Cargando....
Concello de Lugo
26/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Antón Bao visita as instalacións da Escola Municipal de Música, na que hai matriculadas 400 persoas


# Martes, 06/11/2012
O tenente alcalde e responsable de Cultura califica de “enorme éxito” esta iniciativa posta en marcha en torno á Banda Municipal 

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
A metade dos matriculados son nenos e nenas de entre 3 e 7 anos. Os instrumentos máis demandados son saxofón, trompeta e percusión

A Escola Municipal de Música celebrará mañá unha xornada de portas abertas e un concerto de comezo de curso a cargo da Hércules Brass Band


A Escola Municipal de Música, que comezou xa a funcionar no Centro Social Uxío Novoneyra, recibíu un aluvión de solicitudes e acolle a 400 persoas matriculadas que aprenden a tocar algún dos 10 instrumentos ofertados. O tenente alcalde e responsable de Cultura, o nacionalista Antón Bao, que visitou esta mañá as instalacións acompañado pola concelleira de Infraestruturas, Paz Abraira, e polo responsable da Área de Cultura da Deputación, Mario Outeiro, mostrouse “moi satisfeito” pola posta en marcha desta iniciativa, que calificou de “enorme éxito”. “Superáronse as espectativas iniciais que tiñamos, o que demostra que era un servizo necesario para o que hai unha enorme demanda”, afirmou Bao.

O responsable de Cultura da Deputación, Mario Outeiro, destacou a posta en marcha de novos servizos coma este no eido educativo e cultural por parte tanto do Concello como da Deputación de Lugo “fronte a outros Gobernos e outras Administracións que se adican nestes tempos de crise a recortar nestes ámbitos”.

A posta en marcha deste servizo era unha vella demanda, pois Lugo era a única cidade galega que non contaba cunha Escola de Música Municipal, un servizo que hai mesmo en moitas vilas máis pequenas. A través desta iniciativa, que está a ter gran aceptación por parte de usuarios de todas as idades, o Concello de Lugo quere que a música chegue a toda a cidadanía, sen distinción de idade, de clase social ou de lugar de residencia, por medio dun servizo cen por cen público.
 
Bao explicou que percusión, saxofón e trompeta son os instrumentos máis demandados e que tamén hai moitos nenos e nenas pequenos inscritos, en concreto máis de 180 nenos e nenas de entre 3 e 7 anos apuntados. Para estas idades temperás está pensada a asignatura de Música e Movemento. Tamén hai un bo número de persoas de todas as idades, moitas delas persoas xubiladas, con idades que chegan aos 80 anos.

Pódese escoller entre 10 instrumentos e 11 materias de apoio

As clases da Escola Municipal de Música comezaron a mediados de outubro en horario de tarde, de 4 a 10 da noite, e tamén pola mañá para aqueles colectivos, como xubilados, que prefiren este horario. A Escola de Música ten un enfoque eminentemente práctico. Impártense un total de 21 materias, entre elas a aprendizaxe de 10 instrumentos distintos, principalmente de vento e percusión, e 11 materias teóricas de apoio e formación musical.

As persoas matriculadas na Escola Municipal de Música escolleron entre unha ampla oferta que contempla clarinete, percusión, gaita, pito, frauta, trompa, trompeta, fagote, trombón, saxofón ou tuba. Entre as materias teóricas están linguaxe musical, formación de adultos, obradoiro de creación sonora, musica e movemento, historia da música, fundamentos da composición, jazz e improvisación, iniciación á informática musical. Tamén están pensadas clases de apoio para aqueles nenos e nenas que teñan problemas nos seus colexios e institutos na asignatura de Música que se imparte nestes centros de ensino.

Da docencia, organización e funcionamento da Escola encárganse os propios músicos da Banda Municipal. Antón Bao destacou que dos alumnos da Escola de Música sairá a “canteira” de novos músicos que irá engrosando e mellorando a Banda Municipal, polo que “coa posta en marcha da Escola Municipal de Música imos conseguir potenciar a Banda Municipal, unha das de máis historia e tradición de Galiza, creada en 1876 por Xoán Montes”, lembrou o responsable de Cultura.

Nas instalacións investíronse 100.000 euros

As obras de adecuación de espazos na primeira planta do Centro Social Uxío Novoneyra para acoller as distintas aulas da Escola de Música supuxeron un investimento de 100.000 euros, que foi aportado pola Área de Cultura da Deputación. En total, a Escola Municipal de Música, que está ubicada no Centro Social Uxío Novoneyra, onde xa ten o seu local de ensaio a Banda Municipal, ocupa unha superficie de 332 metros cadrados repartidos en 14 aulas.

Ademais de 11 aulas de entre 6 e 12 metros cadrados para ensaios individualizados por cada un dos distintos instrumentos, hai unha aula de ensaio para clases colectivas, de 62 metros cadrados de superficie, unha sala de informática para edición de partituras e unha sala de usos múltiples pensada para ensinanzas musicais que requiran movemento, acondicionada co chan acolchado e espellos nas paredes. Tamén formarán parte das dependencias da Escola de Música o actual local de ensaio da Banda Municipal, así como o salón de actos do Uxío Novoneyra, que acollerá concertos e actuacións.

Xornada de portas abertas e concerto de apertura de curso

A Escola Municipal de Música celebrará mañá unha xornada de portas abertas para que todos os lucenses que o desexen visiten as súas instalacións e coñezan o seu funcionamento. A xornada de portas abertas será de 4 a 8 e media da tarde. A esa hora terá lugar o acto de apertura do curso, no que intervirán o director da Escola, Armando Morales, o tenente alcalde, Antón Bao, e o responsable de Cultura da Deputación, Mario Outeiro. O acto rematará cun concerto da Hercules Brass Band (www.herculesbrass.com), un quinteto de vento metal da Coruña que está a ter grande recoñecemento internacional con varios premios en diversos certames, como o International Chamber Music Competition (Lyon, Francia), o International Jan Koetsier Competition (Munich, Alemaña) ou o Concurso Vent-Metall Valeriano Machi i Esparza (Valencia). Terá lugar no Salón de Actos do Uxío Novoneyra e a entrada é gratuíta.  
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova