Imprimir

SEIS CURSOS DE INFORMÁTICA IMPARTIRANSE EN XANEIRO NO TELECENTRO DO CASTIÑEIRO


14/12/2012

A Concellería de Servizos Xerais e Modernización Administrativa, que dirixe Francisco Fraga, informa da programación de cursos de informática que se desenvolverán durante o mes de xaneiro no Telecentro do Castiñeiro.

A programación consta de seis cursos que se impartirán de luns a venres con horarios de 10.20 a 13.30 horas, polas mañás, e de 17.00 a 20.00 horas polas tardes. Tratarán sobre Informática, Informática Avanzada, Internet, Internet Avanzado, Creación de páxinas web e Redes Sociais.

As actividades comezarán o día 7 de xaneiro e as inscricións realizaranse entre os días 15 e 30 deste mes.

Desta maneira na Aula Multimedia do Castiñeiro séguese levando a cabo unha programación formativa dirixida a toda a poboación. Os beneficiarios destes cursos son, sobre todo, xente con idades comprendidas entre 45 e 75 anos e persoas desempregadas, que queren ter máis formación á hora de buscar traballo.

As actividades que se levan a cabo no Telecentro do Castiñeiro están a ter moito éxito, posto que na maioría dos cursos complétanse tódalas prazas e algúns teñen persoas en lista de agarda.

Con iniciativas como esta o Concello pretende achegar a tódolos veciños e veciñas de Lugo o uso das novas tecnoloxías, ensinándolles as vantaxes da súa utilización nas súas prácticas diarias e os beneficios que poden proporcionarlles ás súas vidas.

As actividades comezarán o día 7 de xaneiro e as inscricións realizaranse entre os días 15 e 30 deste mes.

Para máis información e inscricións hai que chamar ó teléfono 010 de atención cidadá do Concello de Lugo. 

Coñeza o programa de cursos e as normas de inscrición para xaneiro de 2013.