Cargando....
Concello de Lugo
19/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde participa na inauguración da 3ª Feira Outlet de Lugo que estará aberta ata o luns na praza Anxo Fernández Gómez


# Luns, 15/10/2012


O Alcalde, José López Orozco, e o Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, acompañaron á Presidenta da Asociación de Autónomas, Nora Real, na inauguración da terceira edición da Feira Outlet de Lugo, que celebra esta Asociación co apoio do Concello e da Deputación provincial. No acto tamén participaron a Concelleira de Economía, Emprendemento e Autónomos, Sonia Méndez, e a Deputación de Deseño e Artesanía, Regina Polín.

O interese da feira motivou que este ano sexan máis negocios os que participan no evento e que foran ducias as solicitudes dos comercios lucenses para estar presentes nunha carpa que comeza a quedarse pequena.

López Orozco salientou que, ante as dificultades actuais, “hai dúas opcións, ou lamentarnos todos xuntos, ou emprender iniciativas coma esta, que axudan a poñer unha solución entre todos”. O rexedor garantiu a continuidade deste evento o ano que vén, unha edición que, avanzou, durará un día máis. “Vade preparando o ano que vén. Ánimo, sorte e moito éxito”, concluíu.

Pola súa banda,Gómez Besteiro quixo deixar patente o apoio ó sector que mantén o organismo provincial, “nuns tempo de grandes dificultades para os negocios, non só da capital, senón de toda a provincia. O importante é que nos volquemos todos con iniciativas coma esta, a Gala Lvcvs Moda ou o Street Market, iniciativas que buscan solucións, ter a capacidade de non rendernos a pesar dos tempos difíciles. O comercio é o que lle dá a vida a esta provincia, polo que se lle vai mal ó comercio, vaille mal á provincia”. Nos últimos anos pecharon as súas portas máis de 400 negocios soamente na capital da provincia, e medidas como a suba do IVE ou o aumento do IRPF van supoñer un gasto adicional de 1.100 euros de media a cada autónomo.

A Presidenta da Asociación de Autónomas, agradeceu o apoio do Concello e a Deputación provincial, así como a resposta do público, para paliar “el mal momento que está viviendo el pequeño comercio”.

Centos de produtos con importantes descontos

Un total de 31 comercios de Lugo estarán nesta Feira Outlet, malia que as solicitudes foron moitas máis. Poñerán á venda centos de variados produtos procedentes de stock con descontos de entre o 50% e o 90%. Zapatería, téxtil, xoiería, mercería, óptica, droguería, lencería, fogar, pel, complementos ou agasallos serán algunha das mercadorías que se poderán mercar, moitas delas de destacadas marcas internacionais.

O importante volume de negocio acadado nas anteriores convocatorias –preto de 100.000 euros- fixo que este ano sexan moitos máis os negocios participantes.

A 3ª Feira Outlet vén precedida do éxito colleitado na última das iniciativas de este tipo que a asociación de comerciantes puxo en marcha co respaldo de Deputación e Concello, o Street Market, xornada durante a que os negocios da capital sacaron a súa mercancía ás rúas, animando o consumo entre veciños da cidade e visitantes, ou doutros eventos coma a Noite Aberta, que tamén contou co apoio da institución provincial e o Concello.

Días e horarios de apertura

A Feira Outlet estará aberta na carpa instalada na Praza Anxo Fernández Gómez, situada detrás da Casa do Concello lucense ata o vindeiro luns, en horario de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:30 horas, agás hoxe, que pechará ás 22:00 horas.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova