Cargando....
Concello de Lugo
29/11/21
NOVAS
Escoita esta páxina

Avanzan os traballos de rehabilitación da Ponte romana de Lugo


# Mércores, 12/12/2012
O Alcalde e o Concelleiro de Infraestruturas supervisaron hoxe a marcha das obras

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada

O Alcalde, José López Orozco, e o Concelleiro de Infraestruturas e Zona Rural, Manuel Chaín, inspeccionaron hoxe a marcha das obras de rehabilitación da Ponte romana que leva a cabo o Concello con financiamento propio e dos fondos do 1% cultural do Ministerio de Fomento.

O Alcalde salientou que “se trata dunha obra emblemática, que vai deixar permitir recuperar o estado orixinario da Ponte anterior ás intervencións que modificaron o seu aspecto no século pasado, e que lle vai dar realce a este importante monumento e ós barrios da Ponte e de San Lázaro”.

López Orozco explicou que o presuposto da obra é de 790.000 euros, o 75% do 1% cultural e o 25% restante do Concello. A execución foi contratada á empresa Misturas Obras e Proxectos.

Tamén sinalou que as actuacións recollidas neste proxecto de rehabilitación para a recuperación da morfoloxía orixinal da Ponte, que se completarán coa instalación dunha iluminación que realce este monumento. Para a recuperación do aspecto orixinal lévanse a cabo actuacións como a eliminación das varandas e beirarrúas metálicas, de xeito que as beirarrúas pasarán a estar ó nivel do chan, o que fai necesario desviar o trazado das infraestruturas de telefonía e abastecemento que se ocultaban nas vellas beirarrúas metálicas.

Nestes momentos estase a traballar na retirada da estrutura das beirarrúas metálicas e tamén na retirada da liña telefónica e doutros servizos que ían tendidos baixo elas. De feito xa está preparada a nova canalización para estes servizos que irá pola estrutura da Ponte. Ademais de completar a eliminación das beirarrúas metálicas tamén se suprimirán as varandas, que se substituirán por pretiles de pedra, antes de facer a nova pavimentación que será de pedra procedente dunha canteira de Barreiros e vaise instalar polo sistema de chapacuña. A varanda que se retire da Ponte será reutilizada e poñerase no Paseo Alvaro Cunqueiro.

Outra consecuencia destes traballos de rehabilitación é a redución do ancho da Ponte, xa que anteriormente as beirarrúas estaban feitas nun volado cara afora da Ponte, o que conleva que tráfico de vehículos só poderá facerse nun sentido da circulación, en dirección da cidade cara o barrio da Ponte, mentres non sexa posible convertela en peonil.

Unha das dificultades que se atoparon na execución do proxecto foi a existencia de máis danos dos que se agardaban nas cimentacións das pilastras. Unha vez que se produciu o desvío do cauce do río para poder traballar no arranxo dos danos das cimentacións, comprobouse que estes eran maiores dos previstos e que afectaban a tes e non a dous dos piares, polo que foi necesario calzalo antes de realizar os traballos de rehabilitación.

Esta importante intervención rehabilitadora permitirá que a Vella Ponte de Lugo recupere a dignidade que merece este monumento da enxeñería que nos legaron os romanos.

Os traballos de rehabilitación que se realizan na Ponte permitiron determinar, entre outros datos, que foi levantada no século I e que o seu ancho orixinal era de sete metros.

A Ponte foi construída polos romanos para salvar o río Miño e formaba parte da vía número XIX do Itinerario de Antonino que comunicaba Lucus Augusti con Bracara Augusta. Na Baixa Idade Media sufriu restauracións de certa importancia e foi reparada de novo durante a Idade Moderna. Xa no ano 1893 volveu ser obxecto de obras que modificaron bastante o seu aspecto orixinal.



Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova