Cargando....
Concello de Lugo
19/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Cemiterio Municipal de San Froilán conta cunha nova páxina web que se estrea coas actividades do Día de Defuntos


# Venres, 26/10/2012
Francisco Fraga anunciou a II edición do Concurso de Adobíos Florais que ten aberto o prazo para inscribirse ata o día 1 de novembro ás 16:00 horas 

Imaxe Asociada
O Concelleiro de Asuntos Xerais tamén anunciou o reforzo do horario dos autobuses e a ampliación do horario do cemiterio

O Concelleiro de Servizos Xerais, Francisco Fraga, presentou esta mañá a nova páxina web do Cemiterio Municipal de San Froilán e as actividades que se van celebrar para conmemorar o Día de Defuntos.

Francisco Fraga manifestou que durante este ano se realizaron xestións para a dinamización e a divulgación do cemiterio, como foron as obras de acondicionamento ou a creación dunha páxina web propia (www.cemiterio.lugo.es ). Neste espazo virtual poderase atopar toda a información de horarios, localización, datos de interese e fotografias sobre o Cemiterio de San Froilán ademais de todos os actos ou concursos que se van celebrar no mesmo.

Concurso de Adobios Florais
Este ano celébrase a segunda edición do Concurso de Adobíos Florais no Cemiterio Municipal de San Froilán. O concurso está aberto a todas as persoas concesionarias de unidades de enterramento no propio cemiterio e todos os interesados en participar pódeno facer inscribíndose no 010, a través da páxina web ou no propio cemiterio, o prazo de inscrición está aberto ata o día 1 de novembro ás 16:00 horas. Establécense dúas categorías de premios, a primeira de “Sepulturas e Mausoleos” cun premio de 100 euros para o gañador e de 50 para o finalista, e a categoría de “Nichos” premiados con 50 euros para o gañador e 25 para o finalista.

O fallo do xurado terá lugar o día 2 de novembro ás 11:00 horas no Cemiterio Municipal e o xurado valorará a creatividade, imaxinación e sintonía da ornamentación co contorno.

Conferencia
Na mesma liña que en edicións anteriores, Francisco Fraga, informou que tamén se vai levar a cabo unha conferencia baixo o título MOITO POR VIVIR, que será impartida por Rosa Zas, psicóloga da Asociación española contra o cáncro. Terá lugar o día 29 de novembro ás 19.30 horas no Salón da Casa do Saber, no Vicerrectorado situado na Praza Pío XII (fronte á catedral).

A temática nesta ocasión xirará en torno á situación emocional das mulleres que despois dun diagnóstico de cáncro de mama e de someterse ao duro tratamento teñen que retomar a súa vida e continuar coa súa actividade cotidiana e, as súas obrigas laborais, afectivas e emocionais, loitando contra o medo, a dor e, nalgúns casos, contra as secuelas da propia enfermidade.

Concerto da Lembranza
Outra das actividades previstas será a realización dun concerto adicado á lembranza dos seres queridos, cuxos restos repousan no recinto. Para iso convídase a todas as persoas que queran participar no acto, mediante a lectura dun texto, dun poema ou sinxelamente dunha dedicatoria do repertorio que a coral interpretará.
Para participar só haberá que chamar ao 010 onde a persoa intersada indicará se opta por asistir ao acto e ler un texto ou poema na honra do seu familiar ou persoa achegada ou se prefire dedicarlle unha das pezas do concerto.
O acto celebrarase na capela do cemiterio o martes 6 de novembro ás 18:00 horas e iniciarase coa lectura das dedicatorias de lectura de texto ou poemas, para continuar coas dedicatorias do concerto e coa interpretación do propio concerto pola coral Lugh.
Finalizarase coa entrega de premios do Concurso floral.

Ampliación horario e autobuses
Un ano máis, Concello de Lugo, reforzará as liñas de autobuses urbanos de cara o cemiterio. Durante os días 27 de outubro a 2 de novembro, o recinto permanecerá aberto ininterrompidamente das 10.00 ás 19.00 horas.

Para isto refórzase a liña 5E circulará co seu percorrido e horarios habituais, reforzándose o servizo de transporte urbano ao cemiterio con 2 buses, de 9,30 a 19,30 horas. Autobuses centro-cemiterio: Saida cada 20 minutos desde a Ronda frente ao edificio dos sindicatos. 


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova