Cargando....
Concello de Lugo
18/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde defende un cambio das políticas económicas para que a saída da crise non sexa a costa da maioría da poboación


# Xoves, 13/12/2012
Esta mañá entregáronse os diplomas ós participantes no curso de Reforma de interiores organizado polo Plan Urban

Imaxe Asociada Imaxe Asociada

O Alcalde, José López Orozco; a Concelleira de Economía, Emprendemento e Autónomos, Sonia Méndez; o Deputado provincial Álvaro Santos Ramos e o Presidente da Fundación Laboral da Construción, Hipólito Trinidad, entregaron hoxe os diplomas ós participantes no curso de Reforma de interiores que organizou o Plan Urban.

No acto, o Alcalde cualificou de exemplar a colaboración entre distintas entidades para realizar este tipo de cursos que contribúen á formación de traballadores en oficios asociados á rehabilitación, que é agora mesmo o campo máis demandado no sector da construción. Neste sentido, López Orozco manifestou que o Concello ten o obxectivo de contar cunha nova Área de Rehabilitación Integral, logo do éxito das actuacións desenvolvidas nas zonas do Centro histórico e no barrio do Sagrado Corazón.

Ademais, López Orozco anunciou a intención do Concello de seguir coa colaboración que mantén coa Fundación Laboral da Construción e dixo que “aquí está a man do Concello para seguir colaborando; se outros non o fan, nós si que o seguiremos a facer”.

Para o Alcalde, a saída da crise nos países do Sur de Europa, como España, precisa un cambio de rumbo na política económica, xa que, segundo explicou, “estou convencido de que, se seguimos coas políticas de recortes, recortes e recortes non iremos para arriba”. López Orozco considera que “hoxe, máis que nunca, é necesario o investimento privado e o investimento público” e destacou que esa é a opción elixida por países como os Estados Unidos e o Brasil.

Tamén opinou o Alcalde que os continuos recortes só favorecen a unha pequena porcentaxe da poboación, en detrimento da inmensa maioría. “Estou convencido de que o imos pagar ó 99% da poboación mentres o 1% sae máis ratificado nos seus privilexios”.

Pola súa parte, o Presidente da Fundación Laboral da Construción lembrou o papel desta entidade que forman patronal e sindicatos e agradeceu a sensibilidade do Concello e da Deputación provincial por confiar na Fundación para a organización de cursos como o de Reforma de interiores e destacou que “accións formativas como esta son unha inversión de futuro”.

No curso de Reforma de interiores recibiron formación 15 alumnos, 6 mulleres e 9 homes, con especiais dificultades para o acceso ó mercado laboral.

Esta acción formativa, de 360 horas de duración, impartiuna a Fundación Laboral da Construción entre os meses de xullo e novembro.

Durante ese tempo, os alumnos recibiron 310 horas de formación práctica nos oficios
de electricidade, fontanería-calefacción e pintura; outras 48 horas de prevención de riscos laborais e 2 horas de formación ambiental.

Os participantes que non percibían outros ingresos públicos por desemprego beneficiáronse dunha bolsa de 399 euros/mes.

Como consecuencia da súa asistencia a este curso, sete dos alumnos están traballando nos oficios para os que recibiron formación nas obras de rehabilitación do Vello Cárcere, que tamén se financian co Plan Urban.

Grazas ó Plan Urban, que cofinancian a Unión Europea, o Concello e a Deputación, o Goberno local xa leva organizados en Lugo cursos de formación ocupacional en madeira, cantaría e reforma de interiores cun total de 35 alumnos. O investimento nestas accións formativas foi de 162.200 euros.

www.lugo.es/urban

 




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova