Cargando....
Concello de Lugo
25/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde expresa a súa preocupación polo posible retraso na chegada a Lugo do AVE e pídelle explicacións á Ministra de Fomento


# Xoves, 11/10/2012
López Orozco mandoulle hoxe unha carta a Ana Pastor na que pregunta pola desaparición da conexión Ourense-Lugo-A Coruña, prevista na Rede Transeuropea de Transporte Ferroviario 

Imaxe Asociada
O Alcalde, José López Orozco, amosou hoxe a súa preocupación polo posible retraso na chegada a Lugo do tren de Alta Velocidade e anunciou que lle acaba de enviar unha carta á Ministra de Fomento, Ana Pastor, para que lle aclare as intencións do Goberno respecto da planificación e financiamento da conexión de Lugo por ferrocarril de Alta Velocidade.

O Alcalde xa expresou a súa preocupación na xuntanza que celebrou onte, en Monforte, a Comisión Executiva do Eixo Atlántico e esta mañá envioulle unha carta á Ministra de Fomento na que lle pregunta pola desaparición da conexión de Ourense-Lugo-A Coruña do Tren de Alta Velocidade. Esa conexión figuraba na Rede Transeuropea de Transporte Ferroviario do Ministerio de Fomento do ano 2011 pero desapareceu da versión na que traballou o Consello de Transportes da Unión Europea do 28 de marzo de 2012.

A desaparición da conexión hacia o Norte por Lugo da planificación aparece reflectida nun estudo sobre a actualización do Plan de Infraestruturas do Eixo Atlántico na parte galega que lle encargou o Eixo Atlántico, do que forman parte concellos de Galicia e o Norte de Portugal, a expertos do Grupo de Ferrocarriles e Transportes da Universidade da Coruña.

Nese informe tamén se pon de manifesto que, ademais, na rede do Ministerio de Fomento a conexión Ourense-Lugo-A Coruña figura como rede global e non como rede básica. A importancia deste feito radica en que a rede básica é a que vai ter financiamento da Unión Europea, segundo explicou o Alcalde. López Orozco tamén salientou que, segundo parece, Bruxelas aprobará definitivamente a Rede Transeuropea de Transporte Ferroviaria en decembro deste ano.

Por este motivo, o Alcalde pídelle á Ministra que explique cal das dúas versións é a auténtica e tamén "se esa conexión vai ter o financiamento necesario para que Lugo conte co tren de Alta Velocidade no horizonte da chegada da Alta Velocidade a Galicia". 
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova