Cargando....
Concello de Lugo
23/01/21
NOVAS
Escoita esta páxina

A Xunta volve deixar ós parados de Lugo sen a posibilidade de participar nos obradoiros de emprego


# Luns, 05/11/2012
A Concelleira de Economía denuncia o trato discriminatorio que dá o Goberno galego ós 9.000 parados de Lugo e anuncia unha queixa do Concello polo reparto dos fondos da Unión Europea 

Imaxe Asociada Imaxe Asociada
A Concelleira de Economía, Emprendemento e Autónomos, Sonia Méndez, denunciou hoxe que a Xunta de Galicia volve deixar ós parados de Lugo sen a posibilidade de participar en obradoiros de emprego mentres lle concede achegas a outros concellos con menos poboación desempregada porque os goberna o PP.

Por este motivo, Sonia Méndez anunciou que “ante esta situación de reparto clientelar, partidista ou caciquil estamos estudando plantexar unha queixa ante o Fondo Social Europeo para que tome medidas contra a Xunta de Galicia e os seus dirixentes, que durante os anos de mandato de Feijóo non concederon á cidade de Lugo ningún obradoiro de emprego, o que consideramos un feito moi grave”.

“Unha vez máis, Feijóo volve ás andadas e, unha vez rematado o proceso electoral, lamentablemente os parados lucenses saen, outra vez, perxudicados e non se verán beneficiados por estes proxectos de emprego”, informou Sonia Méndez quen considerou que “estes fondos deben repartirse en función de criterios obxectivos e non de criterios partidistas”.

A Concelleira de Economía explicou que, nesta ocasión, “un concello que ten 13 veces menos parados recibe un obradoiro mentres se discrimina ós parados de Lugo, onde están rexistrados case 9.000 desempregados”.

Sonia Méndez considerou “incomprensible esta discriminación por parte da Xunta, na distribución de cartos procedentes do Fondo Social Europeo, cando presentamos un bó proxecto, ofrecemos cofinancialo e tamén elaborar un plan específico de inserción laboral, algo que non todos os concellos están en condicións de facer”.

Ademais, a responsable municipal de Economía lembrou que o Concello de Lugo xestiona proxectos de emprego con fondos que concede directamente a Unión Europea e ten recibido diversos recoñecementos pola calidade tanto no deseño dos proxectos como na súa execución.

Neste caso, o Concello solicitara 250.000 euros para un obradoiro de emprego con 22 alumnos no que se ía rehabilitar a escola rural de Pedreda para convertila nun centro social e ofreceu cofinanciar o 25% do presuposto da escola taller, así como a elaboración dun Plan específico de inserción laboral para os beneficiarios da escola taller.

A Concelleira lamentou que os desempregados de Lugo sexan vítimas, unha vez máis, desta discriminación por parte da Xunta e que non teñan a oportunidade de participar nun obradoiro de emprego polo que estaban interesadas centos de persoas desempregadas que chamaron ó Concello preguntando se este ano por fin habería obradoiro de emprego.

Tamén censurou que a Xunta nin sequera comunicou unha resolución denegatoria explicando os motivos polos que non atendeu a solicitude feita polo Concello de Lugo.

A Concelleira de Economía teme que suceda o mesmo con outras convocatorias ás que presentou solicitude o Concello como os proxectos integrados de emprego adicados a colectivos con máis dificultades, en especial para persoas con discapacidade, como o proxecto Lugo Contigo, xa que “neste caso tampouco recibimos resolución polo que parece que se nos denega”.

Nesta convocatoria, o Concello solicitou unha subvención de 240.000 euros para un proxecto integrado de emprego do que se ían beneficiar 100 persoas.

Formación de estudantes de secundaria na cultura emprendedora

A Concelleira de Economía, Emprendemento e Autónomos tamén anunciou que mañá comezarán no CEI os seminarios de motivación emprendedora destinados a alumnos de secundaria.

Nestas actividades os alumnos participantes efectúan unha visita ás instalacións do CEI, asisten a unha charla impartida por un técnico e participan nun encontro cos emprendedores que puxeron en marcha unha das empresas que desenvolven a súa actividade no Viveiro do Cei.

Neste primeiro seminario participarán máis de 40 alumnos do IES Ollos Grandes e do instituto de Baralla. 


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova