Cargando....
Concello de Lugo
19/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

'A Letra das Festas' propón unha lembranza colectiva das anécdotas do San Froilán


# Martes, 09/10/2012
O acto, organizado pola Asociación de Escritores en Lingua Galega, terá lugar ás 19 horas no Círculo das Artes

Imaxe Asociada

A maxia, o San Froilán Miúdo e a animación na rúa continúan este mércores de San Froilán

Los Nietos e Zenet, que actúan na Praza de Santa María, protagonizan o programa musical da xornada


O programa de San Froilán continúa este mércores cunha ducia de actividades que mestura música, ambiente na rúa e lecer para todos os públicos. Ademais, terá lugar a “Letra das Festas”, un acto moi especial que servirá para recuperar anécdotas e sucedidos de Lugo, especialmente durante as festas. O Círculo das Artes é o escenario escollido para esta xuntanza que empeza ás 19:00 horas e ten as portas abertas a todo o público.

A Asociación de Escritores en Lingua Galega organiza esta lembranza colectiva na que participarán Antón Grande, Ana Carreira, Xosé Reigosa, Tareixa Campo, Xoán R. Cuba, Xulio Xiz, Xosé Miranda, Tonina Gay, Manuel Curiel, Marica Campo, Benjamín Santín, Darío X. Cabana, Marina Cillero, Fernando Arribas, Marga Portomeñe, Paco Nieto, Pilar García Negro e Paco Martín. A banda sonora deste relato, conducido por Isidro Novo e Antonio Reigosa, corre a cargo de Abraham Cupeiro e María Ruíz.

Dende o mediodía, o ambiente na rúa vai estar animado polos pasarrúas de música tradicional galega do grupo Cantigas e Frores polo barrio da Piringalla e o recinto histórico; e pola tarde, será o grupo Cantareiros de Regas o que anime o barrio de Albeiros e o recinto histórico dende ás 19:00 horas. Ademais, a Orquestrina do Centro de Música de Fingoi actuará na rúa da Raíña ás 18:00 horas. Ás 20:30 horas colle o testigo a charanga de Os Amigos de Manolo para animar as rúas do centro histórico.

Os concertos de Los Nietos e Zenet completan o programa musical da xornada. Será o escenario da Praza de Santa María o que acolla a actuación destes dous grupos. Abrirán ás 20:00 horas Los Nietos, para de seguido, a partir das 21:00 horas actuar o Zenet.
(Link vídeo Zenet: http://www.youtube.com/watch?v=H4qbPhD0M-0)

A maxia continúa ás 19:30 horas coa gala unipersoal do brasileiro Lipan Junior no aparcadoiro do Antigo Seminario.

Apertura das Portas da Muralla
Este mércores, a Escola de Danza Star Dance abre a Porta Nova ás 17:30 horas cun espectáculo de danza.

San Froilán Miúdo
Continúa o programa do San Froilán Miúdo na carpa situada nos Xardíns da Deputación coa actuación gratuíta ás 18:00 horas do Conservatorio Profesional de Danza de Lugo.

Outras actividades
O Parque de Rosalía de Castro acolle unha actividade aberta de Zumba Fitness co Ximnasio + Q Fitness ás 19:00 horas.

Continúa a Feira Artesanfroilán, que está situada na carpa da Praza de Anxo Fernández Gómez do 5 ao 12 de outubro.

O Mago-Móbil, estacionado entre a Praza Maior e a Praza de Santa María, acolle novos espectáculos. O Mago Antón encabeza un cartel de actuacións nas que tamén figuran o Mago Kiko Pastur, Kayto, Javi Benítez e Luis Manuel. As entradas custan 2 euros e os pases programados para este martes son: 13:00, 18:00, 19:00, 20:00 e 21:00 horas.

E seguen abertas as tres exposicións programadas para o San Froilán pola Área de Cultura. Son tres mostras de diferentes temáticas que enchen as rúas do centro e a Sala de Exposicións da Sala Uxío Novoneyra de interesantes imaxes cun vínculo en común: Galiza.

A primeira é a de Xurxo Lobato, que presenta en Lugo a súa mostra “No país das vacas” e sitúa os seus paneis expositivos na Rúa da Raíña. Esta interesante exposición poderase contemplar do 29 de setembro ao 30 de outubro. A mostra componse de 130 fotografías acompañadas por textos de escritores de referencia da cultura galega como Manuel Rivas ou o Presidente da Real Academia Galega, Xosé Luis Méndez Ferrín e de persoeiros como a empresaria Rosalía Mera. O fotógrafo trata de fomentar a reflexión sobre o papel desempeñado pola vaca na cultura, na economía e na sociedade galega. Trátase dunha auténtica homenaxe ao animal que simboliza a nosa terra por excelencia.

Tamén é Galiza a protagonista da segunda exposición que acolle a cidade de Lugo durante o San Froilán. Neste caso trátase da mostra de “130 anos da Voz” que recolle en 60 portadas os momentos claves da historia galega e universal que se sucederon dende o 4 de xaneiro de 1882. Con esta exposición o diario La Voz de Galicia conmemora estas trece décadas de vida. O treito peonil da Ronda da Muralla acolle do 1 ao 10 de outubro esta mostra.

Por último, o fotógrafo carballés Ricardo Cambón expón na Sala de Exposicións Uxío Novoneyra unha serie de 17 fotografías panorámicas pertencentes a súa obra “Festas de Galicia” e que son unha escolma deste traballo realizado en 2010 en máis de oitenta festas de interese turístico repartidas pola xeografía galega. A selección que presenta en Lugo abrangue festas como o Arde Lucus, a festa das Rapa das Bestas de Viveiro, o Entroido de Verín ou as Festas do Apóstolo de Santiago. Trátanse de imaxes moi espectaculares, tomadas en formato panorámico co fin de retratar o momento clave de cada unha das celebracións. Esta mostra pódese visitar do 3 ao 31 de outubro.

Programa do mércores, 10 de outubro
• 12.00 h.
Pasarrúas de música tradicional galega do grupo Cantigas e Frores polo barrio da Piringalla e recinto histórico.

• 17.30 h.
Danza nas portas da muralla. Escola de baile Star Dance na porta Nova.

• 18.00 h.
O San Froilán Miúdo. Actuación do Conservatorio Profesional de Danza de Lugo, nos xardíns da Deputación.

• 18.00 h.
Música na rúa da Raíña coa Orquestrina do Centro de Música Fingoi.

• 19.00 h.
Letra das Festas (revista oral literaria organizada pola Asociación de Escritores en Lingua Galega) no Círculo das Artes.

• 19.00 h.
Pasarrúas de música tradicional galega do grupo Cantareiros das Regas polo barrio de Albeiros e recinto histórico.

• 19.00 h.
Actividade aberta de Zumba Fitness co Ximnasio +Q FITNESS no Parque de Rosalía de Castro.

• 19.30 h.
Gala de Maxia con Lipan Junior (Brasil) no aparcadoiro do Antigo Seminario.

• 20.00 h.
Concerto de Los Nietos na praza de Santa María.

• 20.30 h.
Animación de rúa coa Charanga Amigos de Manolo polo recinto histórico.

• 21.00 h.
Concerto de Zenet na praza de Santa María.

Toda a información en
www.sanfroilan.info





Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova