Cargando....
Concello de Lugo
19/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Goberno local conxela o billete do bus urbano e autoriza ós taxistas a repercutir nas súas tarifas a suba do IVE e do IPC


# Martes, 23/10/2012
A Concelleira de Economía anuncia para o día 29 de novembro unha poxa de bens embargados a cinco empresas que lle adebedan ó Concello máis de 430.000 euros

Imaxe Asociada Imaxe Asociada
A Concelleira de Economía, Emprendemento e Autónomos, Sonia Méndez, anunciou hoxe a decisión do Goberno local de manter os prezos do transporte urbano colectivo de Lugo no ano 2013. O Concello autorizou, en cambio, a petición dos taxistas de repercutir nas súas tarifas a suba do Imposto sobre o Valor Engadido, que o Goberno aumentou neste servizo do 8% ó 10%, e do Índice de Prezos ó Consumo.

A Concelleira de Economía explicou que as tarifas dos buses urbanos “se manterán igual por decisión do Goberno local co ánimo de fomentar o transporte público na cidade e considerando que se trata dun servizo de interese social, que presta o propio Concello, polo que quedarán conxeladas o ano que vén igual que os impostos municipais, taxas e prezos públicos”.

Tocante ás tarifas dos taxis, Sonia Méndez explicou que a Asociación Profesional de Traballadores Autónomos de Autotaxi e Gran Turismo solicitaron un incremento das súas tarifas para repercutir nelas as subas do IPC e do IVE, petición que o Goberno local considerou razoable atender para que non tiveran que ser os taxistas quen asumiran esas subas. Tamén sinalou que a actualización das tarifas dos taxis debe recibir o visto e prace da Xunta de Galicia. A proposta de tarifas que autoriza o Concello é a seguinte:

Tarifa 1 (días laborables de 7 a 24 horas):
Baixada de bandeira 1,88 euros, salto de contador 0,97 euros e hora de espera 19,71 euros.

Tarifa 2 (sábados, domingos, festivos e días laborables durante as festas de San Froilán, de 7 a 24 horas):
Baixada de bandeira 2,47 euros, salto de contador 1,01 euros e hora de espera 19,71 euros.

Tarifa 3 (servizo nocturno de 24 a 7 horas e os sábados, domingos e festivos durante as festas de San Froilán así como os días de Nadal e Aninovo de 0 a 24 horas):
Baixada de bandeira 2,55 euros, salto de contador 1,39 euros e hora de espera 26,98 euros.

Suplementos:
Saídas das estacións 0,56 euros e equipaxes (maleta ou vulto) 0,56 euros.

Poxa de bens embargados

A Concelleira de Economía tamén anunciou hoxe a convocatoria dunha poxa de bens que o Concello ten embargados a cinco empresas que son debedoras de impostos e taxas municipais. As débedas que teñen contraídas coa Facenda municipal ascenden a un total de 431.242 euros e, unha vez agotadas todas as posibilidades de facer efectivo o pago dos importes adebedados, mediante aprazamentos ou fraccionamentos das mesmas, o Concello dá o seguinte paso, segundo explicou Méndez, consistente na venda pública destes bens inmobles embargados no seu día para asegurarse o cobro da débeda.

As propiedades que sairán a poxa, o día 29 de novembro, son sete prazas de garaxe, dous locais comerciais que non teñen actividade e un solar que está situado no polígono do Ceao.

Cinco das prazas de garaxe teñen un valor de 50.404,60 euros e están situadas na Ronda de Fingoi,91. As outras dúas, valoradas en 5.670 e 6.300 euros respectivamente, están situadas en Marqués de Ombreiro s/n.
Un dos locais comerciais, valorado en 24.881,85 euros, está na rúa Saúde esquina con Serra de Outes e o outro, cun valor de 190.371,55 euros, sitúase na rúa Salmón,4-5.
En canto á finca urbana do polígono do Ceao o seu valor é de 141.847,46 euros.

A poxa terá lugar no Centro cívico Uxío Novoneyra, ás 10.00 horas. As persoas interesas en participar nela poden obter máis información sobre os inmobles na Oficina da recadación executiva, na Ronda da Muralla 7-8 baixo ou chamando ó teléfono 982 284971. 

 
Escoitar audio:
Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova