Cargando....
Concello de Lugo
20/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo creará unha Comisión Municipal para parar os desafuizamentos na cidade de Lugo


# Martes, 13/11/2012
Prestará asesoramento técnico e legal a todos aqueles cidadáns afectados e estará operativa a vindeira semana 

Imaxe Asociada Imaxe Asociada
O Concello pon a disposición das asociacións locais 10 novos locais en dependencias municipais na rúa Monte Faro

O Concello de Lugo porá en marcha de inmediato unha Comisión Municipal que terá como obxectivo parar os desafiuzamentos na cidade de Lugo. A concelleira nacionalista Paz Abraira explicou esta mañá na rolda de prensa da Xunta de Goberno que o Goberno Municipal, formado por PSOE e BNG, decidiu poñer en marcha este órgano para “prestar asesoramento e axuda a aqueles cidadáns afectados”.

Paz Abraira explicou que esta iniciativa ponse en marcha a instancias do BNG e que estará operativa xa a vindeira semana. A concelleira nacionalista dixo que “o Concello de Lugo é sensible á situación na que se atopan moitos veciños desta cidade que poden perder o seu fogar e ponse do seu lado para defendelos”, dixo. Diante do debate social existente neste momento en torno aos desafuizamentos, a concelleira do Bloque quixo informar aos cidadáns e cidadás de Lugo da inminente posta en marcha desta Comisión Municipal, así como de cales son as medidas adoptadas polo Concello de Lugo para atallar este “grave problema social”.

Esta Comisión Municipal estará formada por persoal técnico do Concello de Lugo, membros dos colectivos de afectados polas hipotecas, asociacións de veciños da cidade e representantes de todos os grupos políticos. Traballará en tres eixos, segundo explicou esta mañá a concelleira do Bloque: prestar asesoramento técnico e legal a aquelas persoas afectadas por desafuizamento, mediar diante das entidades bancarias para paralizar estes desafiuzamentos e, en terceiro lugar, ofrecer cobertura social ás persoas desafuizadas a través dos servizos sociais municipais.

Dúas mocións en defensa dos afectados por hipotecas
Neste momento o Concello de Lugo ten aprobadas xa dúas mocións en Pleno, as dúas por iniciativa do BNG. A primeira moción, presentada o 4-4-2011, pedía a dación en pago mediante unha reforma da lei hipotecaria para que mediante a entrega da vivenda quedase saldada a débeda.

A segunda das mocións, presentada o 25 de xuño deste mesmo ano e aprobada cos votos dos dous Grupos do Goberno Municipal (BNG e PSOE) e co voto en contra do PP acordou solicitar unha moratoria na aplicación de desafuizamentos e a posta en marcha de alugueiros sociais para aquelas vivendas propiedade dos bancos que están baleiras. Estas medidas aprobáronse, explicou Paz Abraira, co voto en contra do Partido Popular.

Asuntos Xunta de Goberno Local
O Concelleiro de Urbanismo, Luis Álvarez, informou dos acordos aprobados na Xunta de Goberno Local e, entre os que destacan a concesión de licenza de obra para unha nova nave no polígono de As Gándaras cun presuposto de 271.108 euros.

Luis Álvarez tamén manifestou a importancia da aprobación das bases reguladoras para a autorización de uso en precario dos locais do edificio de titularidade municipal situado na rúa Monte Faro. Desta maneira, póñense 10 locais máis a disposición de todas aquelas entidades sociais que precisan dun local para desenvolver a súa actividade reforzando aos locais xa existentes da nave de asociacións Clara Campoamor.

O Concelleiro de Urbanismo salientou que “esta medida ten por obxecto facilitar ás asociacións privadas, fundacións públicas ou entidades de iniciativa social que desenvolven a súa actividade no eido dos servizos sociais no termo municipal, un espazo axeitado onde desenvolver a súa actividade”. Así, explicou que para ter dereito á utilización deste novo espazo que conta con 10 locais, as asociacións teñen que estar legalmente constituídas, carecer de ánimo de lucro, realizar programas de contido social e acreditar que os levan desenvolvendo en Lugo dende un mínimo de dous anos atrás. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes dende a súa publicación no BOP que se realizará nos próximos días.


Folga Xeral
A Xunta de Goberno Local, que habitualmente se celebra os mércores, adiantouse esta semana ao día de hoxe por mor da folga xeral convocada para mañá en contra dos recortes sociais. Paz Abraira anunciou que os concelleiros do BNG secundarán a folgo así como o persoal de gabinete das áreas nacionalistas. A concelleira nacionalista explicou que o BNG quere apoiar deste xeito a folga “porque hai razóns de sobra para protestar en contra das medidas inxustas que está aplicando o Partido Popular dende o Goberno central e o Goberno da Xunta para saír desta crise”. Os concelleiros e persoal do BNG xa pediron no Concello que se lles desconte do seu salario a parte correspondente ao día de mañá, no que farán folga. 
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova