Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo non subirá os impostos municipais o ano que vén


# Xoves, 18/10/2012
O Alcalde anunciou que o Goberno local tomou esta medida para axudar a desafogar as economías domésticas e das empresas

Imaxe Asociada Imaxe Asociada

Os contribuíntes de Lugo aforrarán 1,4 millóns de euros que terían que pagar en impostos se o Concello actualizara o IPC

O Alcalde, José López Orozco, informou hoxe de que o Concello de Lugo non subirá os impostos, taxas e prezos públicos o ano que vén. O Alcalde, fixo este anuncio nunha rolda de prensa na que estivo acompañado pola Concelleira de Economía, Emprendemento e Autónomos, Sonia Méndez, e na que tamén explicou que ademais de conxelar a carga impositiva ós contribuíntes manteremos as bonificacións que damos a familias numerosas, a vehículos ecolóxicos, obras de rehabilitación e incentivos para a creación de emprego.

“Tomamos a decisión de que o Concello non suba os impostos conscientes de que para nós supón un sacrificio pero asumímolo, en primeiro lugar, porque a nosa economía está saneada e segundo por sensibilidade coa situación económica das familias”, explicou o Alcalde.

López Orozco indicou que dende “o Goberno local non queremos gravar máis os bolsillos das familias logo de que o Goberno central subira o IBI, o IRPF e o IVE e a Xunta, o canon da auga ou as taxas das garderías precisamente nun momento no que o paro fai estragos e a moitos dos que teñen traballo, funcionarios e empregados do sector privado, baixanlles os salarios”.

Tamén explicou o Alcalde que “o esforzo que supón non subir o ano que vén os impostos, taxas e prezos públicos tamén é posible grazas a que os lucenses pagan ben e iso permítenos manter a recadación e fará que poidamos dispor en 2013 dun Presuposto semellante ó de este ano sen facer ningún recorte social”.

O que si continuará axustando o Concello de Lugo serán os chamados gastos improdutivos. Neste sentido, o Alcalde anunciou que “mañá teremos unha reunión coa Mesa negociadora da Xunta de persoal na que imos propoñer o pase á Seguridade Social de todos os traballadores municipais coa supresión dun seguro que só beneficiaba ó persoal anterior a 1993, o que nos permitirá aforrar 350.000 euros no pago dese seguro e de receitas médicas”.

Ademais, López Orozco salientou que “como sempre dicimos, se pagamos todos, podemos pagar menos”. E sinalou que “se a Xunta de Galicia tamén fora boa cumpridora con este Concello, se Feijóo, cando di que ten as contas saneadas, dixera agás o que lle debo ó Concello de Lugo, as cousas aínda irían mellor porque estamos a falar de orredor de 1,9 millóns de euros porque é posible que se vaia deixándolle a Lugo unha débeda por ese importe”.

As familias aforrarán 1,4 millóns de euros

Pola súa parte, a Concelleira de Economía explicou que os ingresos do Concello por este concepto de impostos, taxas e prezos públicos ascenden a 51.900.000 euros ó ano e a suba do IPC interanual é dun 2,7%, polo que “o aforro que estimamos para os veciños de Lugo por esta conxelación ascende a 1.400.000 euros, é dicir, 14 euros por veciño”.

Sonia Méndez tamén lembrou que “en cinco anos este Concello só actualizou nunha ocasión, polo tanto, a nosa intención é non gravar máis as economías domésticas e que o aforro se poida adicar a consumo no comercio local, nun momento no que medidas como a supresión da paga extra de Nadal ós funcionarios e outras medidas de conxelación salarial causan graves prexuízos ó comercio da cidade.

Ademais, a Concelleira de Economía lembrou que “Lugo é unha das tres cidades galegas que presentou en prazo a información obrigatoria, como todos os anos, ante o Consello de Contas, fixémolo Lugo, Vigo e Pontevedra, ningunha delas gobernada polo Partido Popular”. “As cidades gobernadas polo PP non foron quen de cumprir en prazo e nós si que o fixemos, unha vez máis”, concluíu Sonia Méndez.





Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova