Cargando....
Concello de Lugo
29/10/20
NOVAS
Escoita esta páxina

Os servizos municipais propoñen executar a sentenza da ORA dándolles ás empresas admitidas no concurso un novo prazo para presentar as ofertas técnicas co fin de garantir o segredo das propostas cando as valore o comité de expertos


# Venres, 30/11/2012


Imaxe Asociada Imaxe Asociada

A Xunta de Goberno Local aprobará esta proposta e daralle traslado dela ó Xulgado do Contencioso para que determine se é o xeito correcto de executar a sentenza.

Sonia Méndez denuncia as informacións malintencionadas difundidas polo Partido Popular e lembra que nin a Xustiza nin a empresa cuestionaron a obxectividade do prego de condicións ou dos informes emitidos por técnicos municipais.

.
O Goberno local recibiu hoxe o informe coa proposta encargada no seu día ós servizos de Contratación e Asesoría Xurídica para executar a sentenza do Tribunal Superior de Galicia sobre a sentenza da ORA, segundo informou a Concelleira de Economía, Sonia Méndez.

A proposta, que foi encargada ós servizos municipais cando se comunicou ó Concello a sentenza do TSXG, será trasladada á Xunta de Goberno Local que tomará o acordo, como sempre fai o Goberno local, baseándose nos informes emitidos polos técnicos municipais.

Logo de barallar distintas alternativas, os funcionarios finalmente inclínanse pola “apertura dun novo prazo de presentación proposicións polas empresas que foron admitidas a licitación no seu momento e o nomeamento dun comité de expertos para a valoración dos criterios non avaliables automaticamente, asegurándose por parte do órgano de contratación que a documentación incluída no sobre b se presente de xeito que permita que a realización da valoración por parte do comité se leve a cabo sen coñecemento do contido das proposicións económicas e con carácter previo á valoración destas últimas por parte da mesa de contratación”.

Esta é a proposta que aprobará integramente a Xunta de Goberno Local para dar traslado dela ó Xulgado do Contencioso, que é o encargado da execución da sentenza, e, no caso de que considere correcta esta forma de executala, abrirase un prazo de quince días para que a presentación das propostas.

A Concelleira lembrou que un dos problemas que plantexa a execución desta sentenza, que puxeron de manifesto os xuristas do Concello, é que obriga a convocar un comité de expertos pero plantexa un importante problema legal porque, na práctica, o comité xa coñecía o contido da oferta económica, que foi público, co que se conculcaría un principio fundamental da lei que é o segredo das proposicións co fin de garantir a obxectivade á hora de realizar un informe sobre cuestións non avaliables automaticamente.

Sonia Méndez destacou que este requisito legal do segredo das proposicións cumpriuse no seu día, cando emitiu o seu informe o Servizo de Enxeñería do Concello, que o fixo con total obxectividade e, de feito, nunca foi cuestionada a obxectividade desde informe.

Por iso, finalmente, os xuristas que informan sobre a execución da sentenza propoñen a apertura dun novo prazo de quince días naturais para que presenten os sobres b as catro empresas admitidas a licitación no seu día, que eran catro: Estacionamientos y Servicios S.,A., Grupo Europeo de Servicios Doal, Dornier e Setex Aparkisa.

Polo tanto, unicamente estas catro que se presentaron no seu día á licitación se poden presentar agora, xa que o resto de trámites administrativos, incluído o prego administrativo, foron validados expresamente tanto polo Xulgado Contencioso Administrativo como polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Mala fe do Partido Popular

A Concelleira de Economía tamén criticou por ser falsas e de mala fe as declaracións feitas, nos últimos días, por representantes do PP e pediulles publicamente que “antes de facer afirmacións sen fundamento legal e de dar información terxiversada se documenten, xa que teñen aquí funcionarios para darlles a información que precisen, e que non falen como indocumentados ou como marionetas do seu líder, Jaime Castiñeira” e engadiu que “sería máis produtivo para a cidade que traballaran de boa fe defendendo ó Concello e os intereses dos lucenses e da cidade”.

Concretamente, Sonia Méndez respondeu a unha acusación que considerou “gravísima contra funcionarios do Concello e mesmo contra o Xulgado e o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia”, xa que “din que o prego de condicións e os informes que elaboraron os técnicos do Concello están cargados de subxectividade” a pesar de que “ningunha das sentenzas falou de subxectividade no informe técnico que valorou as propostas, nin o fixo a propia empresa que recorreu a adxudicación, faino unicamente o Partido Popular, a saber que intereses defende cando fala de que os informes e o prego están cargados de subxectividade”.

Ademais, chamou a atención sobre a incoherencia que supoñen estas acusacións posto que “na mesa de contratación que adxudicou este contrato estaba o Partido Popular e, segundo publicou a prensa o 17 de marzo de 2009, o seu representante abstívose pero deu por bos os informes dos técnicos e agora, anos despois, un sucesor seu indocumentado fala de subxectividade e cuestiona os informes dos técnicos municipais”.

“O único que di a sentenza é que tiña que terse constituído un comité de expertos e esa é unha formalidade que os funcionarios do servizo de Contratación, no seu día, estimaron que non era necesario”, explicou Sonia Méndez. Tamén aclarou que “interpretaron que non era necesario porque os criterios das melloras tamén eran avaliables economicamente, posto que se esixía ós licitadores que fixeran unha valoración económica das mesmas”.

A Concelleira engadiu que esa foi unha interpretación que entendemos correcta nun momento no que, lembrou, acababa de entrar en vigor a nova Lei de Contratos Administrativos que creou, por primeira vez, a figura do comité de expertos e este contrato foi o primeiro no que se aplicaba esta Lei, polo que salientou que “o traballo fíxose de boa fe polos técnicos, pensando nos intereses públicos e non os intereses das empresas”.

Tamén desmentiu a Concelleira de Economía que o Goberno local atrasara a execución da sentenza que “non foi firme nin executable ata este verán, cando se pronunciou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, polo tanto é falso que transcorrera un ano e medio desde que tiñamos que executala e tamén é falso que a empresa se beneficiara dende a data da sentenza cun millón e medio de euros, o beneficio empresarial é cincuenta veces menos”.

Ademais, Méndez recordou que “tan pronto recibimos a sentenza demos orde ós funcionarios que estudaran como executala debidamente e puxéronse traballar para executala, hai que lembrar que neste tempo tiveron que continuar co seu traballo, xa que se seguiron tramitando o resto dos asuntos, as mesas de contratación seguiron celebrándose sen ningunha paralización e, ademais, tivemos de darlle prioridade ás peticións de información do Xulgado de instrución número un sobre unha longa lista de contratos do Concello, quince funcionarios adicaron un mes á elaboración dun informe ó que tivemos que darlle prioridade, e ademais tiveron que elaborar este informe para dar solución a unha situación moi complexa que plantexa esta sentenza”.

Por todos estes motivos, a responsable municipal de Economía manifestou que “temos dúbidas sobre os intereses que defende o Partido Popular neste caso, cuestiona que a empresa teña que seguir traballando, cando se trata dun servizo público de regulación dos estacionamentos que non se pode interromper, así que parece que o PP prefería que se seguira prestando o servizo por outra empresa sen ter gañado ningún concurso”.


Escoitar audio:
Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova