Imprimir

LUGO ACOLLE A I SEMANA DO EXERCICIO E A NUTRICIÓN ENTRE O 12 E O 14 DE DECEMBRO


10/12/2012 Actividades físicas, charlas informativas, degustación de produtos ou revisións médicas son algunhas das actividades que se poden realizar

As actividades terán lugar entre as 18:00 e as 20:30 horas na carpa instalada na Praza da Soidade


O Concelleiro de Deportes, José Manuel Díaz Grandío, acompañado do Vicepresidente da Deputación e responsable da área de Deportes, Mario Outeiro, o Presidente da Asociación Provincial de Ximnasios de Lugo, José Manuel Gómez Suárez, a nutricionista, Lidia Carballo, e o Delegado Provincial de Deportes da Xunta de Galicia, Manuel Otero, presentaron a I Semana do Exercicio e a Nutrición que se celebra os días 12, 13 e 14 de decembro na praza da Soidade, en horario de 18:00 a 20:30 horas.

Díaz Grandío manifestou que “este é un proxecto moi interesante para a cidadanía de Lugo ademais de que o sector dos ximnasios é un importante foxo de emprego para a nosa cidade “. Tamén se referiu a que estas xornadas “ofrecerán actividades físicas moi diversas e que as darán a coñecer a moitas persoas que non son usuarios habituais nin dos ximnasios nin da actividade física”.

Trátase dunha iniciativa coa que se dá continuidade a outra proposta, a Iª Festa do Exercicio, que se desenvolveu o ano pasado e que tivo unha gran acollida entre os lucenses. Nesta ocasión, as actividades da Iª Semana do Exercicio e a Nutrición buscan incidir neste obxectivo de concienciación, no convencemento de que a práctica de exercicio de forma constante e a adquisición de hábitos de nutrición saudables teñen a facultade de transformar a vida, tanto a nivel físico como emocional.

Así, durante os tres días as persoas que se acheguen pola carpa poderán practicar actividades como a bioximnasia, pilates, taichí, +rendemento, ou zumba fitness, acceder a accións gratuítas de vixilancia da saúde ou charlas informativas sobre nutrición. Tamén os nenos terán cabida, cun circuíto preparado para eles de motricidade infantil ademais de levar a cabo degustación de alimentos autóctonos e saudables (mel, queixo, castañas…).