Cargando....
Concello de Lugo
20/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Teatro, danza e bandas de música para celebrar o Día dos Maiores no San Froilán


# Mércores, 10/10/2012
A Asociación de Antigos Alumnos da Escola “Ramón Falcón” ofrecen unha representación teatral da vida de San Froilán na Praza de Santa María

O programa inclúe seis concertos para este xoves e continúan as actividades de animación na rúa e o San Froilán Miúdo

Este xoves celébrase o Día dos Maiores do San Froilán cunha completa axenda de actividades na que a música é a gran protagonista, pois están programados ata seis concertos, ademais das actuacións na rúa e da tradicional verbena nocturna na Praza Maior.

Dende o mediodía, o ambiente na rúa vai estar animado polos pasarrúas de música tradicional galega do grupo Souto Xímaro polo barrio da Cheda e o recinto histórico. Pola tarde, será o grupo Andaina o que anime o barrio da Ponte e o recinto histórico dende ás 19:00 horas. Ademais, a Banda de Gaitas do Centro de Música de Fingoi actuará na rúa da Raíña ás 12:00 horas. Pola tarde, a animación continúa coa percusión do grupo Axé que actúa dende as 20:30 horas polas rúas do centro histórico.

O programa musical complétase cos seis concertos propostos para esta xornada. O primeiro deles corresponde ao Concerto da Banda Municipal de Lugo, que estará acompañada polas bandas de Ribadeo e Chantada e terá lugar no quiosco da Praza Maior ás 18:30 horas.

Segue o cartel co concerto de arpa de Andrew Lawrence-King, que actúa ás 20:30 horas na Igrexa de San Pedro. Esta actuación forma parte do ciclo Espazos Sonoros que organiza AGADIC. Este músico é descrito como un virtuoso e un poeta da música.
(Link vídeo Andrew Lawrence-King: http://www.youtube.com/watch?v=Yg4AgIPzbTg&feature=related)

No Campo Castelo, ás 20:45 horas, empeza a actuación do lucense David Prado que tocará temas do seu álbum “En busca de mi maleta”.
(Link vídeo David Prado: http://www.youtube.com/watch?v=qrFZJsK1VaQ)
E ás 21:30 horas chega o turno de Emilio Rúa. Este ourensán presenta o seu último traballo “Interior” no escenario do Campo Castelo.
(Link vídeo Emilio Rúa: http://www.youtube.com/watch?v=Nq6tBEtkTGU)

A Praza Horta do Seminario acolle o concerto da banda lucense Ripper Ground ás 21:45 horas, que presentan o seu primeiro disco, “Manual para animales inconformistas”.
(Link vídeo Ripper Ground: http://www.youtube.com/watch?v=zxYVmmTBa4Y)
O grupo Ché Sudaka subirá a este escenario ás 22.30 horas para tocar os temas do seu novo álbum “10”.
(Link vídeo Ché Sudaka: http://www.youtube.com/watch?v=5vMCnYfiK74)

O escenario da Praza de Santa María acollerá ás 21:00 horas unha actuación moi especial, pois trátase da representación teatral da obra “De Froilán a San Froilán”. Os encargados de darlle vida son os membros da Asociación de Antigos Alumnos da Escola de Arte e Superior de Deseño “Ramón Falcón”.


Apertura das Portas da Muralla
Este xoves, a escola Ritmo Lugo abre a Porta do Hospital ás 17:30 horas cun espectáculo de danza.

San Froilán Miúdo
Continúa o programa do San Froilán Miúdo na carpa situada nos Xardíns da Deputación coa actuación gratuíta ás 18:00 horas de Assircópatas que presenta o espectáculo “Polos pelos”.

Outras actividades
Reaparecen Os Pelúdez e dende ás 19:00 horas pasearán polo recinto histórico e aproveitarán para saudar aos veciños de Lugo.

Continúa a Feira Artesanfroilán, que está ubicada na carpa da Praza de Anxo Fernández Gómez do 5 ao 12 de outubro.

O Mago-Móbil, estacionado entre a Praza Maior e a Praza de Santa María, acolle novos espectáculos. O Mago Antón encabeza un cartel de actuacións nas que tamén figuran o Mago Kiko Pastur, Kayto, Javi Benítez e Luis Manuel. As entradas custan 2 euros e os pases programados para este martes son: 13:00, 18:00, 19:00, 20:00 e 21:00 horas.

E seguen abertas dúas das exposicións programadas para o San Froilán pola Área de Cultura. Son mostras de diferentes temáticas que enchen as rúas do centro e a Sala de Exposicións da Sala Uxío Novoneyra de interesantes imaxes cun vínculo en común: Galiza.

A primeira é a de Xurxo Lobato, que presenta en Lugo a súa mostra “No país das vacas” e ubica os seus paneis expositivos na Rúa da Raíña. Esta interesante exposición poderase contemplar do 29 de setembro ao 30 de outubro. A mostra componse de 130 fotografías acompañadas por textos de escritores de referencia da cultura galega como Manuel Rivas ou o Presidente da Real Academia Galega, Xosé Luis Méndez Ferrín e de persoeiros como a empresaria Rosalía Mera. O fotógrafo trata de fomentar a reflexión sobre o papel desempeñado pola vaca na cultura, na economía e na sociedade galega. Trátase dunha auténtica homenaxe ao animal que simboliza a nosa terra por excelencia.

E o fotógrafo carballés Ricardo Cambón expón na Sala de Exposicións Uxío Novoneyra unha serie de 17 fotografías panorámicas pertencentes a súa obra “Festas de Galicia” e que son unha escolma deste traballo realizado en 2010 en máis de oitenta festas de interese turístico repartidas pola xeografía galega. A selección que presenta en Lugo abrangue festas como o Arde Lucus, a festa das Rapa das Bestas de Viveiro, o Entroído de Verín ou as Festas do Apóstolo de Santiago. Trátanse de imaxes moi espectaculares, tomadas en formato panorámico co fin de retratar o momento clave de cada unha das celebracións. Esta mostra pódese visitar do 3 ao 31 de outubro.

Programa do mércores, 10 de outubro
• 12.00 h.
Pasarrúas de música tradicional galega do grupo Souto Xímaro polo barrio da Cheda e recinto histórico.

• 12.00 h.
Música na rúa da Raíña coa Banda de Gaitas do Centro de Música Fingoi.

• 17.30 h.
Danza nas portas da muralla. Ritmo Lugo na porta do Hospital.

• 18.00 h.
O San Froilán Miúdo. Assircópatas: “Polos Pelos” nos xardíns da Deputación.

• 18.00 h.
Música na rúa da Raíña coa Escola de Música e Danza Fábrica de Sons.

• 18.30 h.
Concerto das Bandas Municipais de Ribadeo, Chantada e Lugo no quiosco da praza Maior.

• 19.00 h.
Pasarrúas de música tradicional galega do grupo Andaina polo barrio da Ponte e recinto histórico.

• 19:00 h.
Os Pelúdez entre nós no recinto histórico

• 20.30 h.
Concerto de Arpa con Andrew Lawrence-King na Igrexa de San Pedro (ciclo Espazos Sonoros - AGADIC).

• 20.30 h.
Animación de rúa con Axé (percusión) polo recinto histórico.

• 20.45 h.
Concerto de David Prado na praza do Campo Castelo.

• 21.00 h.
Representación teatral De Froilán a San Froilán a cargo da Asociación de Antigos Alumnos da Escola de Arte e Superior de Deseño “Ramón Falcón” na praza de Santa María.

• 21.30 h.
Concerto de Emilio Rúa na praza do Campo Castelo.

• 21.45 h.
Concerto de Ripper Ground na praza Horta do Seminario.

• 22.30 h.
Concerto de Ché Sudaka na praza Horta do Seminario.

• 23.00 h.
Verbena a cargo das orquestras Tango e Solara na praza Maior.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova