Cargando....
Concello de Lugo
23/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O MIHL abrirá as súas portas este xoves despois de 4 anos de obras de 10 millóns de euros investidos


# Martes, 20/11/2012
Haberá xornada de portas abertas todos os días pola tarde para que os lugueses e luguesas poidan visitar o edificio, situado no parque de Frigsa

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
O Museo Interactivo da Historia de Lugo acollerá a final de mes unha importante exposición de Arte Contemporánea coincidindo co aniversario da Muralla


O Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL) abrirá as súas portas este xoves despois de 4 anos en obras e 10 millóns de euros investidos. O tenente alcalde e responsable de Cultura, o nacionalista Antón Bao, explicou que o edificio, situado no parque de Frigsa e que recibiu numerosos recoñecementos internacionais pola súa singularidade arquitectónica, acollerá unha importante exposición de Arte Contemporánea a finais de mes, coincidindo co XII aniversario da declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade.

O MIHL albergará un contido expositivo permanente de carácter audiovisual que repasa a evolución histórica da cidade de Lugo e converterase ademais nun espazo adicado á arte contemporánea lucense. Bao destacou o valor do propio edificio, de características singulares, e que pola súa modernidade é un espazo idóneo para as creacións artísticas máis vangardistas. Dende o xoves os lucenses que o desexen poderán visitar o edificio, que celebrará xornadas de portas abertas todos os días de 5 da tarde a 9 da noite para que os cidadáns o poidan coñecer.

A exposición de Arte Contemporánea coa que o MIHL comezará a súa andadura inaugurarase o día 29 e será a máis importante das que se realizarán en Galiza neste ano, destacou o tenente alcalde. Trátase dunha exposición colectiva dos principais artistas contemporáneos galegos que acollerá obras cedidas polo CGAC e creacións chegadas dende Nova York de artistas como Murado ou Paco Leiro. A mostra leva por título A obra elixida, artistas galegos dos últimos 30 anos e nela son os propios artistas os que escollen unha obra súa, representativa da súa traxectoria, para esta exposición, convertida así nunha antoloxía da Arte Contemporánea galega. A comisaria da mostra será a lucense Mónica Alonso.

Un edificio formado por cilindros de máis de oito metros de altura

O Museo Interactivo da Historia de Lugo configúrase como un proxecto moi innovador tanto na súa arquitectura como na súa instalación museográfica. A cuberta do edificio é, en realidade, un gran xardín arborado de 11.300 metros cadrados, no que aparecen un conxunto de patios circulares afundidos. O conxunto arquitectónico subterráneo está formado por cilindros de máis de 8 metros de altura.

A idea dos arquitectos Nieto-Sobejano, autores do proxecto, é a dun parque-museo, é dicir, un edificio que xorde da relación coa paisaxe. En realidade gran parte do edificio queda semisoterrado baixo un amplo xardín que se vincula ao próximo Parque da Milagrosa. Uns grandes cilíndricos emerxen transmitindo a imaxe do novo museo á cidade. Exteriormente están revestidos dunha celosía metálica de aceiro corten que se iluminará na noite. No interior, os materiais varían segundo as distintas áreas, e adáptanse ás condicións dun museo interactivo (materiais absorbentes, madeiras, revocos, solados de formigón, chans técnicos, etc.)

En total, a superficie construída é de 4.035 metros cadrados distribuídos en distintas dependencias: a sala da exposición permanente sobre a historia da cidade ocupa 300 metros cadrados, pero o museo contará ademais con outra sala para exposicións temporais de 242 metros cadrados, salón de actos, biblioteca, ademais de cafetería, tenda, administración, etc. É de destacar que o sistema enerxético do edificio farase por medio de caldeiras de biomasa, o que evita o emprego de enerxías non renovables e favorece a súa sostenibilidade.

Unha gran caixa negra para proxeccións cunha pantalla de 10 metros de altura

O edificio do MIHL distribúese en catro plantas:
1.- PLANTA COTA 0m
Corresponde ao nivel de acceso pola cuberta axardinada. Sobresaen unicamente os cilindros principais do edificio, así como os dos ascensores, escaleiras e instalacións.
2.- PLANTA COTA -5,70m
Esta planta inclúe a maior parte dos elementos de programa do edificio. Un gran patio circular de 235 m2 constitúe o centro e acceso do museo. Todos os espazos interiores vincúlanse por medio dun área aberta e flexible de vestíbulo e circulacións. Dous patios menores de 92 m2 e de 17 m2 respectivamente, iluminan as áreas de cafetería e de oficinas. Existen dous espazos expositivos principais: a sala de exposición permanente e a de exposicións temporais. Un espazo circular de menor dimensión, con acceso desde o área común, inclúe a biblioteca do centro.
3.- PLANTA COTA -9,35m
Inclúe espazos de almacén, servizos e caixas de escaleira e ascensores.
4.- PLANTA COTA -13m
Corresponde ao nivel do chan da grande caixa escénica, configurada como espazo audiovisual apto para distintas configuracións. Esta sala ten unha superficie de case 500 m2 (449 m2) e 10 m de altura apta para sofisticadas instalacións audiovisuais, holografías e proxeccións de imaxes virtuais. As proxeccións faranse nunha parede semicircular de 30 metros de base e 10 metros de alto. Para iso dispón de 7 grandes proxectores e 18 puntos de son.

As empresas máis punteiras traballaron no MIHL

Un total de 25 empresas de prestixio internacional optaron á construción do MIHL. O proxecto é obra ds arquitectos Nieto-Sobejano, seleccionados polo Concello de Lugo no mes de marzo do ano 2007 para facer o deseño do edificio. Nieto Sobejano Arquitectos S.L. (Madrid) gañou prestixiosos concursos como o do Museo e sede do Instituto Madinat Al-Zahra de Andalucía; Museo para o Arte Expresionista no Castelo de MoritzBurg de Alemaña; Museo Canario, nas Palmas; Museo San Telmo en San Sebastián; Museo Artístico Contemporáneo en Córdoba; Pazo de Congresos e Exposicións de Mérida.

Da construción encargouse a UTE formada polas empresas Aldesa, Cuadernas e Arcos. Aldesa está considerado como o décimo grupo de construción máis importante do Estado español, o oitavo en obra civil e o noveno en canto a edificación. Entre outras obras, Aldesa fixo o hotel Hilton de Barcelona, a fase II do Centro Comercial Las Rozas Village en Las Rozas (Madrid), o Arquivo Histórico de Lleida, e levou a cabo a rehabilitación do Museo Lázaro Galdeano en Madrid e a musealización do aparcadoiro da Praza de Ramales en Madrid ou a remodelación da Praza de Dalí-Avenida de Felipe II tamén en Madrid. As obras comezaron no verán de 2008.

O contido museográfico permanente, que alberga a exposición audiovisual sobre a evolución da cidade de Lugo ao longo da historia, foi deseñado por Flavia Sparacino, una das maiores especialistas en museoloxía e museografía do mundo.

A singularidade do MIHL mereceu numerosos recoñecementos internacionais no eido da arquitectura e o deseño e recentemente a empresa automobilística coreana Hyundai escolleu o Museo Interactivo da Historia de Lugo como localización para o catálogo comercial do seu próximo modelo de coche de gama alta.


Máis información sobre o edificio en www.lugo.es/ws/mihl

Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova