Imprimir

DENDE HOXE ONDEA NA CASA DO CONCELLO A NOVA BANDEIRA OFICIAL DA CIDADE


5/10/2012 O Alcalde de Lugo foi o encargado de dar a orde para izar a bandeira ao son do himno Galego

A bandeira está composta polo novo escudo da cidade sobre pano branco e que está sostido por dous leóns erguidos fronte a fronte de amarelo, linguados

O Alcalde, José López Orozco, foi o encargado de dar a orde de izar esta mañá a nova bandeira oficial do Concello de Lugo e que foi aprobada polo Consello da Xunta. No acto estiveron presentes o Tenente de Alcalde e responsable da área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Antón Bao, o Subdelegado do Goberno, Ramón Carballo, e membros da corporación municipal. A nova bandeira municipal foi izada por dúas persoas de diferente idade representando o pasado e o futuro da historia da cidade.

A bandeira de Lugo, está composta polo novo escudo da cidade sobre pano branco e que está sostido por dous leóns erguidos fronte a fronte de amarelo, linguados e con elementos en vermello. O escudo representa por riba da torre, sen tocala, un cáliz de ouro coa Hostia de prata, radiante de ouro. O cáliz aparece franqueado por dous anxos coas mans xuntas en actitude de orar, que se representan sobre nubes. Ao redor, a bordura de prata coa divisa “Hoc hic mysterium fidei firmiter profitemur” (Aquí, con fe firme, confesamos este misterio) en letras de sable (negro). O conxunto remátase na parte superior cunha coroa real pechada.

O escudo e a bandeira autorizados hoxe convértense en símbolos oficiais da cidade, e establécense como tales despois de que a Xunta obrigara a todas as localidades a legalizar os seus símbolos e logo de que a Corporación encargara un estudo sobre o orixe e a evolución das armas da cidade, dado que o escudo que ata o momento representa a Lugo, que foi aprobado durante a ditadura, nunca chegou a ser oficial.

O Pleno do Concello de Lugo, en sesión celebrada o día 30 de xuño de 2008, aprobou inicialmente a modificación do escudo e da bandeira municipais nos termos do estudo-memoria que lle fora encargado en marzo do mesmo ano ó especialista en heráldica Eduardo Pardo de Guevara y Valdés.

Este especialista resolveu os erros no deseño do anterior escudo e representou os distintos elementos que o compoñen atendendo os criterios da heráldica. Deste xeito o escudo terá fondo azur (azul), presidido por unha torre principal adornada cun torreón en cor prata (branco). As portas e as ventás ensínanse fechadas en gules (vermello), un esmalte que é diferente ó do castelo. A torre principal está rodeada por dous leóns fronte a fronte de ouro (amareloI, linguados e armados, coas gadoupas tintadas en gules diferente á cor do seu corpo.

A proposta de aprobación do escudo e da bandeira de Lugo ten a súa xustificación no feito de que os símbolos das entidades locais son a primeira imaxe que un cidadán percibe delas, xa que as identifican e diferencian. Tamén se tivo en conta que a determinación e definición dos símbolos non debe ser algo irreflexivo e que responda a cuestións de índole arbitraria ou caprichosa, senón que debe derivar dun estudo serio e pormenorizado, tendo en conta feitos históricos, culturais e significativos do territorio que representan.

Os símbolos veñen substituír ós que viña empregando o Concello que procedían da época franquista. O escudo fora aprobado en 1957 polo Ministerio da Gobernación e colocado posteriormente na bandeira da cidade.