Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

A Xunta de Goberno Local aprobou os proxectos das ordenanzas de circulación e de obras menores


# Mércores, 31/10/2012
Luís Álvarez informou que coa ordenanza de obras menores poderanse dar as licenzas no mesmo día aforrando en trámites aos cidadáns

Imaxe Asociada Imaxe Asociada
Encargada a redacción do proxecto para a instalación dun ascensor que facilite a mobilidade entre Carlos Azcárraga e o Sagrado Corazón


O Tenente de Alcalde e responsable da área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Antón Bao, e o Concelleiro de Urbanismo, Luis Álvarez, deron conta das novidades aprobadas na Xunta de Goberno Local celebrada esta mañá.

O Concelleiro de Urbanismo, Luis Álvarez, informou da aprobación da nova ordenanza de Regulación de Comunicacións de Obras Menores polo cal se exceptúa de solicitar a licenza municipal para o 75 ou 80% das obras menores que se solicitan. Ata este momento, unha vez presentada a solicitude, os interesados tiñan que agardar varias semanas para que se lle concedese a licenza. “O Concello de Lugo é un dos primeiros en aplicar esta exención xa que a modificación na Lei de Vivenda de Galicia que permite esta acción produciuse en xullo” segundo o Concelleiro.

Luis Álvarez explicou que entran dentro desta ordenanza aquelas obras de escasa entidade que non supoñen alteración do volume, do número de vivendas e que non afectan ao deseño exterior, cimentación ou ás condicións de habitabilidade. No momento, en que se aprobe definitivamente a ordenanza, será suficiente con presentar unha documentación básica da obra e, sempre que sexa correcto, o servizo de urbanismo expedirá a licenza no mesmo día. Dentro das obras para as que será suficiente a comunicación destacan a obras interiores pero que non afecten á estrutura do edificio, obras de adecuación da vivenda como o illamento térmico ou acústico, o pintado e impermeabilización de fachadas, cambios nas cubertas, instalación de chemineas ou elementos como toldos ou rótulos.

Tamén se aprobou o proxecto de Ordenanza de Circulación que actualiza a normativa de tráfico do Concello de Lugo adaptándoa á Lei de Seguridade Vial e que irá ao próximo pleno para unha aprobación inicial. A nova Ordenanza vén substituír, no referido a temas de circulación, á Ordenanza Xeral de Policía aprobada polo Pleno da Corporación hai vinte e un anos.

Proxecto Sagrado Corazón
Na Xunta de Goberno desta mañá tamén se acordou encargar a redacción do proxecto para a instalación dun ascensor que comunique a Rúa Carlos Azcárraga co Sagrado Corazón. O tenente alcalde, o nacionalista Antón Bao, explicou que a finalidade que se persegue con esta obra é facilitar a mobilidade dos residentes neste barrio de Lugo, moitos deles persoas maiores.

Antón Bao explicou que este novo proxecto reduce o custo da obra en 100.000 euros, un terzo do inicialmente previsto, que pasará de 300.000 a 200.000 euros. Esta actuación forma parte da política de accesibilidade en barrios e eliminación de barreiras arquitectónicas que leva a cabo a Concellería de Infraestruturas e Axenda 21.

A Xunta de Goberno deu hoxe o primeiro paso para a colocación deste ascensor, encargando mediante unha encomenda de xestión á Empresa Municipal de Solo (Evislusa) a redacción deste proxecto. Unha vez elaborado o proxecto, pasarase ás seguintes fases de licitación e contratación da obra, explicou o tenente alcalde.


Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova