Cargando....
Concello de Lugo
16/11/19
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello pon ó día a normativa de tráfico en Lugo coa nova Ordenanza de Circulación


# Martes, 30/10/2012
O Alcalde anunciou que a nova Ordenanza adáptase á Lei de Seguridade Vial e substitúe unha normativa municipal que quedara desfasada xa que se aprobou hai 21 anos

Imaxe Asociada

Lugo equipárase a outras cidades galegas como A Coruña, Ourense e Santiago

O Alcalde, José López Orozco, anunciou que a Xunta de Goberno Local ten previsto aprobar mañá a nova Ordenanza de Circulación que actualiza a normativa de tráfico do Concello de Lugo adaptándoa á Lei de Seguridade Vial. A nova Ordenanza vén substituír, no referido a temas de circulación, á Ordenanza Xeral de Policía aprobada polo Pleno da Corporación hai vinte e un anos.

O Alcalde explicou que coa nova Ordenanza de Circulación, o Concello adapta a súa normativa ó establecido na Lei de Seguridade Vial, que se aprobou en 2009 e foi entrando en vigor paulatinamente nos anos seguintes, e Lugo equipárase a outras cidades galegas como A Coruña, Ourense e Santiago.

O Alcalde aproveitou para facer un chamamento ós condutores para que sexan respectuosos coas normas do Código de Circulación e evitar así ser sancionados e tamén agradeceu o labor dos funcionarios municipais que traballaron na elaboración da nova Ordenanza.

Logo de que sexa autorizada pola Xunta de Goberno Local, o texto debe ser aprobado polo Pleno da Corporación e despois someterase a exposición pública durante un mes para a presentación de reclamacións ou melloras, antes da súa aprobación definitiva.

A aprobación da nova Ordenanza vai supor a adecuación da norma municipal á nova realidade social e a unha normativa de rango estatal como é a Lei de Seguridade Vial. Por un lado, contémplanse aspectos tales como a prohibición de falar por teléfono móbil mentres se conduce, e tamén se plasman as infraccións de tráfico e as sancións previstas pola Lei de Seguridade Vial. No caso das infraccións leves, a Lei prevé sancións de ata un máximo de 100 euros e a Ordenanza fíxaas en 80 euros. Para as infraccións graves as sancións previstas son de 200 euros e para as moi graves, de 500 euros, que é o mínimo previsto pola Lei en ámbolos dous casos.

A Ordenanza contempla, ademais, unha bonificación do 50% cando as multas se aboen no prazo de 20 días naturais, cando na anterior normativa a bonificación era do 30% nos 15 días hábiles posteriores á sanción. O ano pasado, o 51,84% das denuncias foron pagadas con bonificación e no primeiro semestre de 2012 tiveron bonificación o 41,21%.

Do total de denuncias que se puxeron no ano 2011, o 51,20% foron a veciños do concello de Lugo mentres que o 48,80% foron a persoas de fóra deste municipio. No primeiro semestre de 2012, menos da metade das denuncias, o 49,83%, foron postas a veciños de Lugo e o resto, o 50,17% a persoas doutros concellos.

No ano 2011 foron denunciadas 13.938 infraccións. As máis frecuentes foron non respectar un semáforo en vermello (2.669), circular a máis velocidade da permitida (2.471), non respectar a zona Ora (1.983), estacionar en beirarrúas ou zonas de peóns (1.365), estacionar en zona de transporte público sinalizada e delimitada para tal fin (668) e estacionar un vehículo en zona de carga e descarga (547).

No primeiro semestre de 2012 rexistráronse un total de 7.185 denuncias. As máis frecuentes foron non respectar a zona Ora (2.087), circular a máis velocidade da permitida (953), estacionar en beirarrúas ou zonas de peóns (892), non respectar un semáforo en vermello (592), estacionar en zona de transporte público sinalizada e delimitada para tal fin (261) e estacionar un vehículo en zona de carga e descarga (226).

Das seis infraccións máis frecuentes neste período de tempo en Lugo, de acordo co que establece a Lei de Seguridade Vial, cinco son graves (non respectar un semáforo en vermello, circular a máis velocidade da permitida, estacionar en beirarrúas ou zonas de peóns, estacionar en zona de transporte público sinalizada e delimitada para tal fin e estacionar en zona de carga de descarga) e unha leve (non respectar a zona Ora).

Desde o mes de xaneiro ata xuño deste ano a recadación municipal por sancións de tráfico foi de 435.670 euros por multas aboadas en prazo e outros 191.136 euros non foron pagadas en prazo e pasaron á vía executiva. No ano 2011 a recadación por sancións pagadas dentro do prazo foi de 726.129 euros e pasaron á vía executiva por non ser pagadas en prazo 239.580,63 euros.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova