Cargando....
Concello de Lugo
19/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

A Feira Outlet dos comerciantes lucenses abre as súas portas por terceiro ano ofrecendo descontos de ata o 80%


# Xoves, 11/10/2012
Esther Muñoz, Regina Polín e Nora Real presentaron a 3ª edición da feira que pretende dar un impulso á actividade comercial dos autónomos nun momento de dificultades para o sector

Imaxe Asociada
A Concelleira de Educación, Formación e Orientación Laboral, Esther Muñóz, a Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, e a Presidenta da Asociación de Autónomas de Lugo, Nora Real, presentaron a III Feira Outlet, que abrirá as súas portas na praza de Anxo Fernández Gómez.

Nesta feira daranse cabida a comerciantes da cidade que poñen á venda os seus stocks a prezos moi vantaxosos e que chega a súa 3ª edición precedida polo éxito das anteriores convocatorias. tal e como sinalou Regina Polín “esta é unha feira moi rendible, posto que os nosos comerciante conseguen un nivel importante de vendas e ademais optimizamos recursos, empregando as mesmas instalacións preparadas para o Artesanfroilán, de xeito que os custes da súa posta en marcha son mínimos”

Pola súa parte, Esther Muñoz quixo salientar o feito de que esta Feira sexa posta en marcha por mulleres e animou ós lucenses a saír á rúa e afrontar a situación “con toda a ilusión posible nestes tempos difíciles”.

A Deputada subliñou a necesidade de levar a cabo accións de apoio a un sector que está a atravesar graves dificultades económicas. “Que ninguén esqueza que, nos últimos anos, fomos testemuñas do peche de preto de 400 negocios só na capital da provincia e agora as medidas postas en marcha polo Goberno central están asfixiando máis se cabe a un sector que xa atravesaba unha etapa de dificultades”.

A Presidenta das Autónomas lucenses aproveitou para agradecer a colaboración que prestan Deputación e Concello ás iniciativas que pon en marcha a asociación que ela preside.

Centos de produtos a prezos reducidos
Preto de 31 comercios de Lugo estarán nesta Feira Outlet, malia que as solicitudes foron moitas máis, e que porán á venda centos de variados produtos procedentes de stock con descontos entre o 50% e o 90%. Zapatería, téxtil, xoiería, mercería, óptica, droguería, lencería, fogar, pel, complementos ou agasallos serán algunha das mercadorías que se poderán mercar, moitas delas de destacadas marcas internacionais.

O importante nivel de vendas acadado nas anteriores convocatorias fixo que este ano sexan tantos máis os negocios participantes.

A 3ª Feira Outlet vén precedida do éxito colectado na última das iniciativas de este tipo que a asociación de comerciantes puxo en marcha co respaldo de Deputación e Concello, o Street Market, xornada durante a que os negocios da capital sacaron a súa mercancía ás rúas, animando o consumo entre veciños da cidade e visitantes, ou doutros eventos coma a Noite Aberta, que tamén contou co apoio de Deputación e Concello.

Días e horarios de apertura
A Feira Outlet quedará aberta na carpa instalada na Praza de Anxo Fernández Gómez, situada tras a Casa do Concello lucense dende o sábado 13 ata o vindeiro día 15 de outubro, en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:30 horas, agás o sábado, día no que abrirá dende as 18:00 ata as 22:00 horas.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova