Cargando....
Concello de Lugo
24/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

A Biblioteca Municipal de Frigsa inicia mañá un novo programa de animación á lectura


# Mércores, 07/11/2012
Haberá catro sesións de contacontos os xoves nos meses de novembro e decembro, que se inicia mañá ás sete da tarde co espectáculo 'A princesa Sabela'

Imaxe Asociada
O tenente alcalde e responsable de Cultura, Antón Bao, anima aos pais e nais a acudir cos seus fillos e fillas a estas actividades


A Biblioteca Municipal de Frigsa pon en marcha un novo programa de animación á lectura para nenos e nenas, que se inicia mañá a partir das 7 da tarde coa representación de A princesa Sabela. O tenente alcalde e responsable de Cultura, o nacionalista Antón Bao, animou a todos os pais e nais a acudir cos seus fillos e fillas a estas actividades, que son gratuítas.

A nova programación de animación á lectura para o remate deste ano 2012 inclúe catro sesións de contacontos os xoves de novembro e decembro. Unha vez máis, os contadores chegan á biblioteca para compartir as súas historias, cheas de fantasía e diversión, cos pequenos lectores de Lugo.

A primeira das sesións será mañá, con Iago López e o seu espectáculo A princesa Sabela; continuará o día 22 de novembro con Fátima Fernández e Contos da Lúa; o xoves 29 poderá escoitarse a Raquel Queizás e o seu espectáculo Nanocontos, para nenos e nenas de 0 a 3 anos; e finalizará o 13 de decembro con Que frío! Contos de Nadal, a cargo de Pavís Pavós Contacontos.

A entrada é gratuíta, pero como o aforo é limitado, é necesario retirar unha tarxeta de invitación. Estarán dispoñibles na biblioteca a partir do luns da semana da actuación correspondente. Comezarán a entregarse en horario de tarde, dende as 16:30 horas, e por estrita orde de chegada (máximo dúas invitacións por persoa).



PROGRAMA ANIMACIÓN Á LECTURA E CONTACONTOS

novembro-decembro 2012
Biblioteca Municipal de Frigsa

8 de novembro ás 19 horas
IAGO LÓPEZ
“A princesa Sabela”

Idades: a partir de 3 anos.
Número de asistentes: máximo 40
Duración: 45 minutos.
Sabela está cansa de ser princesa. É tan aburrido! Non quere vestidos elegantes nin peiteados incómodos, ela quere xogar e facer cousas divertidas, polo que decide desfacerse da súa coroa.
---------------------------------------------------------------------------
22 de novembro ás 19 horas
FÁTIMA FERNÁNDEZ
“Contos da lúa”
Idades: a partir de 3 anos
Número de asistentes: máximo 40
Duración: 45 minutos
Son as historias que un pequeno trasno conta e que son froito dos seus soños. Nelas aparecen distintos personaxes fantásticos como unha lúa ladroa ou unha nena que dá bicos á lúa.
---------------------------------------------------------------------------
29 de novembro ás 18:30 horas
RAQUEL QUEIZÁS
“Nanocontos”
Idades: de 0 a 3 anos
Número de asistentes: máximo 20
Duración: 35 minutos
Un espectáculo para os máis pequenos e os seus pais que estimula as habilidades de percepción espacial e psicomotricidade dos máis pequenos a través de pequenas historias adaptadas para captar o seu interese.
---------------------------------------------------------------------------
13 de decembro ás 19 horas
PAVÍS PAVÓS CONTACONTOS
“Que frío! Contos de Nadal”
Idades: a partir de 3 anos
Número de asistentes: máximo 40
Duración: 50 minutos
Selección de contos para despedir o ano e recibir ao Nadal. Fermosos relatos sacados da nosa tradición para que os nenos e nenas coñezan aos seus personaxes e as súas historias.

Coñeza a Biblioteca Municipal.
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova