Cargando....
Concello de Lugo
29/10/20
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo invertiu preto de 3 millóns de euros en Servizos Sociais en emerxencia social, atención ao domicilio e centros de día


# Luns, 10/12/2012
Ana González Abelleira explicou que o Concello está a realizar un esforzo enorme para axudar a ter unha calidade de vida digna das persoas que máis o precisan

Imaxe Asociada

No Consello Local de Servizos Sociais tamén se acordou instar tanto ao Goberno Central como a Xunta de Galicia para volvan a restablecer as axudas que eliminaron para as persoas con vivenda de protección oficial


A Concelleira de Benestar Social e Igualdade, Ana González Abelleira, presidiu o Consello Local de Servizos Sociais que se celebrou hoxe e no que se deu conta das actuacións levadas a cabo ao longo do ano en servizos sociais.

Ana González Abelleira tamén fixo un repaso das actuacións levadas a cabo dende a súa concellería ao longo do ano. Desta maneira destacou que durante o 2012 fíxose un investimento de case 1.615.075 euros só para desenvolver o servizo de atención ao fogar, no que se atenderon unha media de 500 persoas anuais. González Abelleira tamén destacou que “ se mantiveron as horas do servizo o que permitiu atender a máis xente e ofertar máis servizos como podoloxía ou fisioterapia”.

Polo que respecta aos Centros de Día Municipais, a Concelleira destacou a ocupación do cen por cen e sen lista de espera dos centros, un total de 106 prazas, e sinalou que esta é “unha prestación non financiada autonomicamente e pola que sigue a apostar o Concello de Lugo”. Do mesmo xeito, Ana G. Abelleira destacou o investimento de máis de 777.000 euros no mantemento destas prazas para as persoas maiores que o precisan.

Sobre o servizo de Xantar no Fogar, Abelleira explicou que se repartiron un total de 14.729 menús ao longo do ano, para o que foi necesario un investimento de máis de 75.000 euros. Este servizo tivo unha media de 56 persoas mensuais que pagaban ata un máximo de 4,50 euros polo menú completo que leva almorzo, xantar e cea.

Nesta época de dificultades económicas, a Concelleira de Servizos Sociais salientou o incremento de orzamento para as axudas de emerxencia social, que para este ano 2012 estivo dotado con 150.000 euros e ao que se incrementou a cantidade correspondente á paga extra de nadal á que renunciaron todos os membros da Corporación municipal e que supoñen máis de 40.000 euros. Os principais gastos foron en axudas para pagar alugueres de vivenda, que ocupou o 63%, e para gastos de manutención de vivendas como recibos da auga ou da luz que supuxo un 13% e para gastos de alimentación que supoñen un 14% do total. Este tipo de accións serven para axudar en momentos puntuais a familias ou persoas que precisan cubrir algunha das súas necesidades básicas e non teñan posibilidades económicas.

Redución Axudas á vivenda de protección

No Consello Local de Servizos Sociais tamén se deron a coñecer os recortes que a Xunta de Galicia está facendo, non só ao Concello, senón tamén as entidades promotoras do benestar social na cidade. Desta maneira, a Concelleira de Servizos Socias, explicou que “neste ano, o Concello de Lugo solicitou axudas para diferentes programas que se levan a cabo dende a área de Benestar Social, por exemplo para Axuda no Fogar solicitáronse máis de 600.000 euros e a resolución da Xunta foi a concesión de 72.335, 53 euros, un 74% menos que no ano 2010”. Tamén se reduciron as cantidades que se percibían por parte da Secretaría Xeral de Emigración que pasou de 52.948 na edición do 2011 a 20.074,63 € para este ano 2012.

Ana González Abelleira tamén informou que se tomou a decisión de instar tanto ao Goberno Central como á Xunta de Galicia para que volvan a repoñer as axudas á vivendas de protección oficial que foi eliminada coa aprobación do Real Decreto de xullo deste ano. Neste sentido manifestou que “nin a Xunta nin o Goberno central está pola labor de axudar aos que máis o necesitan senón que aínda empeoran as condicións da cidadanía e obrigando aos Concellos a facer un maior esforzo para axudar aos seus veciños e veciñas”.


Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova