Imprimir

O ACUEDUCTO DE SAN MARCOS E A PISCINA DE SANTA MARÍA PROTAGONISTAS DA NOVA CAMPAÑA DE DIFUSIÓN DOS RESTOS ARQUEOLÓXICOS DE LUGO


6/11/2012 Distribuiranse 6.000 trípticos, con cargo aos fondos europeos do Plan Urban, en museos, hoteis e oficinas de turismo 

O Concello aposta pola promoción dos recursos arqueolóxicos grazas ao Plan Urban e ao programa Muralla Dixital

A Concelleira de Economía, Emprendemento e Autónomos, Sonia Méndez, presentou esta mañá unha campaña de difusión, financiada con fondos do Plan Urban, sobre os restos arqueolóxicos da piscina romana da praza de Santa María e do acueducto romano da praza de San Marcos cos que se pretende promocionar os recursos arqueolóxicos de recente posta en valor.

Sonia Méndez explicou que se van distribuir 6.000 trípticos editados en galego e castelán que conteñen a información de cada un dos monumentos, a súa historia, o descubremento, planos orixinais e fotografías, e un plano coa ubicación dos elementos restaurados e de todos aqueles que se poden difundir. Todos eles distrobuiranse en puntos estratéxicos para os visitantes como son os museos, hoteis ou oficinas de turismo.

O Concello quere seguir afondando na promoción turística da cidade e por iso “aproveitamos todos os proxectos europeos que temos en marcha para ampliar as posibilidade de promocionar o noso patrimonio arqueolóxico” segundo explicou Méndez. Así, con cargo aos fondos europeos de Muralla Dixital, vaise completar esta difusión coa creación dun audiovisual sobre a piscina romana de Santa María, que se elaborará con rexistros planimétricos en 3D empregando técnicas de fotometría dixital e láser que permitirá coñecer como era o monumento na súa orixe. Este vídeo difundirase a través da páxina web do Concello e de Turismo ademais de exhibirse nos museos da cidade.

Polo tanto, aproveitamos dous proxectos como son o Plan Urban e o Muralla Dixital co mesmo obxectivo, convertir en atractivo turístico o noso patrimonio.

A responsable de Economía, Emprendemento e Autónomos lembrou que grazas ao Plan Urban se levaron a cabo labores de restauración de restos arqueolóxicos e se instalaron sinais turísticas accesibles e con código QR que conteñen unha maior información sobre os mesmos. Por outra parte, o programa Muralla Dixital, permite poñer en valor os restos arqueolóxicos coa formación de 32 bolseiros que mediante catro talleres diferentes e o desenvolvemento de novas tecnoloxías darán a coñecer mellor o patrimonio lucense, sendo este un posible nicho de emprego na cidade, segundo Sonia Méndez.


Formación de estudantes na cultura emprendedora

A Concelleira de Economía, Emprendemento e Autónomos tamén participou esta mañá no inicio dos seminarios de motivación emprendedora destinados a alumnos de secundaria e que se celebran no CEI-Nodus.

Nestas actividades os alumnos participantes efectúan unha visita ás instalacións do Centro de Empresas do Concello, asisten a unha charla impartida por un técnico e participan nun encontro cos emprendedores que puxeron en marcha unha das empresas que desenvolven a súa actividade no Viveiro do CEI.

Neste primeiro seminario participaron máis de 40 alumnos do IES Ollos Grandes e do instituto de Baralla.