Cargando....
Concello de Lugo
19/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Milladoiro actuará en Lugo o vindeiro venres cun concerto recopilatorio dos seus 33 anos de traxectoria musical


# Venres, 16/11/2012
Os alumnos das Escolas de Música da cidade terán a oportunidade de manter un encontro cos membros do grupo previo ao concerto e terán descontos nas entradas 

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
O Concello organizará este tipo de encontros con todos os grupos que veñan tocar ao Auditorio Municipal Gustavo Freire


O Concello de Lugo pon en marcha unha novidosa iniciativa que pretende achegar ao público lucense os artistas que actúen no Auditorio Municipal Gustavo Freire. O tenente alcalde e responsable de Cultura, o nacionalista Antón Bao, anunciou hoxe que todos os grupos e artistas que actúen no auditorio Gustavo Freire manterán previo ao concerto un encontro cos nenos e nenas que estudan música nalgún dos centros de ensino musical, tanto públicos como privados, que hai na cidade.

Esta iniciativa, que se porá en marcha por primeira vez o vindeiro venres co grupo Milladoiro, pretende achegar aos alumnos do Conservatorio, a Escola Municipal de Música e o resto de centros de ensino musicais da cidade, tanto públicos como privados, a experiencia e coñecementos dos distintos grupos e artistas que pasen polo auditorio lucense. “É un orgullo para o Concello de Lugo recibir na nosa cidade a un grupo como é Milladoiro, coñecido por todos, e que dende o ano 1979, no que celebrou o seu primeiro concerto na Coruña, seguiu traballando de xeito continuado na nosa música e protexendo e divulgando o noso patrimonio cultural, e é tamén un orgullo que sexa Milladoiro o que abra esta iniciativa que a partir de agora será habitual e que permiritá aos nenos e nenas da cidade coñecer de primeira man aos seus ídolos musicais e preguntarlles o que queiran aos músicos dos distintos grupos que veñan tocar a Lugo”, dixo antón Bao.

Para o tenente alcalde, “todos os adxetivos serían poucos para cualificar a un grupo como Milladoiro, que marca un antes e un despois na música galega e que son uns dos máximos embaixadores da nosa cultura”, polo que son “o grupo perfecto para dar comezo a estes encontros porque eles son os culpables de que moitos mozos e mozas se engancharan á música galega e de que moita xente despois deles se teña adicado á música nas súas diferentes vertentes”.

Iniciativa pioneira en Galiza

Antón Bao estivo acompañado na presentación desta iniciativa por Moncho García, un dos membros fundadores de Milladoiro. Moncho García cualificou de “moi interesante” a iniciativa que quere poñer en marcha o Concello de Lugo e explicou que Milladoiro ten realizado este tipo de experiencias, que reciben o nome de workshops e son moi frecuentes fóra das nosas fronteiras, en lugares como Xapón, Estados Unidos ou distintos países europeos, pero nunca en Galiza.

Moncho García mostrou o seu agradecemento por poder poñer en marcha esta iniciativa en Lugo, unha cidade, dixo, á que Milladoiro está moi unido dende que comezou a súa traxectoria musical fai 33 anos. “Temos tocado no Círculo das Artes, no Gran Teatro, na Praza de Santa María, no San Froilán e no Gustavo Freire e cada vez que programamos unha xira incluímos a Lugo, porque necesitamos vir aos sitios onde sabemos que se nos quere, é como ir os domingos comer á casa da nai”, comparou.

Explicou que o Auditorio Municipal Gustavo Freire acollerá o vindeiro venres, día 23, un concerto recopilatorio no que Milladoiro, un dos grupos máis destacados do panorama musical galego, repasará, para o público lucense, os temas máis coñecidos da súa traxectoria. O concerto será ás 9 da noite.

Hora do encontro cos artistas (workshop): 19:30 horas

As persoas formen parte da comunidade educativa en escolas de música ou conservatorios da cidade terán a opción de participar nun encontro con integrantes do grupo Milladoiro e ademais disfrutarán dun desconto no prezo das entradas.
 
Prezos:
Entrada na billeteira o día do concerto: 18 €
Entrada a través da web: 15 €
Entradas para escolas de música (solo a través da web): 10 €
 
Para obter o desconto correspondente, ás persoas que asisten ás escolas de música só se poderán mercar as entradas a través da web
 
As persoas que merquen as entradas co correspondente desconto para as escolas de música e conservatorios deberán acreditar a súa condición de alunarroba no momento de recoller a entrada na billeteira presentando o Documento de Identidade acompañado dun documento acreditativo de pertencer á escola de música ou conservatorio (recibo de pago de cuota, documento de matrícula, carnet de alunarroba, etc...). 
Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova