Cargando....
Concello de Lugo
20/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O San Froilán 2012 despídese coa Feira Medieval adicada ao Camiño Primitivo e seis concertos


# Venres, 12/10/2012
A Feira recupera a súa ubicación na Praza de Pío XII e nas rúas dos arredores da Catedral

Imaxe Asociada

Haberá preto de trinta actividades ao longo da xornada con música, maxia, deportes e espectáculos para nenos

O San Froilán chega ao seu fin tras oito días de festa celebrada con moito ambiente na rúa e variados espectáculos de maxia, música, teatro e danza. O programa inclúe preto de trinta actividades para esta última xornada que está dedicada ao Camiño Primitivo. Entre elas, destaca a Feira Medieval, xa convertida nunha tradición máis das festas e que este ano recupera a súa ubicación orixinaria na Praza de Pío XII e as rúas dos arredores da Catedral. Este escenario é o máis adecuado para que luzan o mercado e a ducia de actividades que ofrece o programa deste ano. Ademais dos postos de venda de artesanía e alimentación, non van faltar os espectáculos de cetrería nin as representacións teatrais con personaxes típicos da época como o curandeiro e os trobadores.

A inauguración da Feira Medieval ás 11:30 horas na Praza de Pío XII abre a xornada festiva coa chegada da aguia de Harris portadora do pergamino da apertura do mercado, que estará aberto ata ás 22:00 horas.

O outro acto oficial da xornada está programado para as 13:30 horas na Casa Consistorial, que acollerá a recepción oficial a representantes do San Froilán de Nou Barris de Barcelona.

A animación na rúa vai estar presente ao longo do día cos grupos de pasarrúas actuando por distintos barrios e o recinto histórico. Dende ás 12:00 horas, será o pasarrúas de música tradicional galega do grupo Río miño quen actúe polo barrio da Estación e o recinto histórico. A percusión de Pelepau animará o recinto histórico dende as 13.30 horas.

Pola tarde, haberá un espectáculo ás 18:30 horas na Praza de Augas Férreas a cargo de Ritmo Lugo e Estoupacaldeiros, que organizan os empresarios da zona. Ás 19:00 horas, o grupo A Volta do Agro tocará polo barrio de San Roque e o recinto histórico. Ademais, músicos da Fábrica de Sons actuarán na rúa da Raíña ás 17:30 horas e cederán o testemuño ás 18:00 horas ao Centro de Ensinanza Musical Rossini.

A apertura do programa de concertos do día o abre a actuación da Banda Municipal de Música que tocará ás 12:30 horas na Praza Maior. Pola tarde, ás 20:30 horas será a quenda do grupo En Clave de Fado que actúa no escenario da Praza de Santa María.
(Link vídeo En Clave de Fado: http://www.youtube.com/watch?v=hqVeEpdAWkk)
Continúa a velada ao son da música portuguesa da man de Antonio Zambujo que presenta o seu último traballo “Quinto” ás 21:15 horas neste mesmo escenario.
(Link vídeo Antonio Zambujo: http://www.youtube.com/watch?v=pYSNcl0usNY)

Será unha xornada moi variada en canto aos estilos musicais que soarán nos escenarios do San Froilán, mentres soa o fado na Praza de Santa María, o grupo de Julie Guravich & Víctor Aneiros Band encherá a partir das 22:00 horas o escenario da Praza do Campo Castelo co seu blues.
(Link vídeo Julie Guravich & Víctor Aneiros Band: www.youtube.com/watch?v=mOUxQFqN4AU)

E para despedir as festas, a Praza Horta do Seminario acollerá a partir das 21:45 horas o concerto de Kimuru e do grupo indie La Casa Azul (22:30 horas) que presentará o seu último traballo “La Polinesia meridional”.
(Link vídeo Kimuru: http://www.youtube.com/watch?v=a4lJS1hJog8)
(Link vídeo La Casa Azul: http://www.youtube.com/watch?v=6pLjUsBnQv4)

Para rematar a noite, celebraranse dúas verbenas populares. A primeira será na Praza de Augas Férreas e contará coa presenza da orquestra Panorama, unha actuación organizada polos empresarios da zona. E a Praza Maior acollerá ás 23:00 horas a última verbena deste San Froilán, que corre a cargo da orquestra Ledicia.

Apertura das Portas da Muralla
Este venres, a Escola de Baile Teresa Neri abre a Porta do Campo Castelo ás 17:30 horas cun espectáculo de danza.

San Froilán Miúdo
Continúa o programa do San Froilán Miúdo na carpa situada nos Xardíns da Deputación coa actuación gratuíta ás 12:30 e ás 18:00 horas de Teatro de Ningures que presenta o espectáculo “Cómicos dell’ auto”.

Outras actividades
Remata tamén o Festival de Maxia do San Froilán coa Gala de Magos Galegos que terá lugar ás 20:00 horas no escenario do aparcadoiro do Antigo Seminario. Presentada polo Mago Antón contará coas actuacións de Kiko Pastur, Román García, Martín Varela e Mago-Mimo Anyo.

Ás 20:15 horas terá lugar a sesión de fogos artificiais dende o Barrio do Carme a cargo de pirotecnia Astariz. Para apreciala na súa totalidade recoméndase contemplala dende treito do adarve da Muralla comprendido entre as portas de Bispo Odoario e Aguirre.

Continúa a Feira Artesanfroilán, que está situada na carpa da Praza de Anxo Fernández Gómez do 5 ao 12 de outubro.

O Mago-Móbil, estacionado entre a Praza Maior e a Praza de Santa María, acolle novos espectáculos. O Mago Antón encabeza un cartel de actuacións nas que tamén figuran o Mago Kiko Pastur, Kayto, Javi Benítez e Luis Manuel. As entradas custan 2 euros e os pases programados para este venres son: 12:00, 13:00, 17:00, 18:00, 19:00, 20:00, 21:00 e 23:00 horas.

E seguen abertas dúas das exposicións programadas para o San Froilán pola Área de Cultura. Son mostras de diferentes temáticas que enchen as rúas do centro e a Sala de Exposicións da Sala Uxío Novoneyra de interesantes imaxes cun vínculo en común: Galiza.

A primeira é a de Xurxo Lobato, que presenta en Lugo a súa mostra “No país das vacas” e sitúa os seus paneis expositivos na Rúa da Raíña. Esta interesante exposición poderase contemplar do 29 de setembro ao 30 de outubro. A mostra componse de 130 fotografías acompañadas por textos de escritores de referencia da cultura galega como Manuel Rivas ou o Presidente da Real Academia Galega, Xosé Luis Méndez Ferrín e de persoeiros como a empresaria Rosalía Mera. O fotógrafo trata de fomentar a reflexión sobre o papel desempeñado pola vaca na cultura, na economía e na sociedade galega. Trátase dunha auténtica homenaxe ao animal que simboliza a nosa terra por excelencia.

E o fotógrafo carballés Ricardo Cambón expón na Sala de Exposicións Uxío Novoneyra unha serie de 17 fotografías panorámicas pertencentes a súa obra “Festas de Galicia” e que son unha escolma deste traballo realizado en 2010 en máis de oitenta festas de interese turístico repartidas pola xeografía galega. A selección que presenta en Lugo abrangue festas como o Arde Lucus, a festa das Rapa das Bestas de Viveiro, o Entroido de Verín ou as Festas do Apóstolo de Santiago. Trátanse de imaxes moi espectaculares, tomadas en formato panorámico co fin de retratar o momento clave de cada unha das celebracións. Esta mostra pódese visitar do 3 ao 31 de outubro.


Programa do venres, 12 de outubro
• 11.30 h.
Inauguración da FEIRA MEDIEVAL na praza Pío XII.

• 12.00 h.
Pasarrúas de música tradicional galega do grupo Río Miño polo barrio da Estación e recinto histórico.

• 12.30 h.
O San Froilán Miúdo. Teatro de Ningures: “Cómicos dell´auto” nos xardíns da Deputación.

• 12.30 h.
Concerto da Banda Municipal de Lugo na praza Maior.

• 13.30 h.
Animación de rúa do grupo de percusión Pelepau polo recinto histórico.

• 17.30 h.
Música na rúa da Raíña con Fábrica de Sons.

• 17.30 h.
Danza nas portas da muralla. Escola de Baile Teresa Neri na porta do Campo Castelo.

• 18.00 h.
O San Froilán Miúdo. Teatro de Ningures: “Cómicos dell´auto” nos xardíns da Deputación.

• 18.00 h.
Música na rúa da Raíña co Centro de Ensinanza Musical Rossini.

• 18.30 h.
Animación a cargo de Ritmo Lugo e Os Estoupacaldeiros na praza de Augas Férreas (organizado por empresarios da zona).

• 19.00 h.
Pasarrúas de música tradicional galega do grupo A Volta do Agro polo barrio de San Roque e recinto histórico.

• 20.00 h.
Festival de maxia “Gala de Magos Galegos”. Presenta o Mago Antón e actúan Kiko Pastur, Román García, Martín Varela e Mago-Mimo Anyo no aparcadoiro do Antigo Seminario.

• 20.15 h.
Concerto de En Clave de Fado na praza de Santa María.

• 20.30 h.
Animación de rúa do grupo de percusión Pelepau polo recinto histórico.

• 21.00 h.
Concerto de Amalgamic Alchemy na praza do Campo Castelo.

• 21.00 h.
Sesión de fogos artificiais desde o barrio do Carme a cargo de pirotecnia Astariz, para apreciar na súa totalidade desde o adarve da Muralla, no tramo comprendido entre as portas do Bispo Odoario e Aguirre.

• 21.15 h.
Concerto de Antonio Zambujo na praza de Santa María.

• 21.45 h.
Concerto de Kimuru na praza Horta do Seminario.

• 22.00 h.
Concerto de Julie Guravich & Víctor Aneiros Band na praza do Campo Castelo.

• 22.30 h.
Concerto de La Casa Azul na praza Horta do Seminario.

• 22.30 h.
Verbena a cargo da orquestra Panorama na praza de Augas Férreas (organizado por empresarios da zona).
• 23.00 h.
Verbena a cargo da orquestra Ledicia na praza Maior.

PROGRAMA DEPORTIVO

12:00 h. II TROFEO SAN FROILÁN FÚTBOL 11 VETERANOS
• Lugar: Luís López Gorgoso.
• Organiza: Asociación de Veteranos

16:30 h. XI OPEN SAN FROILÁN BILLAR POOL BOLA 8
• Lugar: Tiempos Modernos
o Competición 12 e 13
o Organiza club Billar Tempos Modernos

20:00 h. III TROFEO INTERNACIONAL SAN FROILÁN CIDADE DE LUGO DE TENIS DE MESA
• Lugar: Polideportivo Municipal Casa do Deporte
o Competición: de 10:00 a 21:00
• Organiza: CLUB DEZ PORTAS

Toda a información en
www.sanfroilan.info




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova