Cargando....
Concello de Lugo
18/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Paz Abraira anuncia o arranxo da pasarela metálica da rúa Montero Ríos para garantir a seguiridade dos viandantes


# Venres, 09/11/2012
A Xunta de Compras adxudicou hoxe a reparación á empresa Metálico, de Lugo, por un importe de 10.679 euros. A obra estará feita antes de que chegue o inverno

Imaxe Asociada Imaxe Asociada
A concelleira de Infraestruturas e Axenda 21 explica que o Concello traballa nun proxecto a medio prazo que permita urbanizar a zona e eliminar definitivamente esta pasarela, que leva máis de 10 anos instalada

A Xunta de Compras do Concello de Lugo adxudicou hoxe á empresa Metálico, con sede en Lugo, a obra de substitución da pasarela existente na Ronda da Muralla entre San Roque, Carril das Flores e Montero Ríos. A concelleira de Infraestruturas e Axenda 21, a nacionalista Paz Abraira, explicou que se trata dun arranxo moi demandado polos veciños e viandantes que a diario utilizan este paso.

A obra, que ten un orzamento de 10.679 euros, comezará de inmediato e estará rematada antes de que chegue o inverno. “Trátase dunha actuación de seguridade vial”, explicou esta mañá Paz Abraira, que visitou a zona para comprobar in situ os desperfectos. O proxecto de substitución da actual varanda metálica foi elaborado polos técnicos municipais do departamento de Infraestruturas e contempla a reposición dos materiais danados tanto da superficie de paso como da estrutura.

Esta pasarela, colocada fai máis de 10 anos, ten na actualidade notables desperfectos, debidos principalmente á corrosión, posto que no inverno e para evitar os esvaróns e caídas por mor do xeo, seméntase sal, o que incrementou o nivel de corrosión do ferro.

Eliminación da pasarela a medio prazo

Paz Abraira detallou que o arranxo contratado hoxe “procura unicamente resolver os problemas máis inmediatos, pois estímase que nun prazo de dous ou tres anos esta pasarela será derrubada para permitir o desenvolvemento urbanístico da unidade de actuación na que está emprazada”. A concelleira nacionalista explicou que o Concello está en conversas neste momento coa propiedade para buscar unha solución arquitectónica definitiva a esta unidade de actuación que permita a urbanización da zona e a eliminación deste paso. O proxecto terá que contar co visto bo de Patrimonio da Xunta de Galiza por atoparse pegado á Muralla.  
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova