Cargando....
Concello de Lugo
25/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Presentado o libro de homenaxe a Barriga Verde da colección "San Froilán dos devanceiros"


# Luns, 08/10/2012
O Tenente-Alcalde, Antón Bao, e o escritor Darío Xohán Cabana enxalzaron esta figura imprescindible do San Froilán

Imaxe Asociada
A colección do San Froilán dos devanceiros suma un novo título coa publicación de Barriga Verde, Manuel María e o San Froilán escrito por José Luís Calvo. Esta tarde tivo lugar a súa presentación oficial, nun concorrido acto conducido polo Tenente-Alcalde, Antón Bao, e o escritor Darío Xohán Cabana, en ausencia do autor que vive na actualidade na provincia de Toledo e por motivos profesionais non puido acudir á cita.

O edil nacionalista aproveitou a ocasión para loar o valor desta colección, que suma nove títulos que recollen a historia das festas abordándoas dende distintos aspectos, precisamente adiantou que o vindeiro título vai ser unha escolma de todos cantos pregóns das festas se poidan recuperar.

Nesta ocasión réndese homenaxe ao mito de Barriga Verde que durante anos alumeou co seu espectáculo as vilas e as cidades galegas e contribuíu á difusión da cultura e a lingua galegas nos escuros anos da ditadura.

O poeta da Terra Chá, Manuel María, escribiu en 1968 unha peza teatral para bonecos sobre a gran aventura de José Silvent, Barriga Verde. Farsa para bonecos co nobre obxectivo de homenaxear e inmortalizar a barraca de Silvent. Non era a primeira vez que lle rendía tributo, pois en 1955 publicara un interesante artigo sobre este artista popular e ambulante que creou Barriga Verde e que se publica íntegro no apéndice do libro.


Colección San Froilán dos devanceiros

Os outros títulos da colección editada pola Concellería de Cultura son:
Nº 1: Emilia Pardo Bazán en Lugo (San Froilán, 1906), por Javier Serrano Alonso
Nº 2: A chegada a Lugo do primeiro tren (San Froilán, 1875), por Darío Xohán Cabana
Nº 3: O cinematógrafo nas festas de San Froilán de Lugo (1898-1930), por Fernando Arribas Arias
Nº 4: Cunqueiro e Don Hamlet en Lugo (San Froilán, 1959), por Darío Xohán Cabana
Nº 5: Pelúdez. O libro (1908-2008). Cen anos de sanfreiláns contados por el mesmo, por Antonio de Cora, Juan Ramón Somoza, Purificación de Cora, Xosé Trapero e Xosé de Cora
Nº 6: A festa máis fermosa do outono galaico (Os escritores falan do San Froilán), por J. Luís Calvo e Yago Rodríguez Yáñez
Nº 7: Lucus fulget. As festas literarias nos sanfroiláns finiseculares (1899-1901), por Javier Serrano Alonso
Nº 8: A publicidade das festas de San Froilán de Lugo: carteis e programas 1877-2011, por Teresa Pena Moreda e Fernando Arribas Arias

O currículo do autor de Barriga Verde, Manuel María e o San Froilán
JOSÉ LUÍS CALVO naceu o ano 1973 en Oviedo. Estudou Filoloxía Hispánica en Lugo, onde creou e dirixiu Evoé, Revista Cultural do Campus Lucense. Actualmente é profesor de Lingua Castelá e Literatura en Illescas (Toledo). Como poeta, publicou en castelán La hija imperfecta (2000), e en galego Definitivo territorio (2004), título reeditado no 2011 co engadido do poemario Adeus lique, e Cantos de docedume (2010). É tamén autor de ensaios sobre Lorenzo Varela, Antonio Gamoneda e Lois Pereiro. Nesta mesma colección publicou, no ano 2009 e en colaboración con Yago Rodríguez Yáñez, A festa máis fermosa do outono galaico (Os escritores falan do San Froilán).




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova