Imprimir

ADXUDICADOS OS TRABALLOS ARQUEOLÓXICOS PARA A COMUNICACIÓN DOS CALEXÓNS DO HOSPITAL E DO SON


17/10/2012

O Concello vén de adxudicar o estudo arqueolóxico correspondente ó proxecto para a comunicación das quellas do Hospital e do Son, unha nova actuación de recuperación de espazos públicos do Casco histórico de Lugo que se levará a cabo con fondos do Plan Urban, segundo informou a Concellería de Economía, Emprendemento e Autónomos, que dirixe Sonia Méndez.

Dado que o proxecto de obra obriga a facer parte dos traballos para a comunicación dos dous calexóns baixo rasante, é necesario abordar previamente os labores de estudo arqueolóxico na zona.

O Concello adxudicou os traballos de estudo arqueolóxico a Arqueoconsulting, S.L.U. cun presuposto de 6.052 euros (IVE incluído). Este investimento tamén se fará con cargo ó Plan Urban, que conta cun 80% de cofinanciamento da Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.

A contratación destes traballos inclúe a redacción do proxecto arqueolóxico, a execución dos traballos que se deben realizar de forma paralela á execución da obra civil, así como os informes, memoria e, se é o caso, estudo dos materiais, así como calquera outro traballo e documentación arqueolóxica necesaria. Tamén se inclúen todos os traballos de remoción de terras de xeito manual.

O proxecto para a comunicación e acondicionamento das quellas do Hospital e do Son é unha nova actuación prevista polo Plan Urban para mellorar os espazos urbanos do centro de Lugo. Esta obra suporá a demolición de varios alpendres existentes nos dous calexóns, que actualmente impiden a súa conexión. O proxecto suporá ademais o adecentamento da zona, coa renovación de pavimento e alumeado, e permitirá a apertura de escaparates na parte traseira dos establecementos comerciais da rúa San Marcos.
Para acometer esta importante intervención na zona, o Concello ten previsto aprobar proximamente as expropiacións e tamén se traballa nunha modificación puntual do Plan do Casco Histórico. 

www.lugo.es/urban