Cargando....
Concello de Lugo
01/06/20
NOVAS
Escoita esta páxina

Paz Abraira anuncia que a prioridade para os Orzamentos municipais do vindeiro ano seguirá sendo facer obras nos barrios da cidade


# Martes, 30/10/2012
A concelleira de infraestruturas visitou esta mañá as obras de asfaltado da rúa Xoán Rico Pérez, que une a Avenida das Fontiñas co Paseo do Rato, e na que se investiron 50.000 euros

Imaxe Asociada Imaxe Asociada

A Concellería de Infraestruturas e Axenda 21 acometeu neste ano 2012 obras en distintos puntos da cidade por importe de 190.000 euros

A Concelleira de Infraestruturas, a nacionalista Paz Abraira, anunciou esta mañá que a prioridade para o vindeiro ano nos Orzamentos municipais volverá ser acometer obras que atendan as necesidades dos veciños e veciñas que viven nos barrios do extrarradio da cidade. Paz Abraira, que visitou esta mañá as obras de asfaltado da rúa Xoán Rico Pérez, nas que se investiron 50.000 euros do Orzamento municipal deste ano, destacou que “é de xustiza” dotar de servizos zonas do extrarradio da cidade que carecen deles porque “os veciños e veciñas que viven nestas zonas teñen os mesmos dereitos que o resto de cidadáns”.

Paz Abraira explicou que a Concellería que ela dirixe ven de acometer recentemente obras en distintos puntos da cidade por un importe total de 190.000 euros. Estas actuacións, focalizadas moitas delas en barrios periféricos, forman parte do Orzamento da Concellería de Infraestruturas e Axenda 21 para o ano 2012.

Na Rúa Xoán Rico Pérez, que visitou esta mañá Paz Abraira, acometeuse unha obra de asfaltado e canalización de augas. Esta zona presentaba dende hai anos un pavimento moi deteriorado pola acusada pendente que ten e por tratarse dunha vía que permite a conexión entre a Estrada do Rato e a Rolda de Fontiñas. A empresa encargada da obra foi a lucense ASOGAL e o orzamento de licitación ascendeu a preto de 50.000 euros.

Outra das zonas que ven de ser mellorada foi a rúa Río Oribio, situada no Barrio Feijóo, perpendicular á rúa Otero Pedrayo. Os traballos consistiron na renovación do firme e os servizos e canalizacións desta rúa. O Orzamento da obra foi de 33.000 euros.

Tamén foron acometidas obras nas rúas Roi Xordo e Calzada das Gándaras para mellorar a seguridade nos accesos a dous colexios públicos da cidade, o Illa Verde e o colexio das Gándaras. Estas actuacións, demandadas dende fai tempo polas ANPAS e a comunidade educativa destes centros, consistiron na ampliación das beirarrúas para mellorar a seguridade dos nenos e nenas. O Orzamento no caso da rúa Roi Xordo foi de 10.000 euros e no caso da Calzada das Gándaras de 21.000 euros.

Fonte da Pinguela

Finalmente, Paz Abraira informou de que nos vindeiros días iniciarase a obra de urbanización e mellora da contorna da Fonte da Pinguela. Este espazo, situado na confluencia das rúas Tinería e Travesía do Miño á altura da Porta Miñá, será integramente remodelado grazas á execución dun dobre proxecto: as obras de restauración da fonte serán acometidas pola Xunta de Galiza mentres que o Concello encargarase de remodelar a contorna da fonte mellorando a accesibilidade da zona. A actuación conta co financiamento do Plan Urban, contempla un orzamento de 76.500 euros e un prazo de realización de 6 meses.

Xoán Rico Pérez

A obra na rúa Xoán Rico Pérez consistiu na renovación do firme e a canalización das augas pluviais. Pola acusada pendente que presenta e por tratarse dunha vía que permite a conexión entre a Estrada do Rato e a Rolda de Fontiñas e por existir un bo número de vivendas na zona, presenta un nivel de tráfico que provocou unha deterioración importante do mesmo, a pesar das actuacións de bacheo puntuais acometidas frecuentemente.

A actuación acometida era unha demanda da veciñanza desta rúa dende hai tempo, xa que se trata dunha vía con moito tráfico rodado e moi utilizada polos veciños. Preveuse a execución dunha capa de formigón bituminoso de 5 cm sobre o firme existente para garantir unha maior durabilidade e facilidade de conservación. Dispuxéronse sumidoiros e rexillas para a recollida das augas superficiais. Así mesmo, repúxose o bordo e a rígola da beirarrúa existente nun tramo da rúa.

Coñeza o estado das obras en marcha.

 


Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova