Cargando....
Concello de Lugo
20/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Zootropa e Vendetta animan este martes de San Froilán


# Luns, 08/10/2012
Continúa o San Froilán Miúdo e a animación na rúa cos pasarrúas e os espectáculos de maxia

Este martes de San Froilán continúan as festas cunha ducia de actividades que mesturan todos os ingredientes de sempre que compoñen as festas máis populares de Galiza: música, ambiente na rúa e lecer para todos os públicos.

O ambiente na rúa vai estar animado polos pasarrúas de música tradicional galega do grupo Os Trastiños de Castelo polo barrio do Castiñeiro e o recinto histórico dende ás 12:00 horas; e pola tarde, será o grupo Caivanca o que anime o barrio de Fingoi e o recinto histórico dende ás 19:00 horas.

E as actuacións de Zootropa e Vendetta completan o programa musical da xornada. Será o escenario da Praza de Santa María o que acolla a actuación destes dous grupos. Abrirá ás 20:00 horas Zootropa
(Link vídeo Zootropa: http://www.youtube.com/watch?v=pd-m7-DIVOg)
Para de seguido, a partir das 21:00 horas actuar o grupo navarro Vendetta.
(Link vídeo Vendetta: http://www.youtube.com/watch?v=u5iiKHZks7U)

A maxia é a outra protagonista do día, con dúas actuacións na rúa da Raíña ás 12:00 e ás 18:00 horas e coa gala unipersoal do brasileiro Lipan Junior. A gala terá lugar ás 20:00 horas no aparcadoiro do Antigo Seminario.

Apertura das Portas da Muralla
Este martes, o Conservatorio Profesional de Danza de Lugo abre a Porta da Estación ás 17:30 horas cun espectáculo de danza.

San Froilán Miúdo
Continúa o programa do San Froilán Miúdo na carpa situada nos Xardíns da Deputación coa actuación gratuíta ás 18:00 horas de Mª Inés Cuadrado, que presenta o espectáculo “Peruchiña busca axuda”.

Outras actividades
Continúa a Feira Artesanfroilán, que está situada na carpa da Praza de Anxo Fernández Gómez do 5 ao 12 de outubro.

O Mago-Móbil, estacionado entre a Praza Maior e a Praza de Santa María, acolle novos espectáculos. O Mago Antón encabeza un cartel de actuacións nas que tamén figuran o Mago Kiko Pastur, Kayto, Javi Benítez e Luis Manuel. As entradas custan 2 euros e os pases programados para este martes son: 13:00, 18:00, 19:00, 20:00 e 21:00 horas.

E seguen abertas as tres exposicións programadas para o San Froilán pola Área de Cultura. Son tres mostras de diferentes temáticas que enchen as rúas do centro e a Sala de Exposicións da Sala Uxío Novoneyra de interesantes imaxes cun vínculo en común: Galiza.

A primeira é a de Xurxo Lobato, que presenta en Lugo a súa mostra “No país das vacas” e sitúa os seus paneis expositivos na Rúa da Raíña. Esta interesante exposición poderase contemplar do 29 de setembro ao 30 de outubro. A mostra componse de 130 fotografías acompañadas por textos de escritores de referencia da cultura galega como Manuel Rivas ou o Presidente da Real Academia Galega, Xosé Luis Méndez Ferrín e de persoeiros como a empresaria Rosalía Mera. O fotógrafo trata de fomentar a reflexión sobre o papel desempeñado pola vaca na cultura, na economía e na sociedade galega. Trátase dunha auténtica homenaxe ao animal que simboliza a nosa terra por excelencia.

Tamén é Galiza a protagonista da segunda exposición que acolle a cidade de Lugo durante o San Froilán. Neste caso trátase da mostra de “130 anos da Voz” que recolle en 60 portadas os momentos claves da historia galega e universal que se sucederon dende o 4 de xaneiro de 1882. Con esta exposición o diario La Voz de Galicia conmemora estas trece décadas de vida. O treito peonil da Ronda da Muralla acolle do 1 ao 10 de outubro esta mostra.

Por último, o fotógrafo carballés Ricardo Cambón expón na Sala de Exposicións Uxío Novoneyra unha serie de 17 fotografías panorámicas pertencentes a súa obra “Festas de Galicia” e que son unha escolma deste traballo realizado en 2010 en máis de oitenta festas de interese turístico repartidas pola xeografía galega. A selección que presenta en Lugo abrangue festas como o Arde Lucus, a festa das Rapa das Bestas de Viveiro, o Entroido de Verín ou as Festas do Apóstolo de Santiago. Trátanse de imaxes moi espectaculares, tomadas en formato panorámico co fin de retratar o momento clave de cada unha das celebracións. Esta mostra pódese visitar do 3 ao 31 de outubro.

Programa do martes, 9 de outubro
• 11.00 horas
Actividade aberta de Bioximnasia para maiores co Ximnasio Di Som no Parque de Rosalía de Castro.

• 12.00 horas
Maxia na rúa da Raíña.

• 12.00 horas
Pasarrúas de música tradicional galega do grupo Os Trastiños de Castelo polo barrio do Castiñeiro e recinto histórico.

• 17.30 horas
Danza nas portas da muralla. Conservatorio Profesional de Danza de Lugo na porta da Estación.

• 18.00 horas
Maxia na rúa da Raíña.

• 18.00 horas
O San Froilán Miúdo. Mª Inés Cuadrado: “Peruchiña busca axuda”, nos xardíns da Deputación.

• 19.00 horas
Pasarrúas de música tradicional galega do grupo Caivanca polo barrio do Fingoi e recinto histórico.

• 20.00 horas
Gala unipersoal de maxia con Lipan Junior (Brasil) no aparcadoiro do Antigo Seminario.

• 20.00 horas
Concerto de Zootropa na praza de Santa María.

• 21.00 h.
Concerto de Vendetta na praza de Santa María.



Toda a información sobre as festas do San Froilán en
www.sanfroilan.info




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova