Cargando....
Concello de Lugo
29/03/20
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde propón a creación dun circuíto de cidades Patrimonio Mundial do Noroeste peninsular no día que Lugo conmemora que hai doce anos a UNESCO lle deu este recoñecemento á Muralla romana


# Venres, 30/11/2012


Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada

O Alcalde interviu na clausura das Xornadas de Cidades amuralladas que tivo lugar hoxe no MIHL

O concelleiro Turismo e Cultura de Valença do Minho pediu o apoio de Lugo á súa candidatura para a declaración como Patrimonio Mundial


O Alcalde de Lugo, José López Orozco, propuxo hoxe a creación dun circuíto de cidades Patrimonio Mundial do Noroeste da Península Ibérica, no que se poderían incluír as cidades de Guimaraes, Oporto, Santiago, A Coruña, Lugo e, algún día, Ferrol e Valença do Minho.

Na súa intervención durante a clausura das Xornadas Cidades/Vilas amuralladas do noroeste peninsular: da investigación á difusión do seu patrimonio histórico-arqueolóxico, López Orozco defendeu que “este circuíto favoreceríanos a todo este grupo de cidades que compartimos características e un espazo común”.

O Alcalde fixo estas declaracións durante o acto de clausura das Xornadas organizadas polo Concello, coa colaboración da Universidade de Santiago de Compostela, dentro do proxecto europeo Muralla Dixital que se celebraron en Lugo cadrando co duodécimo aniversario da declaración da Muralla romana como Patrimonio Mundial pola UNESCO.

A clausura do encontro tivo lugar este mediodía no recén estreado Museo Interactivo da Historia de Lugo, que xa recibiu onte pola tarde, no primeiro día que leva aberto, máis de 700 visitas.

Na súa intervención, o Alcalde lembrou que “hoxe hai doce anos conseguimos a declaración da Muralla romana de Lugo como Patrimonio Mundial pola Unesco e para elo contamos con moitos apoios que nos permitiron acadar ese obxectivo”. Por este motivo, o Alcalde ofreceu o apoio de Lugo tanto a Ferrol como á cidade portuguesa de Valença do Minho que vén de presentar a súa candidatura para a declaración como Patrimonio Mundial.

Precisamente, o Concelleiro de Turismo e Cultura de Valença do Minho, José Monte, destacou que a súa cidade está volcada na conservación e valorización da súa fortaleza, que opta a acadar o recoñecemento da UNESCO e explicou que durante a súa participación nestas Xornadas celebradas en Lugo aproveitou para recoller importantes datos que lles valeran para a defensa da súa candidatura.

O acto, ó que tamén asistiron as Concelleiras de Economía, Emprendemento e Autónomos, Sonia Méndez, e de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, e outros membros da Corporación, rematou coa entrega de diplomas ós participantes neste Encontro.

As Xornadas Cidades/Vilas amuralladas do noroeste peninsular celebráronse durante tres días en Lugo coa asistencia dun cento de persoas. Nelas interviron especialistas universitarios e xestores públicos do patrimonio histórico-arqueolóxico de diferentes cidades e vilas amuralladas de España e Portugal que abordaron as súas experiencias e os problemas, posibilidades e retos que plantexa este tipo de patrimonio cultura.

Entre os relatores figuraron arqueólogos municipais españois e portugueses que coñecen de primeira man a evolución que sufriron as murallas nas distintas cidades e que falaron dos traballos tanto de documentación como de difusión que se están a realizar nos distintos monumentos.

As Xornadas organizáronse ó abeiro do proxecto Muralla Dixital, que lidera o Concello de Lugo e no que participan como socios a Universidade de Santiago de Compostela, Ineo (Asociación Multisectorial de Novas Tecnoloxías da Información e Comunicación), o Centro de Computaáo Gráfica Azurém, a Câmara Municaipal de Valença, a Câmara Municipal de Monçao e a Câmara Municipal de Melgaço.

Este proxecto conta co financiamento da Unión Europea a través dos fondos FEDER, no marco do Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal, que ten como obxectivo principal a creación dunha rede de cidades amuralladas de Galicia e o Norte de Portugal que aposten pola xestión conxunta para a valorización do seu patrimonio histórico-arqueolóxico a través das novas tecnoloxías da información e da comunicación.

Dentro do proxecto Muralla Dixital, o Concello de Lugo tamén está a celebrar catro obradoiros que tratan sobre a dixitalización do patrimonio monumental da cidade.

www.muralladigital.eu

 


Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova