Imprimir

LÓPEZ OROZCO RECIBE AO ALCALDE DE FERROL NO DÍA ADICADO A ESTA CIDADE NAS FESTAS DO SAN FROILÁN


7/10/2012 O Alcalde de Lugo incidiu “na necesidade de seguir mantendo esta unión que favorece ás dúas cidades”

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e o Tenente de Alcalde e responsable da área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Antón Bao, acompañado por membros da corporación municipal recibiron a unha delegación do Concello de Ferrol encabezada polo seu Alcalde, José Manuel Rey Varela. Este acto que simboliza a irmandade entre ambas cidades e que se enmarca dentro das festas do San Froilán serve para estreitar os lazos e “debe ser visto como un exemplo do que debe ser a convivencia democrática e que agora debemos velar pola calidade de vida dos nosos veciños e veciñas” segundo remarcou López Orozco.

O Alcalde de Lugo quixo salientar que “é bo seguir estando xuntos e debemos seguir contando entre nós para traballar e lograr que os veciños e veciñas vivan nas mellores condicións.” Neste sentido referiuse a que “o país esta vivindo un momento complicado pero tamén ten haber días para o lecer e poñer ao día as nosas tradicións”.

López Orozco tamén se referiu aos tempos complicados que lles toca vivir aos concellos pero “somos un exemplo de como dous concellos gobernados por diferentes cores políticas ao longo do tempo sempre fomos quen de buscar aquelo que nos une e deixamos de lado aquelo que nos separa, e en Lugo coñecemos as vosas inquietudes, especialmente polo naval.”

Finalmente, López Orozco pediu ao Alcalde de Ferrol, na súa calidade de Presidente da Fegamp que “defenda os intereses dos concellos ata que se cambie o financiamento dos mesmos para poder participar deles como fan outras administracións e sempre contarás co noso apoio para lograr ese obxectivo”.


Toda a información sobre as festas do San Froilán en
www.sanfroilan.info