Imprimir

O SOTO DA PRAZA DE ABASTOS ACOLLE ESTE DOMINGO O MERCADO DE NADAL LUCUS MEL CON PRODUTOS DA ABELLA


11/12/2012 O feira estará aberta entre as 10:30 e as 19:00 horas e nela podemos atopar dende produtos á venda como obradoiros e cestas de Nadal

O Concelleiro de Servizos Xerais, Francisco Fraga, acompañado por Suso Asorey, Secretario Técnico da Asociación Galega de Apicultores, e Marcos Varela, delegado en Lugo da mesma asociación presentaron a Lucus Mel Mercado de Nadal dos produtos da abella que se vai celebrar este próximo domingo 16 de decembro e que conta coa colaboración do Concello e da Deputación de Lugo.

Francisco Fraga salientou que “dende o Concello se traballa para dinamizar a Praza de Abastos e agardamos que estas feiras se consoliden para ter actividade durante as fins de semana na Praza”. Tamén destacou que “con esta iniciativa moitos dos mercados e feiras que se celebraban en diferentes lugares da cidade agora teñen como punto de encontro a Praza e o Mercado”.

Este mercado especial abrirá as súas portas ás 10:30 da mañá e pechará ás 19:00 polo que nese espazo de tempo todas as persoas que se acheguen ao soto da Praza de Abastos de Lugo poderán atopar dende exposición e venda de produtos das abellas e de cestas de Nadal con produtos apícolas a degustación de produtos, consultorio, obradoiros de barro e un posto no que se falará dunha especia invasora, a avespa asiática, que pode poñer en risco as colmeas galegas. Tamén se celebrará cada dúas horas o sorteo dunha cesta de produtos apícolas entre os asistentes.

Suso Asorey manifestou que “este mercado nace como unha feira de produtos apícolas onde queremos abrir un escaparate do que se fai en Galicia en materia de apicultura a través de novos produtos destinados non só á alimentación senón tamén a apiterapia e a cosmética”. Neste sentido explicou que un grupo de 25 apiemprendedores están traballando para promocionar o mel galego en todos os seus posibles usos como o alimenticio pero tamén para acadar produtos innovadores e conseguir exportalos a outros mercados europeos.