Cargando....
Concello de Lugo
18/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

PREGÓN DAS FESTAS DO SAN FROILÁN DE LUGO, 4 DE OUTUBRO DE 2012


# Xoves, 04/10/2012
María Pilar García Negro

Alcalde, Tenentes de Alcalde, concelleiras e concelleiros, povo de Lugo, amigas e amigos.

Querida cidade de Lugo: Volvo a ti, non como filla pródiga, senón como filla agradecida. Volvo para devolverche todo o cariño con que sempre me agarimaches, aínda que cho restitúa en ben modesta porción. E será ben comezar polo principio, xa que o meu nacemento está directamente vinculado ás festas do San Froilán e, co voso permiso, vóuvolo explicar. Eu non estaba alí, como diría Gila, mais miña nai referiumo deste xeito. Alá polo outono de 1953, meus pais seica contaban comigo para o comezo do mes de Novembro, mais, cando miña nai voltaba para casa, coa miña irmá, despois de veren Barriga Verde e outras barracas na Praza da Soedade, notou os primeiros síntomas do parto. Poucas horas despois nacín eu: era venres, o día 9 de Outubro, así que está claro que me adiantei a nacer para poder comparecer no primeiro Domingo das Mozas da miña vida e, por suposto, para non me perder as festas do San Froilán. Meu pai tivo aberto comercio en Lugo, “Calzados Ciudadela”, durante case cuarenta anos, moi perto de aquí, na rúa Doutor Castro, antiga Batitales, ou rúa das “dulcerías”, que todos estes nomes ten. Miña nai, procedente de terras de Pontevedra, opositou en Lugo para mestra e aquí viveu máis de sesenta anos, de modo e maneira que as raíces están ben chantadas.
Tres días despois de cumprir os dezasete anos, marchei a Santiago para alí iniciar os meus estudos universitarios. Ídesme permitir, pois, que centre a evocación no tempo da miña infancia e adolescencia, nunha especie de mapa do meu Lugo daqueles anos. Claro está que a miña vai ser unha cartografía sentimental, porque tamén a hai, aquela que vai deixando marcas na nosa memoria, a que nos alimenta cando máis o precisamos, nomeadamente cando o actual equivale cada vez menos a moderno ou a avanzado.
E velaquí as marcas do meu mapa particular:

Os meus recordos máis antigos: a primeira vez que vin nevar, na rúa Amor Meilán, desde unha xanela da miña casa, admirada de fenómeno tan novo, e a vez que me perdín, nunhas festas do San Froilán, e me foron atopar á porta do comercio do meu pai.
A fonte de San Fernando, antes da estatua, antes do xardín, cunha auga riquísima e máis dun botixo rompido no intento de a levar á casa.
O colexio da Milagrosa e tantas horas de xogo no xardín.

As sesións do cine infantil, todos os domingos ás tres e media da tarde, no cine Paz: catro pesetas e, aínda, unha peseta restante do peso dominical, que nos daba para comprar “barquillos”, a dez céntimos unidade.
A banda infantil do Moco Verde, da rúa San Froilán, e os rillotes que se citaban na Muralla como desafío maiúsculo.
O solemne exame de Ingreso no Instituto Feminino, “Nosa Señora dos Ollos Grandes”, aos nove anos, preludio dos sete cursos nel estudados, os seis do bacharelato máis o Preuniversitario, con inmellorábel recordo de moitos dos seus profesores e profesoras.
O Parque Rosalía de Castro, onde vimos por primeira vez o pavo real coas asas despregadas; os estanques, a casiña dos parrulos, os anacos de merenda que doamos ás agachadas aos patos; as correrías nas bicicletas alugadas en “Bicicletas Platero”, tan benévolos e compracentes Eulogio e Guillermo que nos deixaban andar máis da media hora comprometida por unha peseta. Ou a baixada ás costas do parque, onde se ía merendar e xogar…
Os días de mercado e o saber que en Lugo aos grelos chamámolos cimos.

O meu primeiro carnet, que aínda conservo, e non foi o de identidade senón o de “beneficiaria” de Radio Lugo, titular meu pai co número 1.242.
Axiña coñecemos todas as salas de cine: o cine Paz, xa nomeado, e o Victoria; o Central e o España; o Kursal e, naturalmente, o Gran Teatro, onde nos chegamos a fotografar con Emilio Gutiérrez Caba, nada menos…
A volta á Muralla.
A primeira misa en galego celebrada no Parque, nun Domingo das Mozas do ano 1969 ou, talvez, 1970.
O Círculo das Artes, con excelente biblioteca e hemeroteca.

A Biblioteca Provincial, que daquela estaba no Pazo de San Marcos, onde tantas horas estudamos e lemos, co magnífico servizo de empréstimo que as súas bibliotecarias atendían.
Os concertos da Banda Municipal, baixo a dirección do maestro Méndez, todos os domingos.
A Semana Santa e as procisións, cos seus pasos e confrarías; cos seminaristas da Schola Cantorum a facernos rir coas súas imitacións burlescas: “Paren os homes. Non paren as mulleres. –Milagre, milagre!”, exclamaban…
Os baños no río Miño, nas instalacións do Clube Fluvial: ¿cantos quilómetros teremos nadado cruzando o río?; ¿cantas partidas de futbolín teremos xogado?; ¿cantos xantares, en cantos domingos de verán nunha das mesas de pedra a carón do río?; ¿cantas veces veríamos entrenar a Chilares ou a Misioné?
As primeiras visitas ao Museo e a contemplación de todos os seus tesouros.
Os artigos de Neumandro, isto é, don Ánxel Fole, que era o primeiro que lía meu pai en La Hoja del Lunes e, por suposto, no Progreso.
Os concertos da Filarmónica, no Círculo das Artes, de alta calidade musical.
As librarías: Celta, Reboredo, Balmes, La Voz de la Verdad, Aguirre, Excelsior… e, naturalmente, a libraría Alonso, a máis antiga do país.


Mais… todo isto formaba parte dunha habitualidade que non podía competir co acontecemento do ano: as Feiras e Festas do San Froilán, porque aínda recordo o Campo da Feira, con esta función, moito antes de ser Estación de Autobuses, con todo o trafego do gando cabalar e vacún, e os apeiros e ferramentas agrícolas, e as casetas do polbo ou “pulpo”, e os fotógrafos ambulantes.
Maravillosas e esperadas Festas do San Froilán, con, daquela, as barracas na Praza de Santo Domingo, na da Soedade, na rúa Quiroga Ballesteros: a “Churrería Franco”, a Vázquez, a Galiano, os “caballitos”, as “cadenas”, os coches eléctricos. ¿Canto non gastariamos no “Tiro La Flor. Os galleguiños”, de nenas, para conseguirmos un estupendo chaveiro cun metro no seu interior? Dez veces máis do que custaría en “Tobaris” ou no “0´95”, con certeza, mais ¿quen nos ía compensar o pracer de disparar os balíns ás bólas e ir acumulando os pontos precisos para o obter?
Pero cómpre ordenar un algo os recordos e lembrar que o día comezaba, ás dez da mañá con “Dianas e alboradas” e, axiña, coa leitura das andanzas de Pelúdez, Filomena e Peludeciño. O titular invariado da prensa era ben coñecido: “O tempo, o mellor número das festas”. E, despois, a desfrutar das festas maiores de toda a Galiza, as máis concorridas, coa rúa da Raíña e a Praza Maior ateigadas de xente, verdadeiras masas que facían a pasaxe lenta e apretada, cara á Praza de Santa María, ou á verbena, ou ao Parque ou ao Pavillón de Deportes. As carreiras de motos arredor da Muralla, coa participación de Ángel Nieto, que coñeciamos por motorista, non por figura das revistas do corazón, ou Minuto I e Minuto II. As verbenas da Praza Maior e os cafés que hoxe afortunadamente aínda existen ou os que xa desapareceron: o Monterrei, o Cantón Bar, o Café Galicia… A Praza do Campo e o ano en que a Fonte de San Vicente deitou viño. As clases no Instituto non comezaban até acabaren as festas, o día 12, cunha espectacular sesión de fogos artificiais: non podía haber mellor prólogo para o comezo do curso!

* * *

Ben sei que é cousa corrente que tendamos a idealizar o que perdemos ou o que vivemos no tempo afastado da infancia e da adolescencia, mais, querida cidade de Lugo, asegúroche que todo o que evoquei pertence ao empiricamente vivido e agora recordado desde a atalaia da miña segunda idade, que ocupa unha franxa moi ampla e, por iso, moi pouco comprometida. Sobre este Lugo teño impreso outro e aínda outros, que me vou permitir chamar a miña apoloxética da cidade e das súas festas.
Comezarei por unha anécdota de hai moitos anos. Nunha viaxe por Franza, con parada en Marsella, o guía amosounos con toda a fachenda uns restos romanos protexidos por acristalamento, no meio dunha praza flanqueada por edificios modernos de grande altura. Ponderábase o contraste e a boa política de respeitar a historia e conservar os seus vestixios. Algúns galegos eran viaxeiros na mesma excursión e admiraban o exhibido deslumbrados, como cousa inédita e maravillosa. “¡Mais se temos na Galiza, en Lugo, a muralla de factura romana mellor conservada de todo o Imperio!” exclamei. Desde aquela, propúxenme chamar ignorante a toda persoa galega que, considérandose viaxada, declarase non coñecer e non ter paseado polo adarve da Muralla de Lugo, e, desde logo, convidar cordialmente a amigos e coñecidos, da Galiza e de fóra dela, a viaxaren á nosa cidade e a pousar nela, á espreita de tesouros vellos e novos.
O meu coñecemento de Lugo, da súa historia, da súa arte, da cultura que acolleu… foime dado, en sedimentación lenta, ao longo dos anos, ao compás dunha ruptura practicada, coido, por moitos de nós. Trátase de conxurar os efeitos perniciosos do principal dereito que se nos concedeu aos galegos, cal foi -como dicían os nosos clásicos- o dereito a ignorármonos, e trátase de afiliarnos, pola contra, a un exercicio fascinante, como é descobrirnos nós proprios, sabermos da historia que nos fixo, detectarmos a centralidade de Lugo na historia da Galiza, coñecermos a dignidade das xentes que por ela loitaron. E é así como chegamos a comprender a frase de Castelao: “Lugo, sempre Lugo…”, como recoñecemento do seu papel determinante na historia xeral galega.
Falo de centralidade de Lugo, Lucus Augusti, porque así o certifica ser a capital do Conventus Lucensis da provincia romana da Gallaecia, por certo, a única que deixou descendencia como tal no nome, a Galiza. Falo da cidade máis antiga e máis alta de todas as galegas. Máis alta non só polos 452 metros sobre o nível do mar, senón máis alta por historia acreditada. E é aquí, na súa historia, nos seus feitos e protagonistas, onde comezou o meu “segundo Lugo”, isto é, a composición dun segundo mapa, desta volta literario, artístico, histórico ou episódico. E velaí algo do que me apareceu neste segundo mapa:

A importancia da nosa cidade como núcleo priscilianista e a maravilla de Santa Eulalia de Bóveda.
O seu papel central no reino suevo e a celebración no 569 do concilio que eleva a metropolitana a Igrexa lucense, con dependencia dos bispados de Astorga, Britonia, Iria Flavia, Ourense e Tui.
* A deliciosa cantiga de amigo de Fernando Esquio, que entrou en Lugo namorado: o amor que eu levei / de Santiago a Lugo / esse m´aduss´e esse mi-adugo. E o canto da xograresa Maior Peres, nas festas de 1228, como recordou Celestino Fernández de la Vega.
“En tempos de María Castaña”: tantos anos repetíndoa como frase feita até sabermos que a nosa valente antepasada foi quen, no fin do século XIV, de enfrentar o abuso dos tributos do señorío episcopal. E o seu espírito rebelde e xusticeiro tamén debeu de animar a decisión do alcalde da I República, en 1873, que ordenou construír a torre do reloxio deste edificio municipal, para competir co seu homónimo da catedral, en retesía campanaria entre o poder civil e o poder eclesiástico.
* Saber que en Lugo, aquí, onde nos encontramos, foi de onde partiu a revolución liberal e provincialista de Solís, en Abril de 1846, a que rematou co fusilamento dos chamados Mártires de Carral, ou que é aquí tamén, en Lugo, onde se celebra, en 1887, a segunda Asemblea Federal Galega, que elabora un proxecto de Constitución para o Estado Galego.
Saber que en 1857 se fundou La Aurora del Miño, dezaoito anos antes de que funcionase a primeira liña férrea entre A Coruña e a nosa cidade, como saber que foi aquí, en Lugo, na Imprenta Soto Freire, onde se editaron a novela El caballero de las botas azules, de Rosalía de Castro, a Historia de Murguía ou a primeira gramática da lingua galega, nunha produtiva década dos sesenta do século XIX. Ou recordar como foi aquí, en Lugo, onde se celebrou a primeira exposición de pintura de Galiza, en 1877.
Orgullármonos de que foi a nosa cidade a escollida para a celebración da I Asemblea Nacionalista Galega, en 1918, como recorda a placa que figura no Hotel Méndez Núñez, a poucos metros de aquí; como foi Lugo, así mesmo, a cidade onde se rendeu a derradeira homenaxe no país a Castelao, ou a última que sentiu a Alexandre Bóveda, nun mitin, en 1936, na Alameda desta mesma Praza Maior. Como foi Lugo, tamén, en 1977, a cidade que reuniu a asemblea labrega máis numerosa da historia, facendo honra dun diálogo campo-cidade que sempre a alimentou, fose ou non recoñecido.
Termos a inmensa satisfacción de sabermos que o autor da canción galega máis cantada de todos os tempos e que máis emoción provocou é lugués. Falo, naturalmente, de Xoán Montes e da música da “Negra sombra”. Falo de Jesús Bal y Gay ou de Gustavo Freire. Falo de pintoras como Maruja Mallo ou Julia Minguillón.
Podermos corrixir a información convencional sobre o renacer editorial galego na postguerra, porque en Lugo tivo un dos seus pólos, con Xistral, de Ánxel Johan, ou coas Edicións Celta, como moi ben documentou Camilo Gómez Torres na súa Tese sobre Manuel María.
En fin, rastrexar, sempre coa alegría da devolución, a presenza de Lugo por pezas estelares da nosa literatura contemporánea, desde Esperanza Roca (pseudónimo de Amador Montenegro Saavedra), con, por exemplo, o poema dedicado á Muralla: Cal o Imperio que evocas, es xigante, / cal o soldado que te fixo, forte, / i érgueste agora, cal romana cohorte / altiva, viutoreosa i arrogante. A parada e fonda que fan en Lugo Ramón Otero Pedraio e os seus compañeiros, en peregrinación desde as terras de Ourense a San Andrés de Teixido: As determinantes esenciais do ser galego en ningures xurden tan limpas como en Lugo. A evocación do Parque de Ricardo Carvalho Calero, con estes versos magníficos que propoño utilizar como reclamo turístico: Lá baixo vai o Miño, presidente / da Unión de Ríos da Terra. O recordo imprescindíbel de Luís Pimentel e de Ánxel Fole, con obra umbilicalmente vinculada a Lugo e que, afortunadamente, contan con recordación urbana que este Concello se preocupou de asegurar. Manuel María, na nosa cidade formado e a ela unido cordial e poeticamente. Ou Lois Diéguez, que fai falar á mesma Muralla nun dos seus relatos. Ou Paco Martín, Darío Xoán Cabana, Isidro Novo…

Mais créanme que esta listaxe, riquísima en calidade, é, porén, pobre en número, porque podería enumerar moitos máis nomes que glorifican a nosa cidade, que seguen a compoñer un capítulo insubstituíbel das artes galegas e do seu futuro. E subscrebemos, de novo, as palabras de Castelao: “En verdade, os lindeiros esprituaes de Galiza aseméllanse en todo âs murallas romanas de Lugo”.
Esta, amigas e amigos, é a miña segunda cartografía de Lugo, a que se abraza e dialoga con aquela primeira, chea das experiencias e das sensacións primiciais. Eu sempre regreso en outono, como titulou un seu poema a escritora Marica Campo, datado mesmamente nestas festas do San Froilán. De certo que non hai festas urbanas iguais en toda a Galiza, e máis dunha vez, ante o sorriso irónico ou incrédulo dos nosos interlocutores alleos a Lugo repetimos, sen importarnos, o “Manual e guía do San Froilán para visitantes-forasteiros primeirizos”. Son únicas as nosas festas, por populosas; por reencontro de aldeas e parroquias coa cidade; porque é obrigado acudir ao ritual das casetas do polbo polo menos unha vez na vida; porque a maxestosidade da Muralla ten a gala saudar a do río Miño, que se enche de fachenda ao paso pola nosa cidade, ben escoltado pola ponte romana e polas termas; porque a festa está na propria rúa e porque todos nos vemos nesta macro-sala de estar que é a Praza Maior e mais nos seus “cuartos” anexos: as rúas dos viños, a da Raíña, a Praza de Santa María, o grande Parque Rosalía de Castro; porque é festa democrática e gratuíta, e o mesmo podemos engaiolar a vista coa maravilla dos traxes tradicionais como escoitar o derradeiro concerto de Lluís Llach ou bailar coas mellores orquestras; porque é Lugo a única cidade e as do San Froilán as únicas festas onde se obrou o milagre de que personaxes de papel cobrasen, por prodixio teatral, vida real: Pelúdez, Filomena e Peludeciño, que nos saúdan en forma de estatua durante todo o ano, mais que o fan en persoa animada nos días das festas. Porque, en fin, San Froilán é un dos santos máis virtuosos de todo o santoral e merece todas as homenaxes. Iso dixemos, iso dicemos e iso diremos a todos os que ousen discutir aquela afirmación, mais debemos engadir que todos os testemuños que recollemos de festeiros que se achegan ao San Froilán por primeira vez non fan máis que confirmar as nosas louvanzas.
¿Cantas veces ouviríamos a frase “Son de Lugo e non o nego”? Propoño completala, aínda a risco do ripio: “Son de Lugo, non o nego, e, por iso, son galego”. Ou galega, naturalmente. ¿Por que o digo, querida cidade de Lugo? Porque es ti quen certifica que a Galiza non é un vento nen un convento: Galiza, efectivamente, é moito máis que o Noroeste ou moito máis que unha Comunidade, porque Lugo é fundacional do máis antigo e específico da nosa historia.
Foro e faro. Foro, ágora pública e comunal. Faro de luz intermitente que nunca cesa de nos sinalar un camiño histórico aínda precisado de moitas devolucións.
Pídolle emprestada a súa inigualábel voz poética a Uxío Novoneyra -que tanto amou Lugo e tanto amou en Lugo- para concluír. Di así:



Anque caia o Monumento á Ausencia
ti quedarás como nós quedaremos
pois xa estamos na Lingua
con tódolos rostros do noso pobo
cada un co seu xeito
que se animan e volven cando falamos
coma agora.


Fago miñas as palabras do poeta: “cando falamos / coma agora”. Amigas, amigos, autoridades: concedéstesme a maior honra que cabe a unha luguesa: pregoar as súas festas maiores e animar a todas e a todos a estarmos á altura da súa importancia, a que sexan bálsamo para feridas do tempo presente, a que sexan consolación e ración de alegría que nos dure todo o ano. Benquerida cidade de Lugo: volvo a ti e só che devolvo palabras, pobre fardel para o que ti me deches. Hasmo disimular, en nome do amor que che teño e da propaganda que che fago, no tempo en que o ano lugués comeza agora, non no convencional mes de Xaneiro, senón neste Outubro auroral, que baptizamos desde hoxe como Calendario Lucense Único e Intransferíbel.
¡Vivan as Festas do San Froilán! ¡Viva Lugo! ¡Viva Galiza!


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova