O Alcalde de Lugo, José López Orozco, presidiu esta mañá unha recepción ao lucense Mauro Rodríguez que con 22 anos acadou importantes galardóns en diferentes competicións ademais de ser o primeiro galego con síndrome de Down que conseguiu por oposición unha praza do Estado en Lugo.
López Orozco felicitouno en nome de toda a corporación e incidiu na importancia que ten o apoio familiar para que calquera persoa acade as súas metas. “Agardo que sigas tendo tanto éxito e o teu agardo que o teu exemplo de superación sirva para outras persoas xa que o ser humanos non ten límites” segundo o Alcalde.
Ademais de aprobar a oposición, ten unha ampla traxectoria deportiva, entre elas, completar os dez quilómetros que separan as Illas Cíes da Praia de O Vao en Vigo no III Desafía Cíes-Vigo. Tamén neste ano obtivo a medalla de ouro, en 100 metros braza e outra de bronce, en 100 metros libres, durante o campionato de Galicia de natación para persoas con discapacidade.