Imprimir

O CONCELLO CONSEGUE UNHA SUBVENCIÓN DE 87.000 EUROS PARA SOTERRAR A INSTALACIÓN ELÉCTRICA DO ENTORNO DO PARQUE ROSALÍA


3/10/2012 Esta actuación mellorará a instalación nas Costas do Parque e na explanada do Pavillón dos Deportes e permitirá aforrar en anos sucesivos na instalación das atraccións do San Froilán

Luís Álvarez informou que durante a próxima semana o horario de atención ao público nas instalacións municipais será de 9 a 14 horas por mor do San Froilán

A Concellería de Infraestruturas e Axenda 21 ven de conseguir unha subvención de 87.000 euros para o soterramento das liñas eléctricas do entorno do Parque Rosalía de Castro. A concelleira de Infraestruturas, a nacionalista Paz Abraira, deu a coñecer a noticia na habitual rolda de prensa logo da Xunta de Goberno Local. Paz Abraira explicou que esta actuación permitirá mellorar a infraestrutura eléctrica neste entorno e aforrar nos anos vindeiros na instalación eléctrica das atraccións do feiral do San Froilán.

O investimento total da obra é de 109.000 euros, dos que o Concello aportará o 20% e o 80% restante financiarase con cargo a esta axuda concedida pola Consellería de Industria. As obras comezarán unha vez rematen as festas e estarán acabadas antes de finalizar o ano. A zona de intervención comprende as Costas do Parque e a explanada do pavillón municipal dos Deportes, onde se soterrarán as liñas de media tensión existentes. A mellora nestas zonas permitirá aforrar en anos vindeiros boa parte dos 50.000 euros gastados todos os anos na instalación eléctrica do feiral do San Froilán.

Asuntos Xunta de Goberno Local
Pola súa parte, o Concelleiro de Urbanismo, Luís Álvarez, informou dos asuntos aprobados na Xunta de Goberno Local, celebrada esta mañá. Así, destacou a aprobación das bases para o acceso en propiedade a sete prazas de técnico/ técnica en xardín de infancia do grupo C en quenda libre e para o que se esixe a titulación técnico en educación infantil ou a diplomatura en maxisterio. O sistema selectivo será mediante oposición.

Tamén se aprobou a imposición dunha quinta multa coercitiva por importe de 6.000 euros aos donos do inmoble número 13 da praza de Santo Domingo, ao non cumprir coa orde de execución de obras de obrigado cumprimento ordenadas polo servizo de urbanismo para manter a seguridade dos cidadáns.

Luís Álvarez tamén informou da aprobación para a revisión de prezos dos contratos coa empresa que presta o servizo nas Escolas Infantís de San Fiz e Piringalla. Polo que, unha vez aplicado o IPC do 1,79%, a contía anual do contrato pasará a ser de 221.330,91 euros, IVE incluído, para a escola de San Fiz e de 219.820,10 euros, IVE incluído, para a da Piringalla.

Horario Concello San Froilán 2012
Luís Álvarez tamén informou que a próxima semana, dende o día 8 ata o 11, con motivo das festas do San Froilán, o horario de atención ao público nas dependencias municipais será de 9 a 14 horas, como se ven realizando dende hai anos.

400 persoas matriculadas na Escola de Música
Paz Abraira tamén explicou que as obras da Escola Municipal de Música rematarán esta semana e que está todo listo para que as clases comecen o día 15. A concelleira nacionalista informou de que hai máis de 400 persoas matriculadas na Escola de Música, o que demostra, dixo, “o éxito desta iniciativa e o acerto do tenente alcalde e responsable de Cultura, Antón Bao, cando tomou a decisión de crear este novo servizo público para toda a cidadanía de Lugo”.