, o mellor da música galega, festivais de maxia, actividades infantís, animación de rúa, danza, teatro, actividades deportivas, artesanía e algo que nunca pode faltar no San Froilán: o polbo e as atraccións.

O San Froilán arrinca este xoves, 4 de outubro, como manda a tradición, co pregón, que este ano corre a cargo da escritora e lingüista Pilar García Negro. A lectura terá lugar ás 19:30 horas dende o balcón da Casa do Concello. Logo será a chegada dos Pelúdez.

Pero o programa comeza antes, a primeira hora da tarde con pasarrúas a cargo do grupo Airiños da Febra animará o barrio do Sagrado Corazón e as rúas do centro, e cunha serie de actividades no Parque Rosalía de Castro, que acollerá entre outros un obradoiro de cestería a cargo da Asociación Corazones Artesáns a partir das 4 da tarde.

Ás 17:15 arrincará o desfile de gando, que recupera o espírito da antiga feira que deu orixe as grandes festas de Lugo. Desfilarán razas autóctonas polas rúas do centro da cidade.

Este ano, a apertura das portas da Muralla corre a cargo de compañías de danza da cidade, e será o Grupo de Danza da USC quen mañá abra a Porta de Santiago coa representación do espectáculo A porta do sul. O acto terá lugar ás 20:00 horas.

A partir das 20:15 horas continúa a animación na rúa coa percusión do grupo Axé que fará vibrar cos seus potentes ritmos as rúas do centro. Á mesma hora terá lugar a sesión de fogos artificiais dende o Barrio do Carme para ver dende o adarve da Muralla.

E coa noitiña chega o ambiente festivo máis marchoso da man dos concertos. Para esta xornada prográmanse cinco concertos e unha verbena. No escenario de Campo Castelo estarán o grupo lucense As Irmandades do Falo e os grupos de rock galegos John Deeres, Terbutalina e Machina. Na Praza de Santa María actuarán Coanhandeira e Leilía e na Horta do Seminario tocarán a partir das 20:30 horas as Nancys Rubias, o grupo de de punk e música electrónica liderado por Mario Vaquerizo.

A xornada deste primeiro día de festa despídese coa verbena das orquestras Claxxon e Poceiro que a partir das 23:00 horas animarán o escenario da Praza Maior.

Variedade e calidade musical de balde

O San Froilán 2012 presenta un ano máis un programa variado coa intención de que haxa música de todos os estilos e para todos os gustos. Bigott, que actuará o luns 8 na Praza de Santa María e que vai ser un dos grandes descubrimentos musicais deste San Froilán co seu rock transgresor; Che Sudaka, o grupo arxentino-colombiano afincado en Barcelona e que nos seus 10 anos na música acumula preto de 1.000 concertos en 30 países que actuará o día 11 na Horta do Seminario, o escenario principal das festas; La Casa Azul, un dos grupos de moda actualmente da música xuvenil e que estará o 12 tamén na Horta do Seminario; o cantautor portugués António Zambujo, unha nova figura de éxito no país veciño representante do novo fado portugués que chega a Lugo procedente de Corea, onde ven de completar unha ampla xira internacional e que actuará o 12 en Santa María; o grupo de rock galego Siniestro Total, cunha extensa traxectoria de máis de 30 anos, que actuará o sábado día 6 cun concerto na Horta do Seminario, o grupo navarro Vendetta, que o martes 9 na Praza de Santa María achegará ao público de Lugo o seu carácter alegre e festeiro de ska e punk rock que co seu primeiro álbum acadou un notable éxito e recoñecemento internacional; o cantante malagueño Zenet, que achegará o seu peculiar estilo de boleros e tangos o mércores 10 en Santa María; Nancys Rubias, que abrirá as festas o día 4 na Horta do Seminario; o grupo canario Los Gofiones, que estará o día 6 en Santa María e El Dúo Dinámico, que actuará o día 5 na Horta do Seminario. Son todos grupos destacados do panorama musical actual e de estilos ben variados. Todos os concertos serán gratuítos.

Os mellores grupos galegos

Ao igual que o ano pasado o San Froilán 2012 segue apostando por grupos galegos. O xoves día 4 as festas abriranse cun concerto, na praza de Santa María, do grupo Leilía, que esta a presentar o seu novo disco, Consentimento. O venres 5, día de San Froilán, actuará a orquestra folk Sondeseu, unha agrupación formada por máis de 50 músicos que recibiu o ano pasado o Premio da Crítica de Galicia na súa modalidade de Música. O domingo das mozas, 7 de outubro, o grupo Malvela ofrecerá un concerto na praza de Santa María presentando o seu novo traballo, Raianas. Tamén o domingo das mozas actuará a cantautora galega Sés na praza do Campo Castelo presentado o seu traballo discográfico Admirando a Condición. O xoves 11 de outubro, na praza do Campo Castelo, actuará o cantautor Emilio Rúa, que presentará o seu novo disco, Interior. O venres 12 de outubro pecharanse as festas na praza do Campo Castelo co concerto da formación ferrolán Víctor Aneiros Blues Band que fará o seu concerto acompañado da cantante candiense Julie Guravich.

Grupos e asociacións de Lugo

Ademais dos grupos galegos anunciados hoxe tamén terán presenza nas festas do San Froilán 2012 un importantísimo número de grupos locais. En total, medio cento de grupos, asociacións e artistas a título individual da cidade participarán no San Froilán, concibido como “escaparate da cultura que se fai na cidade”. Parte destas actuacións serán na Praza de Campo Castelo, que contará cun escenario durante as festas que acollerá dous festivais de música tradicional e moderna os días 4 e 5 de outubro, organizados en colaboración con dúas asociacións de Lugo. O primeiro dos festivais, o Festival de Noso, terá lugar o primeiro día das festas, o xoves 4. Está organizado pola asociación Cultura do País e traerá aos grupos John Deeres, Terbutalina e Machina. Ao día seguinte, o venres 5, o escenario de Campo Castelo acollerá o segundo dos festivais, o Zumbanocoiro, organizado pola asociación Obradoiro de Cultura Tradicional A Volta do Agro. Actuarán tamén tres grupos: A Volta do Agro, Lagharteiras e Tiruleque.

Domingo das Mozas

O Concello de Lugo quere recuperar a tradición do San Froilán de vestir o traxe galego o Domingo das Mozas. Para iso, o programa deste ano fai fincapé nese día cunha serie de actos pensados para animar tanto aos lugueses e luguesas como aos visitantes a saír á rúa co traxe tradicional. A principal novidade é que este ano se celebrará en Lugo o I Concurso do Traxe Tradicional coincidindo co Domingo das Mozas, con premios para os mellores traxes galegos antigos e actuais, para agrupacións e para praxes infantís, e que todas aquelas persoas que veñan vestidas co traxe galego recibirán un agasallo e poderán levar para as súas casas unha foto de recordo, como se facía antes nas festas. Ese día tamén será a tradicional ofrenda a Rosalía, no parque que leva o seu nome, e que este ano correrá a cargo da escritora Marica Campo.

4 Festivais de Maxia

A maxia terá unha importante presenza este ano no San Froilán e contará cun escenario específico no patio do Seminario Menor que acollerá catro galas de maxia durante as festas. En total serán 20 os magos chegados de Galiza, Brasil e varios lugares do Estado español os que actúen durante as festas en distintos puntos da cidade. O escenario principal será no patio do Seminario Menor, que acollerá 4 galas os días 7, 8, 9 e 12 de outubro, todas elas de balde. Ademais destas catro galas, haberá maxia de rúa na Rúa da Raíña os días 7, 8 e 9 ás 12 da mañá e as 6 da tarde e estará instalado durante todas as festas na baixada á Praza de Santa María o Mago Móbil, un camión polo que irán pasando distintos magos a facer os seus espectáculos con sete pases cada día pola mañá e pola tarde.

San Froilán Miúdo

O teatro, a música, a danza, os monicreques e o circo serán protagonistas durante as festas da programación infantil do San Froilán Miúdo, da man de artistas e compañías galegas como Os Quinquilláns, Kote Malabar, Os Tres Tenedores, Assircópatas ou Teatro de Ningures, entre outros. Un total de 8 espectáculos, algúns deles en sesión dobre, en horario de mañá e tarde. que se desenvolverá do venres 5 ao venres 12 de outubro nos Xardíns da Deputación. A área de Cultura e Turismo desta institución colabora activamente coa organización deste conxunto de actuacións e actividades de animación e lecer destinado ao público familiar.

Outras actividades

Dous días antes do comezo oficial do San Froilán, Lugo acollerá o Festival de Clown, que se encargará de poñer xa o ambiente de festa nas rúas da cidade o vindeiro martes día 2 e mércores día 3. Un desfile de gando polo centro da cidade o día 4, antes do pregón, rememorará a orixe do San Froilán, que comezou sendo unha feira para converterse logo en festa. O San Froilán deste ano recupera tamén outras tradicións, como os cabezudos ou o protagonismo das Bandas de Música, con concertos nos quioscos da música da Praza Maior e do Parque Rosalía. Haberá tamén teatro e cada día en cada unha das portas da Muralla un grupo de danza da cidade representará unha peza sobre a historia da cidade. A festa deste ano chegará tamén aos barrios con animación de rúa e por primeira vez na Praza de Augas Férreas haberá unha actuación dentro do programa das festas, a da Orquestra Panorama, grazas á colaboración dos hostaleiros da zona. Outras 10 orquestras encargaranse do ambiente musical nas verbenas. O San Froilán 2012 tamén contará con actividades culturais, como tres exposicións sobre diferentes temáticas. Tamén haberá ata 30 probas deportivas de diversas disciplinas e o Parque Rosalía acollerá actividades gratuítas de ximnasia e xogos tradicionais. Non poderían faltar as casetas do polbo, que abren as súas portas xa mañá, e as atraccións, que o farán o día 4.

 

 

Toda a información día a día en
www.sanfroilan.info

 




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova