Imprimir

LÓPEZ OROZCO APELA Á DEMOCRACIA PARA EXPLICAR QUE NON ABANDONA A ALCALDÍA DE LUGO, COMO PRETENDE A DEREITA, PORQUE FORON OS VECIÑOS COS SEUS VOTOS QUENES LLE ENCOMENDARON ESA RESPONSABILIDADE E ELES SON OS ÚNICOS LEXITIMADOS PARA ELIXIR ALCALDE


16/11/2012

O Alcalde lembra que xa demostrou a súa inocencia noutros casos investigados pola Xustiza e pregúntase que tería pasado se, naquel momento, tivera deixado o cargo para o que o elixiron os lucenses

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, reiterou esta tarde, nunha comparecencia ante os medios de comunicación na que estivo acompañado polos concelleiros do Grupo socialista, que non dimitirá do cargo, como xa manifestara esta mañá en declaracións ós xornalistas, polo feito de que estea citado a declarar como imputado no Xulgado de instrución número 1.

O Alcalde, que pedira voluntariamente declarar diante da Xuíza que instrúe o chamado caso Pokemon, comparecerá no Xulgado o vindeiro día 22 onde “contestarei co meu leal saber e entender á señora Xuíza a todo o que me queira preguntar e espero que, suceda o mesmo que noutras ocasións, sei que non vai pasar nada porque non fixen nada, nin cohecho, nin cofeito nin rabo de gaitas, nada”.

López Orozco engadiu que “os papeis sosteñen o que lles poñen pero, por riba dos papeis están os feitos que non van deixar lugar a dúbidas e para ir ó Xulgado non hai nada máis grande que a forza interior e non se poden imaxinar qué forza interior teño”.

O Alcalde anunciou que non contempla a hipótese de dimitir do cargo, a pesar do “gusto que lle dariamos a aqueles que están facendo todo o posible para que iso ocorra” e explicou que o mesmo pensan os seus compañeiros de partido e o Grupo municipal socialista.

López Orozco indicou que non dimitirá “por razóns democráticas”, xa que se lle faría un fraco favor á democracia se non foran os cidadáns cos seus votos quen determinaran a elección dun Alcalde, iso sería tanto como “poñer o cargo de Alcalde ó pé dos cabalos”,

“Que tería pasado se eu tivera dimitido cando estiven imputado no caso Campión, ou noutros casos, e despois quedou demostrada a miña inocencia igual que sucederá agora? E qué favor lle tería feito á cidade e ós lucenses que me elixiron para o cargo se eu tivera abandonado daquela?”, preguntouse López Orozco, xa que bastaría con facer denuncias infundadas, coma estas, para quitar e poñer Alcaldes, vulnerando a vontade popular.

“Eu creo na democracia e na división de poderes e iso non é democracia”, concluíu López Orozco.

En referencia ó BNG, o Alcalde expresou o seu respecto “como non podía ser menos, ós meus compañeiros de Goberno e non van encontrar en nós máis que as portas abertas, se pechan a porta a nosa ten retorno, sempre estaremos abertos a que a esquerda goberne a cidade e a procurar, por medios democráticos, que non goberne Lugo a dereita”.